Galicia é un dos territorios do Estado cunha maior xeración de electricidade a través de fontes renovables, debido sobre todo á importancia do sector eólico. Porén, a potencia instalada creceu moi pouco a partir de 2009 e nos últimos cinco anos permanece case estancada
Galicia é un dos territorios do Estado cunha maior xeración de electricidade a través de fontes renovables. O pasado ano o 83% da produción eléctrica galega fíxose a través de fontes limpas, debido en boa medida ao aumento da produción hidráulica. Pero mesmo en anos de seca, como foi por exemplo o 2022, cunha produción hidroeléctrica en mínimos, as fontes renovables achegaron máis do 61% da electricidade xerada no país. Grazas, sobre todo, á enerxía eólica.
Dende hai máis de vinte anos o sector eólico despuntou en Galicia, converténdose nunha das principais fontes de enerxía. Entre 2019 e 2023, de feito, a eólica foi a principal fonte de xeración eléctrica no país, unha vez que as centrais térmicas de carbón reduciron ou finalizaron a súa actividade.
Galicia conta cunha importante presenza de parques eólicos no seu territorio, debido principalmente ao enorme crecemento que se produciu entre 1998 e 2008. Un crecemento que se produciu, iso si, sen apenas participación das comunidades locais e con beneficios limitados para as zonas nas que se instalaron estes parques.
Nos últimos anos a inseguridade derivada da cuestionable xestión realizada polo Goberno galego levou á suspensión por parte do TSXG de máis de 60 parques en moitos casos debido á fragmentación ilegal dos proxectos
En 2008 a potencia instalada chegou a 3.163 MW. Porén, dende aquel momento esta cifra creceu moi pouco, sumando ata o 2018 menos de 200 novos MW. A anulación do concurso eólico de 2008 por parte do primeiro goberno de Alberto Núñez Feijóo e o posterior bloqueo político ás renovables por parte do Goberno de Mariano Rajoy no Estado frearon o seu crecemento.
Tan só a partir de 2018 o sector comezou a reaxir de novo, especialmente nun ano 2019 no que se engadiron case 500 MW. Porén, a partir de aí a inseguridade derivada da cuestionable xestión realizada polo Goberno galego levou á suspensión por parte do TSXG de máis de 60 parques en moitos casos debido á fragmentación ilegal dos proxectos inicialmente aprobados polo Goberno galego; e a pesar de que inicialmente pareceu que o Tribunal Supremo avalaba esta fragmentación, unha nova sentenza deste tribunal volveu cuestionar o procedemento seguido polos proxectos suspendidos.
Entre 2019 e 2024 Galicia só incrementou a súa potencia eólica en 106 MW, unha cifra moi cativa. Nese período Aragón sumou 2.345 MW, as dúas Castelas máis de mil MW en cada caso, e Navarra case 500
Entre 2019 e 2024 Galicia só incrementou a súa potencia eólica en 106 MW, unha cifra moi cativa se a comparamos coa de períodos anteriores e tamén se a poñemos en relación co desenvolvemento que o sector eólico tivo noutras comunidades autónomas. Entre 2019 e 2024 Aragón sumou 2.345 MW, as dúas Castelas máis de mil MW en cada caso, e Navarra case 500. Mesmo Andalucía, Cataluña, Asturias ou Canarias incrementaron a súa potencia eólica instalada por riba de Galicia.
Nos últimos anos apenas aumentou a potencia renovable en Galicia. Dende o 2019, a suba (uns 300MW) corresponde na súa maior parte a instalacións fotovoltaicas
É certo que Galicia segue a ser a cuarta comunidade autónoma en potencia instalada, por detrás de Castela e León, Aragón e Castela-A Mancha. Pero a realidade é que nos últimos anos apenas se incrementou a potencia renovable, que pasou de 6.749 MW en 2009 a 8.022 MW en 2023. Nestes 14 anos a potencia hidráulica aumentou en 326 MW, a eólica en 656 MW e a solar en 255 MW. Dende o 2019 (7.715 MW) a suba é aínda máis cativa, uns 300 MW, que corresponden na súa maior parte a instalacións fotovoltaicas.
O Observatorio Galego da Acción Climática leva anos alertando do "alarmante" estancamento da potencia eléctrica renovable, que supón un "lastre para a mitigación da crise climática" e dificulta a necesaria electrificación da economía galega
O Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) leva anos alertando do "alarmante" estancamento da potencia eléctrica renovable, que supón un "lastre para a mitigación da crise climática" e dificulta a necesaria electrificación da economía galega de cara a poder prescindir de fontes de enerxía fósil e contaminantes, coma o petróleo e o gas, que fan a Galicia dependente das importacións enerxéticas.
Por outra banda, a Asociación Empresarial Eólica, que agrupa as principais empresas con proxectos en Galicia, vén amosando a súa "preocupación" polo "bloqueo estrutural" do sector provocado pola "sucesión de paralizacións de proxectos eólicos". A patronal eólica denuncia a "inseguridade xurídica" que din vivir en Galicia.
É difícil non facer responsable á Xunta do labirinto xudicial no que unha boa parte das novas iniciativas eólicas están a atopar en Galicia e, polo tanto, da paralización do sector
É difícil non facer responsable á Xunta do labirinto xudicial no que unha boa parte das novas iniciativas eólicas están a atopar en Galicia e, polo tanto, da paralización do sector. Tras anular ilegalmente o concurso eólico do bipartito de PSdeG e BNG, a nova norma aprobada polo primeiro Goberno de Núñez Feijóo apostaba en teoría por un novo plan sectorial eólico que debuxase sobre un mapa as áreas concretas de Galicia nas que se poderían instalar aeroxeradores tendo en conta a súa "incidencia territorial e ambiental". Pero a Xunta nunca impulsou ese novo plan, nunha renuncia a planificar o sector que xa dura 16 anos.
A realidade é que segue vixente o plan eólico de 1997, modificado parcialmente en 2002, unha planificación obsoleta que agora o Goberno de Alfonso Rueda quere subsituír por un novo plan, que aínda tardará uns tres anos en chegar, no mellor dos casos.