Contra as cinco e media da tarde do 4 de agosto de 2018, José Manuel Brey acudiu ao punto de atención continuada (PAC) do Sergas na Estrada acompañado da súa esposa e outra familiar. O paciente, de 65 anos, padecía Parkinson e era invidente. Levaba varios días padecendo náuseas, dores de estómago e outras indisposicións. Cando chegou ao PAC -situado no antigo centro de saúde da vila-, José Manuel e as súas familiares foron informados de que a única doutora de garda no centro naquela tarde de verán tivera que saír atender un caso urxente que incluíu un traslado en ambulancia ata o Clínico de Santiago. "Sufriu unha indisposición, tentou vomitar e non puido". E ao non ser quen de expulsar o vómito, "atragoouse e morreu asfixiado" algo máis de dúas horas despois.
A única médica dispoñible no PAC tivera que saír atender unha urxencia
O caso de José Manuel Brey tivera un notable impacto social e político nos días, semanas e meses despois de se producir. A propia Xunta admitira os feitos, pero desligáraos da súa xestión. Agora, unha sentenza do Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra vén de sinalar o propio Servizo Galego de Saúde como responsable do acontecido en última instancia. Faino nunha sentenza que absolve o médico xulgado por non acudir a cubrir a garda no PAC estradense naquela tarde.
Os feitos axuizados refírense á causa pola que naquela tarde o PAC da Estrada quedou sen médico. Segundo consta nos feitos que a sentenza dá por probados, estaba previsto que o centro tivese un doutor de reforzo, un médico que un mes e medio antes, o 13 de xuño "aceptara realizar a garda" nese PAC de tres da tarde a dez da noite. Pero o facultativo esqueceuno e, "dentro dos tres primeiros días do mes de agosto", o propio Sergas ofreceulle estar de garda noutro PAC, en Vilagarcía, e aceptouno.
Era no centro vilagarcián onde se atopaba traballando o doutor, ao que o xulgado absolve da acusación "dun delito de homicidio por imprudencia grave en comisión por omisión". O xuíz determina a absolución porque "case dúas horas antes" de que José Manuel Brey chegase ao PAC e "máis de tres horas e vinte antes de que se detectasen os síntomas" que derivaron na súa morte, a única médica dispoñible no centro "comunicou telefonicamente á Estrutura Organizativa de Xestión Integrada" do Sergas en Santiago -a xerencia- que "o facultativo de reforzo non acudira".
O xulgado absolve o médico que aceptara cubrir a garda na Estrada na tarde dos feitos, cando foi traballar ao PAC de Vilagarcía, porque horas antes da morte do paciente o Sergas xa coñecía a súa ausencia e "debeu adoptar medidas para solventar a situación"
Aínda que inicialmente non deron contactado con el, pouco despois os responsables do Sergas si conseguiron falar con el, "e díxolles que estaba no PAC de Vilagarcía". Acto seguido, sempre segundo a sentenza, o persoal de garda na xerencia "realizou chamadas a todos os posibles facultativos dispoñibles dunha listaxe de catro" e "ningún deles pode acudir".
É nese punto cando "a directiva de garda", seguindo os protocolos, comunica a situación ao "responsable asistencial de atención primaria", que "lle indica que nesas datas vai ser imposible que alguén poida acudir a cubrir o reforzo" ata as dez da noite, polo que o PAC da Estrada tería que "quedar cun só facultativo, que é a dotación habitual do PAC de luns a venres" pola tarde e "todos os días" dende as dez da noite. O responsable, segundo o ditame xudicial, agregou que "a médico que está xa é veterana" e "en caso de ter que ausentarse do centro, pono en coñecemento do 061, seguindo o protocolo habitual".
Con estes feitos sobre a mesa e tras estudar dous informes periciais de senllos facultativos, o xuíz chega á conclusión de que o médico que esqueceu acudir á garda e se atopaba traballando noutro consultorio non é o responsable da morte de José Manuel Brey. No entanto, agrega que "se estivese un facultativo prestando o servizo de garda no PAC" cando se desencadearon os síntomas, "poderíase evitar o falecemento", xa que os síntomas que padecía o paciente, como doente de Parkinson, suporían un "signo de alerta para calquera facultativo de que podía producirse un vómito" e que, "polo tanto, se debía actuar conforme ao protocolo" como "colocar o paciente en determinada postura, aspiración, etc.", o que "evitaría o vómito e con isto, o falecemento".
O xuíz conclúe que "se estivese un facultativo prestando o servizo de garda" poderíase "evitar o falecemento"
Neste contexto, o xuíz conclúe que o esquecemento do médico "poderá ter reproche moral, social, ético e mesmo disciplinario", pero "non penal", porque horas antes da morte de José Manuel "o Sergas xa tiña coñecemento da situación" e, sabendo que o doutor "non podía cubrir a garda da Estrada porque estaba cubrindo a de Vilagarcía", debeu "adoptar as medidas necesarias para solventar a situación". "Dende que tivo coñecemento" de que o médico non ía acudir, "o Sergas asumiu a posición de garante", polo que "cando chega a vítima demandando asistencia facultativa, non pesaba xa sobre o acusado a obriga de actuar".
É por todo isto polo que o médico é absolto e con esta absolución, a Xunta queda exonerada dunha eventual responsabilidade civil, "sen prexuízo do dereito" da familia de José Manuel ao exercicio das accións" xudiciais que consideren, sinal. Mentres, na propia sentenza transloce que, tras esta morte no PAC da Estrada, o propio Sergas introduciu algúns cambios na xestión das gardas para "tentar que non volvese" pasar o mesmo, tales como avisar os médicos por SMS e non só por conversa ou a "instauración dunha garda localizada por área".