A folga mantense na atención primaria malia os avances "mínimos e insuficientes" do Sergas

Representates de CIG, CSIF, CCOO e UGT presentan a folga na atención primaria CC-BY-SA CSIF Galicia

A folga na atención primaria mantense malia que o Sergas segue a aceptar algunhas das demandas de sindicatos e persoal que non son, no entanto, "suficientes". O comité de folga, representado polas centrais da mesa sectorial CIG, CSIF, CCOO e UGT, o Sergas presentou unha nova proposta que "segue sen satisfacer as exixencias" das organizacións. 

"A administración vende como avance o que non é máis que un movemento mínimo e insuficiente, mentres evita afrontar os puntos centrais que motivaron a folga"

"A administración vende como avance o que non é máis que un movemento mínimo e insuficiente, mentres evita afrontar os puntos centrais que motivaron a folga", expresan as organizacións sindicais nun comunicado. Xa que logo, o paro previsto polos catro sindicatos para o día 26 mantense, ao tempo que CIG-Saúde anunciou este mesmo luns que ampliará aos días 27 e 28 a súa convocatoria, igualando así os tres días que xa tiñan marcados organizacións médicas como Simega ou O'Mega. 

O conselleiro Gómez Caamaño, canda Alfonso Rueda, presidente da Xunta CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

A proposta sobre a categoría de facultativo especialista en atención primaria (FEAP), unha das demandas claves tanto dos sindicatos como de colexios e organizacións médicas, "continúa sendo inaceptable". "Non asegura a retirada da categoría nin a reconversión das prazas actuais", din CIG, CSIF, CCOO e UGT. 

O Sergas non asegura a retirada da categoría de facultativo especialista en atención primaria, demanda que os sindicatos cren "clave"

Fontes da negociación insisten en que a eliminación progresiva desta figura é "clave" neste conflito, xa que mantela implica "mudar o modelo actual" e obrigar o persoal médico a facer a xornada ordinaria máis gardas obrigatorias. "Manter esta posición supón condenar a precariedade os profesionais e dificultar a necesaria voluntariedade que o sistema precisará", explican. 

O Sergas si se comprometeu, no entanto, a consolidar o transporte para a atención domiciliaria ou retribuír o persoal dos PAC que realiza prolongacións de xornada en atención ordinaria "en función do modelo de prolongación efectivamente realizada". Ademais, acordou tamén reducir o tramo incentivado de xornada complementaria de 160 a 140 horas en PAC e equiparar o valor da xornada complementaria das e dos enfermeiras e enfermeiros de PAC co das enfermeiras e enfermeiros de atención ordinaria.

"O Sergas limítase a falar de prazos e estudos, atrasando deliberadamente solucións urxentes", lamentan os sindicatos

Tal e como informan os sindicatos, a Consellería tamén se comprometeu a incrementar o complemento de manutención dos PAC. Con todo, as centrais consideran os movementos "claramente insuficientes" ao non haber ningunha proposta "concreta" enriba da mesa sobre os "puntos clave", como a figura dos FEAP. A homologación de títulos a profesionais extracomunitarios sen MIR foi outra das propostas máis polémicas pero o Sergas comprometeuse a retirala e os sindicatos insístenlle en que nin tan sequera é da súa competencia, senón do Ministerio.  

A Consellería, pola súa banda, informa de que na reunión "avanzouse na concreción de posibles medidas", pero aclara que "o calendario e cumprimento" —a concreción que piden as forzas sindicais— está "supeditado ao acordo de fin de folga". Unha posibilidade, a da desconvocatoria dos paros, que non parece posible a tal hora. 

Consulta de Atención Primaria CC-BY-SA Sergas Ourense

"O Sergas limítase a falar de prazos e estudos, atrasando deliberadamente solucións urxentes", din os sindicatos sobre unhas conversas que se retomarán o vindeiro venres 21. Antes, mañá martes, mércores e xoves, hai convocadas concentracións nos centros de saúde e ante a sede da Consellería en Santiago. 

"Non aceptaremos máis trampas: o debate debe ser sobre os criterios de cómputo da xornada, e non sobre como obrigar as traballadoras a perder horas ou regalar tempo de traballo. Non imos permitir que se nos roube dereitos nin tempo de vida", din os sindicatos sobre a xornada dos PAC, tema central da vindeira xuntanza. Malia manterse as conversas, a desconvocatoria da folga, segundo fontes sindicais, é agora mesmo unha quimera. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.