A UDC sobe outro chanzo para implantar Medicina entre duras críticas da Xunta

Consello de Goberno da UDC © UDC

A Universidade da Coruña (UDC) deu un novo paso na súa intención de ofrecer o grao de Medicina no curso 2027-28 logo de que o seu Consello de Goberno aprobase este mércores por unanimidade o "inicio de expediente para solicitar a titulación". O reitor Ricardo Cao foi quen fixo a proposta, cumprindo co anunciado o pasado mes de maio cando decidiu recuperar unha aspiración histórica da UDC, e a resposta foi a mesma: aval unánime do órgano universitario e rexeitamento frontal da Xunta.  

Ás poucas horas de se facer público o novo chanzo subido pola UDC, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e mais a de Sanidade reaccionaron advertindo da "decisión unilateral fóra dos marcos de consenso" por parte da Universidade e fundamentada, segundo critican, "en argumentos que, como están advertindo moitas voces do ámbito sanitario, académico e técnico, son débiles e non se corresponden coa situación real destes estudos en Galicia".

Consello de Goberno da UDC, en xullo de 2025 © UDC

Segundo a Xunta, os pasos que está a dar a UDC "ameazan a fortaleza dos estudos de Medicina en Galicia e a investigación vencellada a eles" e lémbralle ao órgano reitor da Universidade que xa hai "un grupo de traballo en marcha que ten como obxectivo actualizar e potenciar a descentralización dos estudos de Medicina". 

A UDC aproba iniciar o expediente para solicitar a titulación e a Xunta advirte dos seus "argumentos débiles" e denuncia que actúa "fóra dos marcos de consenso"

No fondo, tamén, a clara desconformidade da UDC co funcionamento e labor dese grupo de traballo, sobre o que este mércores se debateu no Consello de Goberno, advertindo mesmo da súa posible ilegalidade. Membros do órgano dirixente da Universidade, segundo puido saber Praza.gal, lembraron que carece de calquera tipo de regulación xurídica que lle permita tomar acordos vinculantes, algo que, ademais, lembran, suporía atacar a autonomía universitaria. 

Na UDC lembran, tamén, que xa a Xunta quixo forzar precisamente nese grupo de traballo unha votación contra as intencións da Universidade que foi paralizada a última hora polo reitor Ricardo Cao, unha circunstancia que fortaleceu máis a decisión de continuar adiante coa solicitude de Medicina.

"Pensamos que é o momento de evitar posturas de parte para, entre todos, avanzar na descentralización da docencia clínica e teórica, pero sempre coa idea de ter unha única facultade", insisten, no entanto, ambas consellerías. 

A UDC, no entanto, segue adiante e agora terá que levar á aprobación do seu Consello de Goberno un documento de declaración de intencións que será elaborado por unha "comisión redactora da titulación", na que se inclúe persoal universitario pero tamén "especialistas externos". 

A UDC cuestiona o labor e mesmo a legalidade do grupo de traballo creado pola Xunta co resto de universidades

A continuación, segundo explica a UDC nun comunicado, deberá elaborar a memoria de verificación e xustificativa e que terá que recibir o visto e prace de tres órganos universitarios: a Xunta de Facultade, o Consello de Goberno e o Consello Social. Será o paso previo ao exame que se prevé máis complicado para as súas intencións: a autorización por parte da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta, antes de que o título pase a ser verficado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario (ACSUG).

O reitor explicou durante o transcurso do Consello de Goberno que o obxectivo "é dar resposta a unha demanda social e formativa, achegando unha nova proposta ao Sistema Universitario de Galicia". “Temos por diante un importante reto, que é deseñar un grao que se sitúe á vangarda en innovación educativa, aplicando os avances tecnolóxicos e o potencial investigador, en coordinación coas infraestruturas sanitarias de referencia da nosa contorna como é o CHUAC”, destacou Cao.

Os conselleiros de Educación e Sanidade e os reitores das tres universidades, nunha reunión do Consello de Docencia Clínica CC-BY-SA Xunta

"Aspiración lexítima"

Tamén lembrou que o obxectivo final é “unha aspiración lexítima da UDC, á vez que beneficiosa para o Sistema Universitario de Galicia, pois aspira a unha mellor formación”, sobre todo, insistiu, tendo en conta que o 50% dos estudos de Medicina corresponden a prácticas clínicas, e A Coruña e a súa contorna conta con recursos e unidades de referencia, “un potencial que debemos aproveitar”.

A memoria xustificativa da UDC para implantar Medicina deberá ser aprobada por tres órganos propios e logo recibir o visto e prace da Xunta 

Respecto da existencia dese grupo de traballo para avanzar na descentralización coa Xunta e o resto das universidades, creado tras a última reunión do Comité de Docencia Clínica e sobre cuxo funcionamento non está moi satisfeita a UDC, explicou que o seu equipo de goberno xa anunciou que participaba pero "manifestando expresamente" que o faría mantendo a "decisión de solicitar a titulación". "Consideramos compatible avanzar na descentralización da docencia clínica para apoiar o sistema, ao tempo que se traballa na implantación da nova titulación que non tería alumnado de segundo ciclo ata o curso 30-31”, lembrou. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.