O tribunal permitiu ata o momento a continuidade de cinco proxectos ao desestimar neses casos as peticións de paralización formuladas por ecoloxistas ou veciñanza
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) divulgou este martes varios autos con novas decisións sobre suspensións cautelares de parques eólicos autorizados pola Xunta que supoñen a paralización doutras 3 instalacións polo seu posible risco ambiental. Con estas novas decisións xudiciais, xa son 62 os parques eólicos suspendidos cautelarmente en 76 concellosde toda Galicia, mentres que noutros cinco casos o tribunal permitiu continuar a tramitación.
O TSXG está a suspender cautelarmente ducias de parques eólicos pola posibilidade de que o dano ambiental que provoquen sexa irreparable se seguen adiante e finalmente a xustiza determina que a súa tramitación por parte da Xunta foi incorrecta. Ademais, despois de que o Tribunal Supremo rexeitase o pasado decembro algúns dos argumentos empregados polo TSXG para anular por completo parques eólicos, o tribunal galego elevou unha pregunta ao Tribunal de Xustiza da UE sobre se a lexislación estatal e galega -e a decisión do Supremo que a avalou- é correcta.
Pero ao tempo, á marxe do debate sobre a legalidade dos permisos, o Tribunal Supremo vén de avalar hai tres semanas unha paralización cautelar dun parque por parte do TSXG á espera de que se analice o fondo da súa autorización.
No balance feito público este martes o TSXG informa de que suspendeu tamén a tramitación dos parques Orballeira, Penas Boas e Fial das Corzas. Os dous primeiros emprázanse en concellos que xa tiñan suspendidos outros parques, pero o terceiro sitúase en Laza e Vilar de Barrio, dous concellos que ata agora non estaban na lista de municipios con parques suspendidos cautelarmente.
Pola contra, este mesmo martes o TSXG tamén fixo público outro auto que denega a suspensión cautelar do permiso tamén outorgado pola Xunta para construír unha liña de evacuación da electricidade de catro parques eólicos na serra do Faro. Neste caso o tribunal conclúe que non se acreditou que exista un risco real e efectivo de que se causen danos irreparables ou de difícil reparación.
As suspensións cautelares agora ditadas polo TSXG foron pedidas polas asociacións Ecoloxistas en Acción Galiza e Petón do Lobo. Pero entre os parques suspendidos ata o momento tamén hai un paralizado a petición dun concello, Cerdedo-Cotobade, gobernado polo PP, partido se vén amosando moi crítico co TSXG.