- O Sergas retruca ás peticións de explicacións pola morte da Estrada que os PAC son "un modelo de éxito"
- Familiares do falecido no PAC da Estrada sen atención médica: "Esta é unha consecuencia palpable dos recortes"
Escaseza de persoal médico. É o principal argumento que o Servizo Galego de Saúde e a Consellería de Sanidade veñen empregando nos últimos anos como resposta ás protestas profesionais, sindicais e políticas pola falta de cobertura de vacacións ou baixas ou polo recorte de prazas en determinadas especialidades, algunhas especialmente sensibles como a cirurxía pediátrica. A morte dun home no Punto de Atención Continuada (PAC) da Estrada sen ser atendido porque a única doutora do centro tivera que saír a outra urxencia vén de disparar novamente as alarmas. Mentres a familia do falecido confirma que vai emprender accións legais contra Sanidade, ás reclamacións do persoal dos PAC, das centrais sindicais e de colectivos en defensa da sanidade pública vénse de unir a voz unánime dos catro Colexios Médicos de Galicia: o Sergas, advirten, debe "reaccionar".
Nun manifesto conxunto as catro entidades profesionais -unha por provincia- volve denunciar a "sobrecarga" que "en demasiados momentos" está a sufrir o persoal facultativo que, afirman, malia todo "está a dar unha resposta asistencial de calidade". Os Colexios anticípanse á previsible resposta gobernamental e advirten de que "se ben é certo que existe escaseza de médicos", esta "non pode ser a única resposta da Administración aos problemas". "Durante estes aos dende os Colexios, Sociedades Científicas e outras instancias fixéronse propostas para diminuír estas carencias" e, simplemente, "non tiveron resposta", din.
A familia do falecido confirma que vai emprender accións legais contra Sanidade
A xuízo dos Colexios Médicos galegos a Dirección de Recursos Humanos do Sergas non é quen de amosar unha "reacción suficiente" para "tomar as decisión e medidas necesarias" para "fidelizar e atraer novos pesecialistas" nin para "aproveitar ao máximo os recursos dispoñibles con ofertas razoables aos médicos" dos que xa dispón para así procurar a "máxima cobertura posible nos dispositivos asistenciais tanto en actividade ordinaria como urxente". Limítase, veñen lamentar, a constatar a escaseza.
"Se ben é certo que existe escaseza de médicos, esta non poder ser a única resposta da Administración aos problemas", di o Consello de Colexios Médicos de Galicia, que reclama ao Sergas un "plan urxente" para "manter a calidade asistencial na Atención Primaria"
"Sen cambios rápidos e contundentes na política de recursos humanos" que "transcendan as barreiras administrativas, que nunca poden estar por riba das necesidades reais", matizan, os "problemas na atención primaria de Galicia multiplicaranse a curto e medio prazo". Segundo os Colexios, outras comunidades autónomas "xa os están implementando" e por iso o Consello Galego de Colexios Médicos vólvese "poñer á disposición da Consellería" para "achegar propostas e participar nun plan urxente" que "permita a sostibilidade e o mantemento da calidade asistencial da Atención Primaria en Galicia".
O centro da Estrada, premiado tres anos co aval da Universidade Rey Juan Carlos
O xefe do servizo de Atención Primaria da Estrada, tras recoller o premio do 2017, en imaxes difundidas pola organización dos galardóns
Os premios 'Best in Class', ligados a multinacionais sanitarias, distinguiron o centro de saúde estradense como "o mellor" do Estado en 2014, 2016, e 2017
Tras o falecemento do paciente da Estrada profesionais do sector están a poñer o foco sobre o contraste entre carencias dese PAC e o feito de que o mesmo centro de saúde fose premiado ata tres veces nos últimos anos como o "mellor centro de atención primaria" do Estado. Efectivamente, ese galardón existiu nos anos 2014, 2016 e 2017 no marco do certame Best In Class. Estes premios promóvenos a publicación Gaceta Médica -pertencente á axencia de comunicación Wecare-U, especializada en temas sanitarios- e a Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rey Juan Carlos, financiada dende a multinacional Janssen, división farmacéutica do grupo Johnson&Johnson.
Estes galardóns, outorgados a partir da cobertura de cuestionarios e da valoración dun "comité de expertos" -formado por membros da organización, pero tamén representantes de sociedades médicas e dalgunhas comunidades autónomas-, consideraron neses tres anos que o "servizo de Atención Primaria" da Estrada, pertencente á área sanitaria de Santiago, foi o "mellor" en canto á asistencia a pacientes e servizo xeral. Tras recoller o premio de 2017 o xefe do servizo de Atención Primaria da Estrada, Juan José Sánchez, considerouno como unha mostra de que "estamos nun éxito sostido" e "imos camiño da excelencia", afirmara en declaracións difundidas daquela polos organizadores.