A falta de pediatras provoca protestas na Coruña, Vigo ou Terra de Trives

Mobilización ante o Centro de Saúde de Coruxo para pedir que se manteña a praza permanente de Pediatría © Asociación de Veciños de Coruxo

De Vigo á Coruña, da Costa da Morte á Terra de Trives. O escaso número de pediatras cos que conta o SERGAS está a provocar problemas en centros de saúde de todo o país, que se ven máis agravados coa chegada do verán e os períodos vacacionais deste colectivo de profesionais. A Consellería de Sanidade, que alega que non dispón de substitutos e substitutas para cubrir os postos que quedan sen profesionais, decidiu agrupar o servizo de pediatría en centros de saúde de referencia, o que leva por exemplo a que este verán en toda a provincia de Pontevedra haxa unicamente 23 centros de saúde nos que se prestará asistencia pediátrica.

O SERGAS decidiu agrupar os servizos de pediatría nuns centros de saúde determinados

Isto provoca que se dean situacións nos que catro concellos só contan cun único centro de saúde de referencia cun médico ou médica infantil (Cambados, Meis, A Illa e Ribadumia; Caldas, Cuntis, Moraña e Portas; ou Ponteareas, As Neves, Mondariz e Covelo). O SERGAS sinala que no caso de que as familias teñan problemas para desprazarse a os novos centros de saúde asignados, "os pacientes sempre poderán optar por seren atendidos no seu centro de saúde habitual polo seu médico de familia", perdendo así o seu dereito a recibir unha atención pediátrica especializada.

Un exemplo da situación no rural: A Pobra de Trives

Obviamente, a situación é máis negativa nas zonas rurais e, polo tanto, nas provincias orientais, onde hai comarcas nas que as familias que queiran levar os seus nenos e nenas ao pediatra terán que percorrer grandes distancias, tendo en conta ademais que as estradas ou os servizos públicos de transporte entes estas localidades non sempre son os mellores. Entre os centros de saúde que viron suprimido o seu servizo de Pediatría está o da Pobra de Trives; os seus usuarios e usuarias deberán trasladarse agora aos centros de saúde de Maceda (55 quilómetros, 52 minutos en coche) ou da Rúa (26 quilómetros, 31 minutos).

Os usuarios e usuarias do Centro de Saúde da Pobra de Trives deberán trasladarse agora a Maceda (55 quilómetros, 52 minutos en coche) ou A Rúa (26 quilómetros, 31 minutos)

O deputado de En Marea David Rodríguez vén de presentar unha pregunta parlamentaria na que insta a Xunta a dar marcha atrás na decisión de suprimir o servizo de pediatría en Trives. Rodríguez lembra que entre A Pobra de Trives e Maceda non hai ningunha conexión de autobús e que entre A Pobra de Trives e A Rúa hai tan só un bus cada día, con saída ás 6:40 da mañá da Pobra de Trives e con volta ás 18:30 da tarde. O parlamentario de En Marea pregunta: "Cando o Presidente da Xunta de Galicia nos falaba no seu debate de investidura da lexislatura do rural... referíase realmente a isto? A supresión dos servizos básicos?".

De Vigo á Coruña

Nas cidades hai máis servizos pero tamén son moitos máis os nenos e nenas afectadas polas supresións e polas agrupacións de centros. Na Coruña o centro de saúde de Labañou atópase actualmente sen servizo de pediatría, e tamén os usuarios e usuarias de Novo Mesoiro deberán trasladarse a outros centros. De igual xeito, outros centros como os de Os Rosales e Os Mallos só atenderán pola mañá nos meses de xullo e agosto. Dende o SERGAS sinálase que o que se intenta é "conciliar o dereito ás vacacións dos profesionais coa atención pediátrica e de primar calidade e accesibilidade fronte a proximidade".

En Vigo 3.380 nenos e nenas deberán trasladarse a outros centros de saúde para recibir atención pediátrica; e outras 10.194 verán limitada a súa asistencia ao horario de mañá

En Vigo a situación é aínda máis grave, pois o verán ven empeorar as eivas estruturais que dende hai anos presenta esta área sanitaria. En total, 3.380 nenos e nenas deberán trasladarse a outros centros de saúde para recibir atención pediátrica; e outros e outras 10.194 verán limitada a súa asistencia ao horario de mañá. Os usuarios e usuarias afectadas suman o 35% dos e das menores de 15 anos residentes na cidade. Máis de mil nenos e nenas de catro parroquias (Coruxo, Saiáns, Oia e Comesaña) quedaron xa o mes pasado sen pediatra no Centro de Saúde de Coruxo, e deben trasladarse ao de Navia. A Asociación de Veciños de Coruxo lembra que "a área sur de Vigo é unha zona de carácter periférico e semi-rural que conta con conexións de transporte público máis limitadas ca no centro da cidade. Por isto, o traslado do servizo ao Centro de Saúde de Navia implica grandes dificultades". Os recortes afectan tamén ao Centro de Saúde de Bembrive (403 menores de 15 anos), que queda sen servizo durante o verán. E tamén aos centros de Rosalía de Castro e Beiramar (4.498 nenos e nenas), Navia (3.340), Coia (4.343) e Lavadores (1.922), que só ofrecerán asistencia polas mañás.

Os recortes en persoal, culpables da situación

A Asociación Galega de Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) culpa da situación aos "recortes de persoal" efectuados polo Sergas "coa escusa da crise", así como á "precariedade e falta de recursos", que leva a unha "fuxida de profesionais". Nun comunicado, a entidade estima en 40 as prazas a crear para paliar a situación, que "se agravará a curto prazo pola xubilación de 80 profesionais que teñen máis de 60 anos", case unha cuarta parte do total existente na actualidade (340). E denuncia "a ausencia de planificación dunha administración só interesada en desmantelar e privatizar o sistema", explicando que leva 10 anos completar a formación en Pediatría.

A AGDSP destaca que se necesitan de forma inmediata 40 pediatras para cubrir as actuais necesidades e denuncia "a ausencia de planificación dunha administración só interesada en desmantelar e privatizar o sistema"

De igual xeito, o sindicato CESM alerta de que "a falta de pediatras de Atención Primaria no Sergas está a provocar que máis do 50% dos facultativos padeza a Síndrome de Burnout, pola tensión e a ansiedade que lles produce a sobrecarga de traballo". E sinala que a falta de pediatras "impide cubrir xubilacións, baixas e vacacións, obrigando aos médicos a ter que facer prolongacións de xornada e intersubstitucións, asumindo a axenda do compañeiro que falte". Recentemente, o presidente do Consello de Colexios Médicos de Galicia sinalou o déficit de pediatras como "o problema más complexo en todo o país". E, de igual xeito, a presidenta da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria (AGAPap), Amparo Rodríguez Lombardía, denunciou que "non temos practicamente xente para cubrir substitucións" e que ao redor dun "13% das prazas de pediatra están ocupadas por médicos de familia".

"Estas trabas asistenciais na atención pediátrica, xunto coa ausencia de axudas familiares ou a precariedade laboral explican unha parte da caída dramática da natalidade en Galicia"

A AGDSP esixe reverter os recortes orzamentarios (especialmente no capítulo de persoal), un Plan de Mellora da Atención Primaria "que recupere o prestixio perdido e a faga atractiva para o persoal de pediatría" e rematar "coa precariedade dos postos de traballo nos Centros de Saúde". "O SERGAS, a Consellería de Sanidade e a Xunta de Galicia non queren á poboación infantil nin ás súas familias", conclúe a entidade que subliña que "estas trabas asistenciais na atención pediátrica, xunto coa ausencia de axudas familiares ou a precariedade laboral explican unha parte da caída dramática da natalidade en Galicia".

 

Centro de saúde de Labañou, na Coruña © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.