A Xunta adscribe todos os hospitais do Sergas á USC en plena guerra por Medicina

Os conselleiros de Educación e Sanidade e os reitores das tres universidades, nunha reunión do Consello de Docencia Clínica CC-BY-SA Xunta

O anuncio da Universidade da Coruña o pasado mes de maio da súa intención de instaurar o título de Medicina a partir do curso 2027-28 ergueu unha batalla á que Xunta e USC veñen de engadir outro capítulo.

O Consello de Goberno da universidade compostelá debaterá este mércores un novo "concerto co Sergas para a utilización das institucións sanitarias na investigación e docencia universitaria". O obxectivo de ambos é adscribir todos os hospitais e centros sanitarios públicos de Galicia á USC, modificando así un acordo de hai máis de dúas décadas que mantiña cada unha destas instalacións vinculadas á súa universidade ou campus de referencia. 

A UDC advertiu á comunidade universitaria da "pretensión do Sergas e da USC de adscribir de inmediato todos os hospitais e centros sanitarios de Galicia á USC"

Así, no que parece unha resposta á demanda de titulación de Medicina feita pola UDC e o Concello da Coruña —e secundada logo para a Universidade de Vigo polo pleno municipal e alcalde da cidade, Abel Caballero— o Sergas e a USC acordan que o CHUAC e o CHUVI, entre outros moitos centros, queden adscritos á universidade compostelá. 

É o que pon no texto do acordo que mañá debaterá a USC, que deberá tamén ser aprobado polo Consello da Xunta, e ao que tivo acceso Praza.gal. 

Facultade de Medicina da USC © USC

A UDC, sorprendida ao descubrir os termos dun texto da que non fora advertida, informou desta situación á comunidade universitaria nun comunicado no que advirte de que tiveron "coñecemento da pretensión do Sergas e da USC de adscribir de inmediato todos os hospitais e centros sanitarios de Galicia á Universidade de Santiago, incluídos os Hospitais Universitarios da Coruña e Ferrol, adscritos exclusivamente á UDC dende 2001, así como o Complexo Hospitalario de Vigo, entre outros". 

"Isto supón, de facto, apropiarse de todos os recursos sanitarios dispoñibles en Galicia para os estudos de Medicina", explican nunha comunicación cuxo ton desvela o enfado dos órganos de dirección da UDC.  

A UDC fala de "deslealdade sen precedentes" e advirte de que na reunión deste luns para a descentralización de Medicina nada se mencionou do convenio entre Sergas e USC

"Esta pretensión está totalmente á marxe de calquera negociación. No grupo de traballo para a descentralización de Medicina, reunido onte, non se mencionou nada a este respecto, nun exercicio de deslealdade sen precedentes", explica a UDC á súa comunidade universitaria, aclarando que nada do que se debaterá este mércores na USC lles fora adiantado. . 

No resumo da orde do día do Consello de Goberno de mañá, a USC detalla que un dos asuntos que se someterá a debate será "os termos do Concerto entre a USC e o Sergas  para a utilización das institucións sanitarias na investigación e docencia universitaria".

Ante o balbordo creado, a Consellería de Sanidade emitiu axiña un comunicado no que advirte que a Xunta "está a tramitar os novos concertos coas universidades galegas" e que hai "un concerto específico para cada unha das universidades, que é necesario actualizar, xa que os actuais datan do ano 2001 e atópanse prorrogados ata o 30 de xuño de 2026". 

A Xunta alega que tramita novos concertos, que fará un específico con cada unha e que se prevé que as áreas sanitarias de Coruña e Ferrol sigan adscritas á UDC

"Os novos concertos teñen por obxecto adaptar a colaboración entre as Universidades e a Consellería de Sanidade á realidade actual, poñendo todos os recursos materiais e humanos dos que dispón o Servizo Galego de Saúde ao servizo da formación académica sanitaria en Galicia", insiste a Xunta, ante a sorpresa de fontes coñecedoras do proceso e consultadas por Praza.gal que aseguran que nada disto foi especificado á UDC, que se remite a un acordo que detalla con exactitude a adscrición de todos os centros sanitarios de Galicia á USC.

O Sergas tamén aclara que "no texto de convenio entre a Consellería de Sanidade e a UDC prevese que as infraestruturas das áreas sanitarias da Coruña e de Ferrol sigan adscritas ás titulacións sanitarias desa universidade, como ata agora". "Nos novos concertos non muda a relación do CHUAC coa UDC nin as posibilidades dos estudantes da USC de realizar prácticas sanitarias na Coruña", insiste. 

Ricardo Cao, reitor da Universidade da Coruña CC-BY-SA UDC

"A adscrición en exclusiva á Universidade da Coruña impediría que os estudantes da Facultade de Medicina de Santiago puidesen facer as súas prácticas neses centros sanitarios e avanzar na descentralización, que é o obxectivo acordado", engade. 

A Xunta di que a adscrición en exclusiva á UDC impediría que os estudantes de Medicina de Santiago puidesen facer as súas prácticas neses centros sanitarios, algo que nega a UDC

Desde a UDC, tamén responderon á Xunta, advertindo que o feito de que "un hospital quede vinculado a unha universidade para a impartición de certas titulacións significa que a docencia se imparte no hospital por profesorado de dita universidade". "Polo tanto, co novo convenio Sergas–USC, a docencia clínica de Medicina sería impartida integramente por profesorado da USC en todos os hospitais de Galicia. Isto non é descentralizar, senón recentralizar", advirte. 

Ademais, a UDC lembra que a adscrición do CHUAC á súa universidade, como establece o convenio actual, "en ningún caso impediría, como non se impediu ata hoxe,  que o estudantado de Medicina da USC poida facer prácticas neste centro sanitario, como declarou a Consellería de Sanidade". "O estudantado de Medicina seguirá recibindo docencia clínica no CHUAC, como vén sendo ata o de agora. Negar isto é descoñecer a realidade universitaria", insiste, que lembra que desde que se asinaran os primeiros concertos en 2001, a USC "impartía, coma hoxe, a titulación de Medicina, pero vincúlase a cada universidade o hospital universitario que lle corresponde por territorio". "Esta vinculación é respectada durante os seguintes 24 anos, ata o día de hoxe", asegura con contundencia. 

O feito é que o novo acordo para o concerto co Sergas que mañá se debaterá na USC, e ao que tivo acceso este diario, aclara que coa súa entrada en vigor "derrógase a prórroga para o 2025-2026 do concerto asinado no ano 2001"

A UDC acusa a Xunta e UDC de "recentralizar": "Co novo convenio Sergas–USC, a docencia clínica de Medicina sería impartida integramente por profesorado da USC en todos os hospitais de Galicia"

No texto detállase que "os dispositivos asistenciais, servizos hospitalarios e unidades ou centros de atención primaria do Sistema Público de Saúde de Galicia que se citan no Anexo II do presente documento quedan, por tanto, concertados para os fins docentes, asistenciais e de investigación relativos aos estudos e titulacións universitarias a que se refire o presente concerto". Nese Anexo II aparecen todos os centros que quedarían adscritos á USC, entre eles todos os das áreas sanitarias de Santiago-Barbanza e mais os da de Lugo-A Mariña-Monforte. 

Facultade de Ciencias da Saúde da UDC, na Coruña CC-BY-SA UDC

Pero o documento aclara tamén que para o Grao de Medicina quedan "concertados" na Área Sanitaria da Coruña-Cee o Complexo Hospitalario Universitario A Coruña, Hospital Público de Cee, 3 centros de especialidade, 59 centros de saúde, 12 consultorios e 13 Puntos de Atención Continuada (PAC). Na de Ferrol, o Complexo Hospitalario Universitario Ferrol, 24 centros de saúde, 4 consultorios e 8 Puntos de atención continuada (PAC).

Tamén, na Área Sanitaria de Ourense-Verı́n-O Barco, oomplexo Hospitalario Universitario Ourense, Hospital Público de Valdeorras, Hospital Público de Verı́n, 99 Centros de Saúde, 5 Consultorios e 14 Puntos de Atención continuada (PAC). E na de Pontevedra, Salnés, o Complexo Hospitalario Universitario Pontevedra, Hospital Público do Salnés, 40 Centros de Saúde, 1 Casa do mar e 9 Puntos de Atención continuada (PAC).

Polo que respecta á Área Sanitaria de Vigo, quedarían adscritos á USC o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, 45 Centros de Saúde, 4 Consultorios e 10 Puntos de Atención continuada (PAC).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.