Sucesivos autos do presidente da sala que analiza as autorizacións da Xunta, Francisco Javier Cambón, apoiado polo resto de maxistrados, relativizan as súas suspensións cautelares en comparación cos anos de "espera" administrativa previa
A Xunta, o PP e a patronal eólica, entre outros colectivos, veñen acusando o TSXG de paralizar a implantación de enerxías renovables en Galicia polas súas suspensións cautelares de parques eólicos mentres analiza a legalidade das autorizacións outorgadas polo Goberno galego. Os populares poñen o foco nun dos catro ou cinco xuíces que adoitan asinar por unanimidade eses autos, o ex-portavoz de En Marea Luís Villares. Pero os relatores da maioría deses autos adoitan ser outros, en moitos casos o propio presidente da sección terceira da sala do Contencioso-Administrativo, Francisco Javier Cambón García.
Neses autos do propio presidente da sección -unha decena dos 33 que ata o momento acordaron suspensións cautelares- adoitan repetirse unhas mesmas frases, textuais, coas que o tribunal replica ao argumento de que as súas decisións, temporais para evitar danos maiores, supoñen un grave prexuízo. Unhas frases nas que se pon o foco en que os parques en cuestión levan anos en tramitación e con demoras responsabilidade da Xunta ou das súas empresas promotoras.
Fronte ás alegacións de que as suspensións cautelares van contra o interese xeral de que haxa máis enerxías renovables, os autos salientan que iso sería así "se existise a necesidade perentoria para o interese xeral de obter a electricidade a través dese concreto parque eólico", en referencia a cada caso analizado.
Porén, os autos engaden que no caso de que finalmente a decisión final do tribunal sexa a de validar o parque, o prexuízo da demora será "manifestamente relativo se atendemos ao tempo a que se remonta o comezo do expediente administrativo e o transcurso ata a súa aprobación, sendo responsables de tal demora, en todo caso, a Administración e/ou a promotora".
Parques agora suspendidos cautelarmente polo TSXG veñen sendo tramitados segundo a Xunta desde 2007, 2010 ou 2017
Esa frase repítese textualmente en autos referidos a parques como o Marcofan, o último analizado polo tribunal, nun auto do 18 de abril, proxecto no que a Xunta remonta o inicio da súa tramitación a outubro de 2017. Pero tamén é empregada para referirse a parques agora suspendidos cun inicio da tramitación moito máis antiga, como o Touriñán III-2 e o Outeiro Grande, os dous en decembro de 2010, ou o Monte Neme, en xaneiro de 2007, sempre segundo a Xunta. Outros parques iniciaron a súa tramitación en 2019 ou 2020.
Durante estes anos moitos deses parques sufriron todo tipo de demoras por mudanzas nas súas características decididas polas empresas promotoras ou pola súa tramitación administrativa. Fronte a iso, os autos do TSXG sinalan sobre o tempo que quere darse para analizar a legalidade dos proxectos que "a duración do procedemento entendemos que non abarcará un tempo excesivamente dilatado e que o lapso temporal de espera na vía administrativa que padeceu a empresa promotora para obter a autorización, tamén foi amplo, non sendo por iso moi equitativo pola súa parte achacarnos culpa pola caducidade das autorizacións que se puideran producir".
Estes autos tamén veñen reiterando, igualmente coa mesma textualidade, outro argumento en favor das paralizacións cautelares. O de que se os parques inician a súa construción e despois as súas autorizacións son declaradas ilegais, as indemnizacións a pagar ás empresas serían superiores.
"De estimarse o recurso, sen medidas cautelares, habería que indemnizar á eólica en todo o construído con licenza e costear os cuantiosos gastos de reposición do terreo, como acontece cos parques eólicos O Oribio e As Sasdónigas", din os autos dos que é relator o presidente da sala, lembrando así dous casos de proxectos que xa iniciaran as súas obras cando o Tribunal Supremo ratificou a nulidade dos seus permisos. Polo parque do Oribio a súa empresa promotora vén de reclamar agora unha indemnización de 46 millóns de euros.
Son xa 33 os parques eólicos suspendidos polo TSXG desde que o Supremo restrinxiu criterios para ditar medidas cautelares
Segundo o último balance do TSXG, son xa 33 os parques suspendidos desde que en decembro o Tribunal Supremo lle restrinxiu os criterios para ditar medidas cautelares. Fronte a eles, noutros 4 parques o TSXG desestimou aplicar esas suspensións e poden seguir o seu curso.