A universidade de Abanca lanza a novena titulación de Enfermaría en Galicia e anuncia Biomedicina

Miguel Ángel Escotet e Juan Abarca © UIE

En pleno debate sobre a descentralización do grao de Medicina que imparte a Universidade de Santiago (USC) e logo do preacordo que adía os plans da Universidade da Coruña (UDC) e da de Vigo por implantar unha titulación propia, a universidade privada de Abanca vén de anunciar que impartirá Biomedicina dentro de dous anos

A universidade de Abanca anuncia que impartirá Biomedicina en dous anos, en pleno debate pola descentralización de Medicina en Galicia

Será no curso 2027-28 cando a Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), en alianza con HM Hospitales, comece a impartición deste grao, unha data que dá por feita a entidade impulsada polo banco herdeiro dos restos das caixas galegas e que tería que pasar aínda polos trámites de verificación requiridos. 

Foi Miguel Ángel Escotet, reitor da UIE, acompañado de Juan Abarca, presidente de HM Hospitales, quen anunciou esta iniciativa que forma parte parte dun "innovador programa universitario na área de Ciencias da Saúde" por parte desta universidade privada. 

Sede da UIE na Coruña CC-BY-SA Praza.gal

A de Enfermería suporá a novena desta titulación en Galicia, que conta con facultades nas sete cidades

Nel inclúese o grao de Enfermería, que arrincará xa o novo curso con 80 prazas, logo de que obtivese o informe favorable da Secretaría Xeral de Universidades e á espera da verificación definitiva. Estará integrado na Facultade de Ciencia, Tecnoloxía e Xestión da Saúde da UIE, que xa conta co grao en Psicoloxía, no seu segundo ano de implantación.

A de Enfermaría supón a novena facultade deste grao en Galicia, que se une ás sete das tres universidades públicas galegas en todas as cidades (Vigo, Ourense, Pontevedra, A Coruña, Ferrol, Santiago e Lugo) mais os estudos privados que ofrece Povisa. 

Precisamente, e en plena polémica pola petición da titulación propia de Medicina e en entrevista en Praza.gal, o reitor da UDC, Ricardo Cao, manifestara a súa sorpresa ante o feito de que "a novena titulación de Enfermaría na privada" non causase "o balbordo de ter a segunda de Medicina na pública". 

De momento, Enfermaría está practicamente confirmada. Para o curso 2027-28, segundo anunciou Escotet, incorporaranse os graos de Biomedicina e Fisioterapia Médica e Deportiva —"unha carreira de gran demanda e de gran necesidade", dixo—, para os a UIE "iniciou xa a tramitación coas correspondentes memorias de verificación". 

Miguel Ángel Escotet e Juan Abarca © UIE

Escotet e Abanca explicaron que o proxecto educativo de ambas as institucións permitirá que o estudantado desenvolva a súa formación tanto nos campus da UIE como nos propios centros do Grupo HM Hospitais, con case un 40% do tempo de docencia práctica no hospital.

Escotet asegura que Medicina non entra nos seus plans polo momento pero advirte da "folla de ruta flexible" da universidade de Abanca

Preguntados ambos pola opción de demandar a titulación de Medicina, axiña explicaron que non está nos seus plans polo momento. "Na vida todo ten os seus tempos. Non me gusta dicir nin si, nin non; haberá que velo no seu momento. Agora non temos en plan a carreira de Medicina, pero en cinco, dez ou 30 anos, non o sei", advertiu Escotet, que aínda así aludiu á súa "folla de ruta flexible", logo de referirse a un "proceso" actual no que a UIE non está, en referencia ao debate e os acordos entre Xunta e as tres universidades públicas para descentralizar Medicina e tras as demandas da Coruña e Vigo para ter título propio. "Hai que preguntarse se a sociedade o necesita", asegurou. 

Abarca, pola súa banda, tampouco eludiu o debate e achegou unha "reflexión persoal". "Aquí, máis que unha cuestión de ideoloxía ou política, xúntase unha cuestión de poder; hai un certo grao de caciquismo", explicou. 

Escotet engadiu que é "amigo da cooperación, non da competencia" e aclarou que vén dun sistema "como o anglosaxón ou o americano" onde crear unha carreira "levaba tres meses como moito". "Aquí son dous anos, esa é a gran diferenza", rematou. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.