0 Gardados para despois

Os catro colexios médicos esixen ao Sergas que "reaccione" na cobertura de prazas tras a morte no PAC da Estrada

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Escaseza de persoal médico. É o principal argumento que o Servizo Galego de Saúde e a Consellería de Sanidade veñen empregando nos últimos anos como resposta ás protestas profesionais, sindicais e políticas pola falta de cobertura de vacacións ou baixas ou polo recorte de prazas en determinadas especialidades, algunhas especialmente sensibles como a cirurxía pediátrica. A morte dun home no Punto de Atención Continuada (PAC) da Estrada sen ser atendido porque a única doutora do centro tivera que saír a outra urxencia vén de disparar novamente as alarmas. Mentres a familia do falecido confirma que vai emprender accións legais contra Sanidade, ás reclamacións do persoal dos PAC, das centrais sindicais e de colectivos en defensa da sanidade pública vénse de unir a voz unánime dos catro Colexios Médicos de Galicia: o Sergas, advirten, debe "reaccionar".

Nun manifesto conxunto as catro entidades profesionais -unha por provincia- volve denunciar a "sobrecarga" que "en demasiados momentos" está a sufrir o persoal facultativo que, afirman, malia todo "está a dar unha resposta asistencial de calidade". Os Colexios anticípanse á previsible resposta gobernamental e advirten de que "se ben é certo que existe escaseza de médicos", esta "non pode ser a única resposta da Administración aos problemas". "Durante estes aos dende os Colexios, Sociedades Científicas e outras instancias fixéronse propostas para diminuír estas carencias" e, simplemente, "non tiveron resposta", din.

A familia do falecido confirma que vai emprender accións legais contra Sanidade

A xuízo dos Colexios Médicos galegos a Dirección de Recursos Humanos do Sergas non é quen de amosar unha "reacción suficiente" para "tomar as decisión e medidas necesarias" para "fidelizar e atraer novos pesecialistas" nin para "aproveitar ao máximo os recursos dispoñibles con ofertas razoables aos médicos" dos que xa dispón para así  procurar a "máxima cobertura posible nos dispositivos asistenciais tanto en actividade ordinaria como urxente". Limítase, veñen lamentar, a constatar a escaseza.

"Se ben é certo que existe escaseza de médicos, esta non poder ser a única resposta da Administración aos problemas", di o Consello de Colexios Médicos de Galicia, que reclama ao Sergas un "plan urxente" para "manter a calidade asistencial na Atención Primaria"

"Sen cambios rápidos e contundentes na política de recursos humanos" que "transcendan as barreiras administrativas, que nunca poden estar por riba das necesidades reais", matizan, os "problemas na atención primaria de Galicia multiplicaranse a curto e medio prazo". Segundo os Colexios, outras comunidades autónomas "xa os están implementando" e por iso o Consello Galego de Colexios Médicos vólvese "poñer á disposición da Consellería" para "achegar propostas e participar nun plan urxente" que "permita a sostibilidade e o mantemento da calidade asistencial da Atención Primaria en Galicia".

O centro da Estrada, premiado tres anos co aval da Universidade Rey Juan Carlos

O xefe do servizo de Atención Primaria da Estrada, tras recoller o premio do 2017, en imaxes difundidas pola organización dos galardóns

Os premios 'Best in Class', ligados a multinacionais sanitarias, distinguiron o centro de saúde estradense como "o mellor" do Estado en 2014, 2016, e 2017

Tras o falecemento do paciente da Estrada profesionais do sector están a poñer o foco sobre o contraste entre carencias dese PAC e o feito de que o mesmo centro de saúde fose premiado ata tres veces nos últimos anos como o "mellor centro de atención primaria" do Estado. Efectivamente, ese galardón existiu nos anos 2014, 2016 e 2017 no marco do certame Best In Class. Estes premios promóvenos a publicación Gaceta Médica -pertencente á axencia de comunicación Wecare-U, especializada en temas sanitarios- e a Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rey Juan Carlos, financiada dende a multinacional Janssen, división farmacéutica do grupo Johnson&Johnson.

Estes galardóns, outorgados a partir da cobertura de cuestionarios e da valoración dun "comité de expertos" -formado por membros da organización, pero tamén representantes de sociedades médicas e dalgunhas comunidades autónomas-, consideraron neses tres anos que o "servizo de Atención Primaria" da Estrada, pertencente á área sanitaria de Santiago, foi o "mellor" en canto á asistencia a pacientes e servizo xeral. Tras recoller o premio de 2017 o xefe do servizo de Atención Primaria da Estrada, Juan José Sánchez, considerouno como unha mostra de que "estamos nun éxito sostido" e "imos camiño da excelencia", afirmara en declaracións difundidas daquela polos organizadores.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O Sergas retruca ás peticións de explicacións pola morte da Estrada que os PAC son "un modelo de éxito"

Instalacións dun centro médico do Sergas / Sergas

D.L.

Persoal dos Puntos de Atención Continuada, os catro colexios médicos galegos, asociacións para a defensa da sanidade pública, sindicatos e a oposición parlamentaria en pleno esixen dende o pasado sábado á Consellería de Sanidade explicacións sobre o falecemento dun home no PAC da Estrada sen atención médica e medidas para que un suceso coma este non se repita. Cómpre, subliñan, que o Servizo Galego de Saúde garanta que os PAC queden atendidos por persoal facultativo cando o persoal médico de garda teña que saír atender unha urxencia fóra do centro. Tras o primeiro pronunciamento público, no que admitiu os feitos e só matizou que o falecido padecía "unha enfermidade crónica avanzada", o Sergas tenta agora facer fronte ao aluvión de críticas advertindo de que os PAC galego son "un modelo de éxito".

O Sergas tenta facer fronte ao aluvión de críticas "destacando" que os PAC resolven "o 90%" das urxencias que atenden e o PP insta a non facer "valoracións políticas" do acontecido

Nun comunicado remitido á prensa mentres En Marea, PSdeG e BNG reiteraban a dupla esixencia de comparecencia parlamentaria do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e de medidas concretas para paliar o déficit de médicos, o Sergas apostou por "destacar" que "os PAC teñen unha porcentaxe de resolución das urxencias superior ao 90%", o que no pasado ano supuxo resolve nove de cada dez dos 1,5 millóns de casos atendidos nestes centros, 91 en todo o país. "Son un modelo de éxito, posto que cada día atenden unha media de 4.000 persoas", acrecenta o departamento público, que reitera ademais que Almuiña ten o "compromiso" de "diálogo co persoal" e de "analizar as súas reivindicacións". O PP, pola súa banda, esixiu a través do seu secretario xeral, Miguel Tellado, non realizar "valoracións políticas" ao respecto.

Eva Solla (En Marea), Gonzalo Caballero (PSdeG) e Montse Prado (BNG) con persoal dos PAC / En Marea-PSdeG-BNG

Mentres, a oposición insiste en que esta situación xa fora advertida. "A Xunta non pode botar as mans á cabeza, levamos anos denunciando esta situación", afirma a voceira de En Marea en materia sanitaria, Eva Solla, quen ademais censura que hai escasos meses a Consellería "ridiculizase a proposta de En Marea de traer persoal de fóra", medida que así e todo foi introducida na recente reforma sanitaria cunha emenda do PP. "A Xunta -resume Solla- non só ten que contratar persoal sanitario de xeito urxente, senón tamén modificar o tipo de contratación para que queden, por que na actualidade a precariedade é a norma".

En Marea, PSdeG e BNG insisten en que denuncian dende hai meses as carencias de persoal do Sergas e reclaman cubrir vacantes sen "precariedade" laboral

Tamén dende o PSdeG o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, lembraba este mérocres que o seu partido xa rexistrou a solicitude de comparecencia do conselleiro, insistindo ademais na necesidade de mudanzas "estruturais". "Non é de recibo -subliña Caballero- que un paciente acuda a un centro no que ten que existir atención continuada e non exista ningún médico", xa que "non podemos acostumarnos ao que non é normal". Só así, coida o socialista, poderá evitarse que unha "excepcionalidade" como a acontecida na Estrada acabe tendo consecuencias "nefastas". 

Dende o BNG a súa voceira en materia sanitaria Montse Prado, ligou tamén este "grave" feito aos "recortes do PP" e instou a Xunta a "despois de saber cales son as prioridades" mediante o diálogo co persoal, "convocar todas as prazas vacantes no Sergas con emprego de calidade". Fíxoo nunha comparecencia pública en compaña de persoal dos PAC da Guarda, Tui e Vigo, que a través de Carlos Gabián, traballador do punto de atención continuada tudense, denunciou a "saturación" destes servizo. "Sentímonos maltratados e pedimos á Administración que reflexione; as quendas de traballo cada vez son maiores, os PAC non están dotados de persoal dabondo, temos problemas de conciliación e, desgraciadamente, o acontecido no PAC da Estrada pode repetirse", advirte.