A Universidade da Coruña (UDC) prevé ofrecer o título de Medicina a partir do curso 2027-28. Así o asegurou o reitor, Ricardo Cao, en declaracións logo da reunión do Consello de Goberno deste mércores, nas que xustificou a decisión na necesidade de formar profesionais e paliar a falta de remuda xeracional ante a previsión da xubilación do 30% do persoal médico na vindeira década.
"Estamos convencidos de que esta iniciativa contribuirá de xeito decisivo a reforzar o sistema sanitario e académico de Galicia", dixo Cao, que lembrou o acordo que as tres universidades galegos asinaron hai dez anos, en 2015, para descentralizar a docencia clínica e que a Consellería de Sanidade vén de impulsar hai poucos meses. Aquel pacto tamén establecía que a única facultade galega de Medicina sería a de Santiago, unha condición que parece agora rachar.
"Nestes dez anos non se aplicou como estaba previsto e só se cumpriu moi parcialmente", dixo este mércores Cao respecto daquel pacto de hai unha década, ao que aludiu para lembrar que implicaba que A Coruña e Vigo participasen na docencia, centralizada na USC con 403 prazas. Agora, considera que é o momento "de abrir unha nova etapa" e iniciar os trámites para incorporar o título de Medicina á oferta da UDC.
Cao cre necesario "abrir unha nova etapa" e implantar Medicina na UDC para paliar a falta de remuda xeracional e a elevada demanda formativa
Segundo Cao, a universidade coruñesa ten "os vimbios necesarios" para incorporar Medicina ao contar xa coas titulacións de Logopedia, Podoloxía, Enfermaría e Fisioterapia, ademais de varios másters vinculados con esta disciplina. Ademais, tamén fixo referencia á elevada demanda formativa, con 3.000 solicitudes, ou á capacidade da UDC neste ámbito pola importancia do Complexo Hospitalario Universitairo (CHUAC) ou do Instituto de Investigación Biomédica.
A reclamación dunha facultade de Medicina no campus coruñés vén de lonxe. Desde principios dos anos 90 e retomada con máis forza nos inicios deste século. Agora, será a Xunta quen decida se autoriza ou non o proceso que vén de anunciar Ricardo Cao.
A Coruña apoia e Caballero pídea para Vigo
Polo momento, neste mércores, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey apoiou xa o proxecto expresado polo reitor para solicitar a titulación de Medicina para a cidade. "Hai unha intención centralizadora da USC da man da Xunta para baleirar de contido a docencia na Coruña", dixo a rexedora, que sinalou o CHUAC como hospital de referencia, ademais de destacar os "docentes moi profesionais e referentes" cos que conta A Coruña, ademais de "grandes grupos de investigación". "Sendo unha cidade de maior poboación, hai que impartir docencia aquí", rematou.
Ao tempo, o seu homólogo en vigués, Abel Caballero, non tardou en reaccionar e advertiu que "se a Xunta aproba" a nova titulación para a cidade herculina, "ten que aprobar Vigo tamén". "Exixímolo", aclarou.
"Levamos moitos anos reclamando a Facultade de Medicina en Vigo", lembrou Caballero, que di que defenderá "con todas as forzas da cidade" que a universidade da súa cidade tamén imparta a nova titulación no curso 2027/28.