A UDC ofrece frear a demanda da carreira de Medicina se a Xunta a descentraliza en dous anos

Reunión do Consello de Goberno da UDC, nunha foto de arquivo CC-BY-SA UDC

A Universidade da Coruña (UDC) sobe outro chanzo para a implantación do grao de Medicina e activa a solicitude do título propio pero, ao tempo, ofrece á Xunta deixar en suspenso esta implantación se Goberno galego e o resto de universidades aceptan a súa proposta de descentralización para ser executada en dous anos

O Consello de Goberno da UDC aprobou este martes a declaración de interese para a creación do grao de Medicina e deu un paso máis no seu camiño para a implantación da facultade propia. Pero na mesma sesión aprobou outro punto, incluído na orde do día só unhas horas antes: unha proposta de descentralización a encarreirar en dous anos, período no que a implantación da titulación propia quedaría en suspenso e só se activaría no caso de incumprirse o pacto

O Consello de Goberno da UDC aproba a declaración de interese para implantar Medicina pero tamén unha proposta para descentralizala en dous anos

Esta proposta —á que tivo acceso Praza.gal—, supón fundamentalmente a descentralización sanitaria e universitaria (con detalle e cifras claras sobre a proporción de docentes), un prazo ata final do curso 2027-28 para levala a cabo, un concerto único das universidades co Sergas e financiamento específico da Xunta para este proceso, por riba do plan e achegas actuais. 

O incumprimento deste acordo ou a presentación de solicitudes para a impartición de Medicina por parte doutras institucións ou de universidades privadas suporía, segundo aclara a UDC, a "autorización inmediata" da verificación dos novos títulos na universidade coruñesa e na de Vigo. Se non se dese ningunha destas circunstancias, a UDC e a UVigo "comprométense a non enviar a memoria dun título de Medicina a verificación antes de maio de 2027". 

Facultade de Ciencias da Saúde da UDC, na Coruña CC-BY-SA UDC

Esta é a nova proposta que a UDC lanza a Xunta e universidades para avanzar na resolución do conflito erguido logo de que en primavera anunciase a intención de impartir Medicina no curso 2027-28 e de que a principios do verán aprobase o inicio do expediente para solicitar a titulación. Agora dá outro paso máis, coa aprobación da declaración de interese, cumprindo co calendario oficial anunciado para abrir a súa propia facultade en menos de dous anos. 

A UDC ofrece manter en suspenso dous anos a implantación de Medicina se Xunta e universidades asinan o plan de descentralización, que implica reactivar a demanda se se incumpre o pacto

Pero tamén abre unha vía de negociación para un novo convenio de colaboración da docencia clínica que poña fin ao asinado hai unha década, "aplicado moi timidamente" e cos seus obxectivos "non acadados", segundo explica a UDC na súa proposta. Unha proposición que sería "a primeira fase dun proceso que permitirá poñer as tres universidades públicas galegas á vangarda da formación e a investigación da Medicina en España", pero "sen minguar as lexítimas aspiracións de cada unha delas a medio prazo". É dicir, sen que iso obrigue a renunciar á demanda do grao propio. 

A aprobación de hoxe da declaración de intencións —adiantada xa o luns polo diario La Opinión— supón dar o visto e prace á proposta que fai a facultade de Ciencias da Saúde, que é a que ten previsto acoller o novo grao. A da proposta do acordo para a descentralización supón que, se fose asinado polas consellerías de Sanidade e Educación e mais pola USC e UVigo, deixar en suspenso ata a primavera de 2027 a demanda de título propio

Fontes do órgano de goberno da UDC ven esta última carta como unha lóxica "estratexia negociadora" pero tamén como man tendida á Xunta. E aclaran as diferenzas coa postura de Vigo, que propón renunciar (e non só suspender) á demanda de título propio durante dous anos. 

As mesmas fontes sospeitan que nin o Goberno galego nin a USC van aceptar o pacto e advirten de que o texto posto agora enriba da mesa e a suspensión temporal da demanda de facultade propia é "a única forma de garantir que se cumpra co acordo de descentralización". 

Fontes da UDC non cren que Xunta e USC acepten o plan de descentralización proposto

Se esa negativa se confirmase, os seguintes chanzos, segundo explicara xa a UDC en xullo, consisten en elaborar a memoria de verificación e xustificativa da implantación do título propio de Medicina para que logo reciba luz verde por parte de tres órganos universitarios: a Xunta de Facultade, de novo o Consello de Goberno e o Consello Social. Logo chegaría o exame que se prevé máis complicado: a autorización por parte da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta, antes de que o título pase a ser verificado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario (ACSUG). 

O voceiro parlamentario do PP e cargos do partido na cidade, este 31 de outubro ante a Reitoría da UDC CC-BY-SA PPdeG

Todo mentres a Xunta aproveita calquera intervención para oporse á intención da UDC e cando hai quince días a Universidade de Vigo solicitou tamén oficialmente mente contar co grao propio se nun mes non había avances na descentralización. O presidente, Alfonso Rueda, insiste en que "o axeitado" sería unha única facultade de Medicina en Galicia "coa docencia descentralizada". Repetiuno este luns en rolda de prensa indo máis aló, definindo esta opción como "a mellor" e "probablemente a única", malia aludir tamén á "autonomía universitaria", nunha postura en contra que o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, repite cada pouco. 

A UDC insiste en non renunciar á súa intención de implantar Medicina mentres Xunta e USC apostan por unha facultade única en Galicia

O rexeitamento a novas facultades de Medicina —públicas— en Galicia é tamén total no PPdeG, nunha posición contundente e que contrasta coa contraria que manteñen os populares a nivel local. De feito, desde o órgano de goberno da UDC non cren casual que o partido a nivel autonómico iniciase a pasada semana unha campaña inédita contra a Universidade da Coruña, días despois do izado da bandeira palestina na Reitoría. 

O PPdeG intensificou a ofensiva contra o equipo de goberno da institución académica por colocaren a bandeira nos mastros que habitualmente ocupa a bandeira de España. Fixérono en redes e en declaracións varias e mesmo desprazaron o seu voceiro parlamentario a instalacións da universidade para instar o reitor a "recuperar a cordura". 

Fontes do órgano de goberno da UDC cren esta ofensiva como un intento de situar a opinión pública contra a universidade coruñesa no debate pola titulación de Medicina, trasladando a imaxe dunha entidade radicalizada. 

Na UDC non cren casualidade que o PPdeG iniciase unha campaña contra a UDC por izar a bandeira Palestina en pleno debate por Medicina

Só horas despois da visita de Alberto Pazos Couñago á UDC, o reitor, Ricardo Cao, anunciaba á comunidade universitaria de que a bandeira palestina fora "obxecto dun acto de vandalismo" e que sería recolocada "á maior brevidade, tratando de impedir que este símbolo de solidariedade co pobo palestino sexa obxecto de novos actos vandálicos".

Malia que a USC chegou a realizar algunha concesión nas últimas xuntanzas para avanzar na descentralización, segue sen estar disposta a que A Coruña ou Vigo convoquen novas prazas de docente. Antes, en xullo, desde a universidade herculina deixouse claro o aumento do malestar cando a Xunta adscribiu todos os hospitais do Sergas a Santiago. Agora, Ricardo Cao cualifica de "inflexible" a postura da USC, o que lle valeu o reproche desta, que a acusou de rachar o pacto polo que as declaracións sobre estas conversas recaerían unicamente no cargo de portavoz acordado, o da UVigo. 

Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña CC-BY-SA UDC

Nesta nova proposta de "concerto único" entre o Sergas e as tres universidades que lanza a UDC prevese que Sanidade poña "a disposición de cada unha das universidades as institucións sanitarias pertencentes ás súas respectivas áreas" e que o CHUAC, o CHUS e o CHUVI queden tamén vinculados ás universidades da súa área "para a impartición da docencia de 4º, 5º e 6º". 

A proposta da UDC prevé unha descentralización "equitativa" e na que a docencia clínica allea á universidade vinculada a cada área "non exceda o 25% da total"

O documento aclara que a descentralización da docencia debe ser "de xeito equitativo" entre as tres universidades, "garantindo un mínimo dun 25% de alumnado a cada unha delas", e que se aplicará de maneira progresiva: descentralización completa de 5º e 6º das unidades docentes da Coruña e de Vigo no curso 2026-27 e tamén completa do 4º curso no curso seguinte. 

Tamén prevé que o profesorado que imparta a docencia pertenza "maioritariamente" á universidade vinculada ao hospital na que se imparta, polo que a docencia de profesorado doutras "non poderá exceder o 25% da docencia total impartida na institución vinculada", un obxectivo que debería acadarse no final do curso 2027-28, data na que se revé rematar coa descentralización. 

A Xunta debe asumir os custos

Así, todas as novas prazas de profesorado "serán convocadas pola universidade á que estea vinculado o hospital universitario" e, progresivamente, a UDC e a UVigo "subrogaranse na posición da USC nos contratos dos seus PACS que estean a impartir docencia no hospital universitario vinculado a elas". De modo excepcional prevese que as prazas vinculadas da USC xa existentes se manteñan, mentres que as aprobadas e pendentes de convocatoria "activaranse e serán cubertas", medidas destinadas tamén a suspender ou deixar caducar os recursos e procedementos xudiciais abertos por algunhas das prazas. 

Ademais, a proposta explica que debe ser a Xunta quen  "achegue" os custos da descentralización "por riba do plan de financiamento actual" e coas cantidades necesarias, e propón a formación dunha "comisión de seguimento" que vele polo cumprimento do acordo.

O "incumprimento das condicións, dos prazos ou da programación da descentralización recollidos neste acordo lexitima a UDC e a UVigo a continuar o procedemento de implantación do título de Medicina iniciado nas respectivas universidades", explica o documento, que tamén advirte de que a demanda de prazas de novo ingreso na titulación "debe ser atendida polas universidades públicas" porque teñen "capacidade para afrontala". 

CHUAC da Coruña © CIG-Saúde

O plan da UDC prevé que a chegada de facultades privadas de Medicina a Galicia supoña a reactivación inmediata da implantación de Medicina na Coruña e Vigo

Con todo, aclara que "se durante a vixencia deste acordo se presentasen solicitudes de impartición do título por outras institucións, a consellería competente en universidades comunicarao a todas as partes asinantes deste acordo e autorizarase con carácter inmediato o envío a verificación das solicitudes presentadas pola UDC e UVigo, a cuxo efecto entenderase como data de presentación da manifestación de interese a da sinatura deste acordo", di. 

"O mesmo efecto producirá a implantación de delegacións, franquías ou fórmulas similares de entidades privadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para a impartición da titulación de Medicina", asegura sobre un acordo que, lembra, debe trazar un camiño para unha "actuación coordinada e á vez respectuosa coa autonomía das universidades". 

"Coherente, leal, razoable e xenerosa"

"Non se trata só de facer participar na docencia a todo o sistema sanitario, poñendo a disposición dunha soa facultade a todos os hospitais do Sergas,  unha descentralización sanitaria, senón que a proposta recolle unha participación das tres universidades, cada unha delas con profesorado propio e con capacidade para coordinar a súa docencia a través dos seus respectivos departamentos, a descentralización universitaria", explicou Cao, sobre a proposta, que considera "coherente, leal, razoable e xenerosa".

Agora falta a resposta da Xunta e mais da USC e a UVigo, que debería ser axiña tendo en conta os inminentes procesos electorais en ambas institucións. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.