Rueda, sobre accións xudiciais contra maxistrados que paran eólicos: "Non sei o que pode pasar no futuro"

Rueda no Consello da Xunta deste martes 11 de novembro de 2025 CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente di que "ata o día de hoxe a Xunta segue reaccionando como hai que reaccionar, con recursos, pero non valeu de nada"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi preguntado este martes, tras a reunión do Consello da Xunta, se o Goberno galego baralla accións xudiciais contra maxistrados do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSGX) pola súa "tendencia" a bloquear parques eólicos. A resposta do presidente foi que "a día de hoxe" segue apostando por recorrer xudicialmente esas actuacións, pero matizando que ata o momento "non valeu de nada" e que non sabe "o que pode pasar no futuro".

Un aeroxerador nun monte galego CC-BY-SA Praza Pública

O Goberno galego e o PP veñen acusando o TSXG de paralizar o sector eólico por suspender cautelarmente parques eólicos mentres analiza a súa legalidade ou por anular algúns deles de xeito definitivo porque o seu impacto non foi correctamente analizado pola Xunta. Suspensións cautelares ou anulacións definitivas do TSXG que en moitos casos están a ser avaladas polo Tribunal Supremo. Aínda así, este venres o PPdeG volveu criticar o TSXG polas súas decisións contrarias aos seus intereses: "Son ganas de enredar", dixo o seu voceiro parlamentario.

O venres o portavoz parlamentario do PPdeG acusou o TSXG de ter "ganas de enredar" coas súas decisións

Ante esas críticas abertas de Xunta e PP a maxistrados, Rueda foi preguntado pola posibilidade de iniciar accións xudiciais directas contra eses maxistrados. A súa resposta íntegra foi a seguinte: "Ata o día de hoxe, non sei o que pode pasar no futuro, a Xunta segue reaccionando como hai que reaccionar cando non estás de acordo cunha sentenza, que é acudindo ao mecanismo dos recursos, pero xa o fixemos ata en cinco ocasións e parece ser que non valeu de nada, polo tanto, ata o día de hoxe segue sendo o noso método de reacción e me gustaría que iso fora suficiente".

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

Ante as presións de compañías enerxéticas de Xunta, hai dous anos o propio TSXG e Xuízas e Xuíces para a Democracia chegaron a emitir comunicados defendendo a independencia xudicial.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.