O TSXG anula un eólico en Mazaricos na primeira sentenza tras o aval europeo aos prazos para tramitalos

Aeroxeradores en Mazaricos © Concello de Mazaricos

Ao contrario do sinalado nalgúns ámbitos políticos, económicos e mediáticos, o aval do Tribunal da UE aos prazos para tramitar os parques non implicou desbloquear automaticamente os recorridos na Xustiza galega

O pasado agosto o Tribunal de Xustiza da Unión Europea deu o seu visto e prace aos prazos que as Administracións do Estado español, entre elas a Xunta, viñan aplicando para tramitar as avaliacións ambientais de proxectos coma os eólicos. En resposta a unha cuestión prexudicial do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o TXUE considerou adecuado que o Goberno galego expuxese ao público a documentación dos eólicos antes de ter todos os informes sectoriais pertinentes.

Nalgúns ámbitos políticos, económicos e mediáticos, mediáticos aquel pronunciamento do alto tribunal europeo foi lido coma o "desbloqueo" de ducias de parques eólicos que o TSXG mantén freados por outro motivo. Tenos suspendido cautelarmente para, mentres analiza o fondo de cada cuestión (en xeral, recursos formulados por entidades ecoloxistas ou veciñais a autorizacións da Xunta), evitar un potencial risco ambiental se permite iniciar a construción e finalmente non encaixan na legalidade, vén sinalando. Este é o pano de fondo co que vén de anular un parque eólico en Mazaricos.

Aeroxeradores nun monte galego CC-BY-SA Xunta de Galicia

Este 27 de outubro a Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do tribunal galego ditou a súa primeira sentenza -que non auto de medidas cautelares- sobre un eólico tras os avais do Supremo e da Xustiza da UE aos prazos da Xunta. E fíxoo decretando a anulación das autorizacións administrativa previa e de construción do pequeno parque eólico A Ruña III -tres aeroxeradores-, promovido por Eurus Desarrollos Renovables e autorizado polo Goberno galego en xuño de 2022.

O TSXG sentencia que o parque A Ruña III debeu ser obxecto dunha avaliación ambiental conxunta coa liña eléctrica de evacuación que ía utilizar e que contemplase os seus posibles danos en espazos naturais

En resposta a un recurso da entidade ecoloxista Petón do Lobo, o Tribunal mantiña este parque suspendido precisamente "á espera de que se resolvese" a súa consulta ao TXUE. Agora a Sala, composta polas maxistradas Dolores López e María de los Ángeles Braña e mais o maxistrado Juan Carlos Fernández, que actuou como relator, anúlano porque a súa declaración de impacto ambiental "se limitou ao parque eólico". Pero "dado que non só se configura como unha instalación que produce enerxía eléctrica" senón que "tamén a almacena e transporta ata a rede", esa avaliación debeu realizarse "conxunta coa da liña eléctrica de evacuación".

"Tíñanse que contemplar todos os seus compoñentes nun só proxecto ou, polo menos, valorar ambos de forma conxunta nunha soa declaración de impacto ambiental", resume o ditame. Ademais, agrega, a declaración de impacto que si foi elaborada deixou fóra a análise para "previr ou, no seu caso, mitigar" os danos en espazos naturais.

Eólicos nun concello galego © Universidade de Vigo

"O que procedía -resume a sentenza- era tramitar e formular un único procedemento de avaliación ambiental que valorase de forma unitaria e conxunta os impactos e efectos sinérxicos do conxunto das instalacións, que non só eran as de produción ou xeración de enerxía eléctrica, senón tamén as de transporte ata a rede". E "sen esquecer a proximidade dese parque" con outro "co que ía compartir infraestruturas de evacuación".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.