A familia do home falecido no PAC da Estrada sen atención médica: "Esta é unha consecuencia palpable dos recortes"

Centro de saúde no que se atopa o PAC da Estrada Dominio Público Google

O pasado sábado José Manuel sentiuse indisposto. Levaba uns días a padecer dores de estómago e náuseas, o que semellaba un proceso vírico que lle provocou unha nova suba da febre e por iso deu en acudir ao médico acompañado da súa esposa e mais da súa tía. Achegáronse ao Punto de Atención Continuada (PAC) da Estrada, a súa vila natal, á que regresaba frecuentemente dende o seu lugar de residencia, en Asturias. Ao chegaren ao PAC, servizo indicado para as urxencias de atención primaria fóra do horario ordinario, atopáronse con que nese intre o centro non dispuña de profesionais médicos. O equipo de garda tivera que saír para atender un servizo urxente. Cando a doutora puido regresar, José Manuel, de 65 anos, xa falecera. A familia ve no acontecido unha desgraciada e "palpable" consecuencia dos recortes.

"Chegou alí e dixéronlle que non había médico porque estaba nunha saída" en Santiago, relata en declaracións a Praza.gal o seu curmán, Manuel Pereira. José Manuel, que padecía parkinson e era invidente, tivo que agardar xunto ao resto de pacientes e mentres esperaba comezou a atoparse peor. "Sufriu unha indisposición, tentou vomitar e non puido". E ao non ser quen de expulsar o vómito, "atragoouse e morreu asfixiado". Nese momento o único membro do cadro de persoal do PAC era un administrativo. Unha enfermeira do Clínico de Santiago que casualmente se atopaba na sala de espera como paciente tentou reanimalo, pero non foi quen.

"Sufriu unha indisposición, tentou vomitar e non puido; atragoouse e morreu asfixiado", relata a Praza.gal Manuel Pereira, curmán do falecido

"Esta é a crúa realidade", sintetiza Manuel Pereira poucas horas despois do funeral do seu curmán. "Non había ninguén" para atendelo, o que provoca que a familia ignore se José Manuel "falecería ou non" se estivese dispoñible outro equipo médico para atender o PAC mentres a doutora responsable estaba fóra. "Se polo menos o PAC tivese todos os medios, tentaríano", evidencia. De aí que a familia queira agora que o acontecido "se saiba ao máximo nivel". "Se con isto conseguimos avivar un pouco a conciencia social e que tomen medidas, será un primeiro paso e polo menos, a morte dunha persoa servirá para algo", resalta.

"Se o PAC tivese todos os medios non sabemos se falecería ou non, pero polo menos tentaríano"

Mentres valoran se emprender ou non accións legais, a familia do falecido xa tivo conversas con profesionais do Sergas, a comezar polo propio sábado unha vez constatado o falecemento de José Manuel cando o PAC estaba desatendido. "Dinnos que son situacións que viven cada día, con profesionais facendo gardas nestas condicións que non poden falar por medo á represión da Consellería". "A presión política inflúe sobre o traballo dos profesionais" cando denuncian carencias no servizo. Pero "por desgraza -reflexiona o curmán de José Manuel- este é un caso palpable e evidente das consecuencias dos recortes: se eu teño unha urxencia, chego ao centro de saúde, non hai médico e morro, a morte vén sobrevida por unha falta de atención".

Versión do Sergas 

Ao contrario que noutras ocasións, desta volta a versión oficial do sucedido é, no que atinxe estritamente aos feitos, practicamente idéntica ao relato da familia. Así, dende a Xerencia da área sanitaria de Santiago admítese que cando José Manuel acudiu ao PAC non existía no centro persoal sanitario porque o único dispoñible "regresaba de realizar unha atención urxente e grave nun domicilio, cuxo paciente tivo que ser posteriormente trasladado ao hospital de Santiago". O persoal administrativo que estaba no PAC "contactou co 061", di o Sergas, que "lle comunicou que a médico e a enfermeira do PAC chegarán nuns minutos".

O Sergas admite os feitos, resalta que o paciente padecía "unha enfermidade crónica avanzada" e subliña que o 061 fica "avisado" cando os PAC quedan sen persoal médico

Segundo a Área Sanitaria, o intervalo ata a chegada do persoal médico do PAC foi duns 10 minutos durante os cales o doente foi "atendido" pola enfermeira que "se atopaba na sala de espera como paciente". Cando a doutora chegou ao PAC "continuou" as manobras de reanimación, pero "lamentablemente, non conseguiron salvarlle a vida". Alén de manifestar "as súas condolencias" á familia, o Sergas subliña ademais que o falecido padecía "enfermidade crónica avanzada", resposta que sorprende á propia familia tras coñecela a través dos medios. "Non foi a que o atendesen pola súa enfermidade previa, foi porque tiña febre", resalta o curmán do falecido. 

A Xerencia admite ademais que "en ocasións" o persoal médico dos PAC ten que saír para atender emerxencias a domicilio, "deixando por uns momentos o PAC sen persoal sanitario". "Nestes supostos -agrega- o persoal de apoio administrativo avisa desta ausencia ao 061 para que cubra a asistencia urxente ata que regrese o persoal sanitario".

Oposicións e sindicatos esixen explicacións e solucións

En Marea, PSdeG e BNG piden contas ao conselleiro de Sanidade e lembran que o persoal dos PAC se mobiliza dende hai meses na demanda de máis recursos

O falecemento no PAC da Estrada suscitou esixencia de explicacións á Xunta tanto na oposición parlamentaria como entre os sindicatos que representan o persoal sanitario. Todos eles lembran que as carencias de persoal nos Puntos de Atención Continuada son unha denuncia sistemática das centrais sindicais, da esquerda parlamentaria e do propio persoal dos PAC. "A falta de persoal e de recursos provocada polas políticas do PP segue a causar mortes no sistema sanitario do noso país", resume Luís Villares dende En Marea, formación que anuncia unha petición de comparecencia inmediata do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña. Para a voceira de En Marea en materia sanitaria, Eva Solla, "estamos ante a situación totalmente insostible denunciada polos profesionais dos PAC, que levan meses protestando polas condicións de traballo que están a padecer.

Dende o PSdeG o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, ve necesario que a Xunta "asuma responsabilidades" por estes "graves" feitos. O acontecido na Estrada, cre o socialista, é "un exemplo da falta de aposta da dereita pola sanidade pública". Nesta liña, subliña, o propio PSdeG xa advertira de que "á vista do tamaño da Estrada, tanto por número de habitantes como por dispersión poboacional debería ter un segundo equipo médico" no seu PAC. Pola banda do BNG a súa voceira de sanidade, Montse Prado, esixe igualmente explicacións do conselleiro e ínstao a atender de maneira "urxente" as demandas do persoal do PAC.

Persoal dos PAC de Vigo, nunha mobilización recente CC-BY-NC-SA CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.