Folga na Atención Primaria do Baixo Miño: "Non é que teñamos picos de colapso, o colapso é a base"

Fachada do centro de saúde da Guarda cunha pancarta pola folga dos profesionais sanitarios CC-BY-NC-SA Praza.gal/cedida

CIG Saúde convocou unha folga para todo o persoal dos centros de saúde da Guarda, O Rosal e Oia ata o día 24 pola "situación de sobrecarga e presión" e a falta de médicos de Familia

"Un día normal é que nos encontremos que, de oito médicos de Familia do cadro de persoal entre os turnos de mañá e de tarde, esteamos pola mañá tres e pola tarde un. Tendo que asumir toda a consulta de citados máis as consultas forzadas –por urxentes– que nos corresponden do noso cupo de pacientes, incluíndo as que xurdan dos cupos que están sen cubrir, ou mal cubertos con prolongacións doutros compañeiros por días concretos. E, polas tardes, engadindo a isto a posibilidade de que o persoal do PAC saia cunha emerxencia ao hospital de Vigo e teñamos que atender as urxencias derivadas tamén do PAC". 

O médico de Familia do centro de saúde da Guarda Álvaro Lamas resume así o que considera que é unha xornada "normal" de traballo no ano e tres meses que leva pasando consulta no Baixo Miño. "Nunca vin a máis do 60% do persoal médico traballando á vez –explica–. Non é que teñamos picos de colapso. O colapso é a base e, despois, están os picos de desastre xa absoluto". A CIG Saúde ten convocada unha folga tanto na Atención Primaria como nos PACs dos concellos da Guarda, O Rosal e Oia do 21 ao 24 de decembro. 

Manifestación na defensa da sanidade pública en en apoio á folga do persoal, este 21 de decembro na Guarda CC-BY-NC-SA Plataforma en defensa da sanidade pública da Guarda

"A cuestión é clara: a nosa responsabilidade é atender aos nosos pacientes e a do Sergas é pór os medios e o persoal axeitado para poder facelo", di o médico Álvaro Lamas

Álvaro Lamas, que forma parte do comité de folga na Guarda, incide en que este "golpe na mesa" chega porque as médicas e médicos de Familia destes concellos non queren "parecer cómplices" da maneira na que están tendo que realizar o seu labor asistencial. A "situación de sobrecarga e presión" xa provoca "demoras na atención de patoloxías graves", unha maior dificultade para o diagnóstico clínico e a "desaparición do seguimento das persoas con enfermidades crónicas", aparte da "factura psicolóxica, emocional e física" para os profesionais e a incidencia da pandemia.

A resposta do Sergas á convocatoria de folga foi "reiterar que hai moitas baixas e non atopan xente para cubrilas". "A cuestión é clara: a nosa responsabilidade é atender aos nosos pacientes e a deles é pór os medios e o persoal axeitado para poder facelo. Iso require inversión e orzamento, e os orzamentos de Atención Primaria son minguantes ano a ano. Poden facernos moitas promesas e moitos plans de mellora, pero se mantemos este orzamento minguante non podemos máis que aumentar a presión", salienta Lamas. 

As plataformas en defensa da sanidade pública do Rosal, Oia, A Guarda e Tomiño convocaron unha manifestación desde a alameda da Guarda "contra o desmantelamento da atención primaria" este martes, que reuniu a veciñanza en apoio das profesionais sanitarias. Ademais, durante os días de folga haberá concentracións nos centros de saúde destas vilas.

O secretario comarcal da CIG Saúde de Vigo, Manuel González Moreira, traslada que o respaldo da folga está a ser "absolutamente masivo" xa que "practicamente todos os profesionais que están facendo labor asistencial están de mínimos". "Os profesionais non son culpables da situación, pero tampouco queren ser cómplices", reitera, para lembrar que "isto vén de antes da pandemia, pola falta de recursos que xa había para atender en condicións dignas a cidadanía". 

A porta da consulta do doutor Álvaro Lamas, membro do comité de folga, no centro de saúde da Guarda CC-BY-NC-SA Praza.gal/cedida

"Con 27 pacientes por ver na Guarda, mobilizáronme ao Rosal porque non había médico e, finalmente, máis de 10 persoas quedaron sen atender", lamenta Álvaro Lamas

Descrita a situación "normal", Lamas conta "cousas peores" que puideron sucederlle esta mesma semana (e que aínda poden producirse nos vindeiros días): "Pasou que, como no Rosal non hai médico, con 50 citados e 27 persoas por ver, mobilizáronme en taxi a atender un paciente cunha clínica que requería atención urxente no centro de saúde do Rosal. E tiven que acompañalo ao hospital de Vigo, deixando finalmente máis de 10 persoas sen atender na miña consulta". 

De feito, no centro de saúde do Rosal non se están a cumprir os servizos mínimos indicados polo Sergas para a folga porque non hai ningún médico de Familia para pasar consulta alí. Na memoria das e dos profesionais sanitarios está a tarde de agosto de 2018 na que un doente faleceu no PAC da Estrada sen recibir atención porque non había médicos nese momento, unha circunstancia coñecida polo Sergas. Igual que a que está a suceder agora. 

"É un dos medos que temos, xa que a reclamación dun segundo equipo neste PAC se vén facendo ao longo de máis de 10 anos. E a mantemos no programa de reivindicacións desta folga precisamente porque hai unha hora de distancia con respecto ao hospital de referencia e con algúns domicilios que se ubican na Serra da Groba, polo que se xeran un alto número de horas cada noite nas que non hai persoal sanitario no PAC para poder atender", debulla o facultativo de Primaria. 

"Todo isto non se resolve con voluntarismo, non é suficiente, non chegamos", di o médico da Guarda

"Moitas veces pensamos: estarémolo facendo ben? Volvemos para casa pensando en que non tivemos opción de facer o noso traballo en condicións e que se nos puideron escapar cousas. Por sorte, temos un equipo humano excepcional a todos os niveis, que deixa o mellor de si cada día para garantir un mínimo de calidade na asistencia. Que pasa? Que todo isto non se resolve con voluntarismo, non é suficiente, non chegamos", defende Álvaro Lamas, que percibe unha reacción "maioritaria" de adhesión e respaldo da cidadanía "que vive as consecuencias no seu día a día".

Na convocatoria de folga na Guarda, O Rosal e Oia reclámase "a cobertura do 100% das ausencias con contratos estables e prolongados para evitar a perda da continuidade asistencial" e que "se reduza a penosidade de traballar nos centros de saúde periféricos", ademais de ese segundo equipo de profesionais para o PAC da Guarda. "Non podemos pasar por menos porque é o servizo que merece a xente desta comarca", asevera Lamas. 

Persoal sanitario da Guarda, na manifestación deste 21 de decembro de 2021 CC-BY-NC-SA Plataforma en defensa da sanidade pública da Guarda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.