0 Gardados para despois

Os PAC "en pé de guerra" e a folga no 061 alargan o conflito na sanidade pública este verán

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


No inicio do verán veciñanza de diversos concellos galegos -da Coruña a Vigo pasando pola Pobra de Trives- certificaban a alerta que viñan lanzando sindicatos e colectivos en defensa da sanidade pública: faltan pediatras, especialmente por mor das vacacións. A Consellería de Sanidade apresurouse en sinalar que non substitúe o persoal porque non ten máis e que, en todo caso, a atención médica á infancia está asegurada. Comezaba así un verán marcado polos conflitos en diversos eidos da sanidade pública galega que agora se alargan entre sectores do persoal que tamén levan meses ou mesmo anos mobilizados: os Puntos de Atención Continuada (PAC) e o 061.

No caso dos Puntos de Atención Continuada as protestas para "reivindicar melloras  nas condicións de traballo" canalízanse a través das centrais sindicais e tamén mediante a plataforma PACS en Pé de Guerra. Este mesmo martes o persoal mobilizou entregou nas diferentes delegacións de Sanidade unhas 400 solicitudes formais para "demandar a elaboración inmediata de calendarios laborais axustados á xornada ordinaria". Ou, o que é o mesmo, o cumprimento do pacto laboral acadado co Sergas no ano 2008, en tempos do bipartito. "Deste xeito -explican dende a CIG Saúde- figuraría por separado a xornada obrigatoria e a voluntaria" e "garantiría que cada traballadora puidese gozar dos días libres que lle corresponde".

"Dende hai dez anos non se revisan os plans funcionais" dos PAC malia ás mudanzas da poboación galega neste tempo, denuncia o persoal

Pero o axuste dos calendarios laborais non é a única reivnidicación, lembran dende a Plataforma PACS en Guerra da Coruña. "Unha das reivindicacións que nos preocupa en gran medida é a falta de planificación", sinalan. "Dende hai dez anos non se revisan os plans funcionais" e isto "quere dicir que hai poboacións que medraron demograficamente" mentres outras perderon poboación ou viron incrementado o seu envellecemento, "o que se traduce en máis desprazamentos a domicilios" sen que isto supuxese mudanzas nos PAC. "Un exemplo disto é Arteixo, que ten un censo poboacional aproximado de 32.000 habitantes" sen "ter en conta a poboación flotante e o polígono de Sabón con todos os seus traballadores". Alí, afirman, "tan só un equipo sanitario fai a cobertura no PAC".

Esta nova xeira de protestas, subliñan, chega ante o que consideran "escaso interese da Administración" por "avanzar" nas negociacións iniciadas o ano pasado. O pasado febreiro, lembran, sindicatos e persoal pediron "unha xuntanza co Sergas para reivindicar a mellora das condicións de traballo" para que as deficiencias "non repercurtan na calidade da sistencia aos pacientes" porque non houbera contactos coa Consellería dende novembro. Foi creada unha "comisión técnica" de sindicatos e outra representación do persaol para concretar e negociar as meloras, pero "o proceso non avanza" porque o Sergas "o dilata no tempo", denuncian.

Folga no 061

Protesta de persoal do 061 ante a sede central do Sergas / CIG

O persoal estatutario do 061 mobilízase para esixir ao Sergas unha compensación "xusta" polo traslado do servizo á nova sede de Emerxencias na Estrada

No caso do 061 a orixe do conflito é a mesma que estivo por tras da folga que desenvolveu o persoal do 112 o pasado 2017 e que culminou coa consecución da práctica totalidade das súas reivindicacións: o traslado da central de emerxencias dende o seu emprazamento actual en Santiago -en San Marcos, no mesmo complexo que a CRTVG- á Estrada. Mentres que o persoal laboral deste servizo xa chegou a un acordo coa Xunta sobre as condicións do traslado, o persoal estatutario -que se rexe por un estatuto laboral de seu- está en folga dende este 1 de agosto "polo traslado forzoso sen unha compensación xusta".

A Xunta, di o persoal, debe realizar unha "oferta xusta" que compense unha mudanza nas condicións de traballo que implica "máis de 60 quilómetros diarios de condución" -ida e volta de Santiago á Estrada- e a "repercusión dunha hora e cuarto diaria de desprazamentos" como "tempo engadido á xornada laboral na conciliación da vida familiar", así como os "custos de mobilidade" e o "risco de sinistralidade". Fronte ao inicio do paro, agregan, a Xunta fixou uns servizos mínimos do 100% que, na práctica, "equivalen a impedir o dereito á folga".

Na primeira xornada de folga o persoal mobilizado desenvolveu un primeiro paro de dúas horas -de 12:00 a 14:00- e repíteo de 19:00 a 21:00. Tamén neste primeiro día o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitou a petición da CIG de suspender os servizos mínimos do 100% pola vía "cautelarísima", isto é, sen "audiencia" á outra parte -neste caso, a Xunta-. Faino "sen prexuízo" de poder adoptar posteriormente outras medidas pola vía cautelar.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.