Hai uns días Red Eléctrica publicou os datos de xeración e demanda do sistema eléctrico español no ano 2022, uns indicadores nos que destaca o importe incremento da electricidade producida a través dos ciclos combinados de gas, que aumentou un 50% con respecto ao 2021. Os ciclos combinados convertéronse, de feito, na principal fonte do mix eléctrico por vez primeira, cun 24,8% do total, por diante da enerxía eólica e da nuclear, que no 2021 ocupaban as dúas primeiras posicións en produción.
Neste ano 2022 -cando menos ata o mes de setembro- a produción eléctrica renovable en Galicia (9.083.638 MWh) estivo moi por debaixo da demanda eléctrica (10.430.688 MWh)
De feito, a produción eléctrica por renovables caeu ata o 42,1%, fronte ao 46,7% que representaba no 2021 ou o 44% de 2020, tanto polo aumento do gas queimado para producir electricidade como polo descenso na produción hidroeléctrica, por mor da importante seca sufrida nos últimos meses.
Aínda non hai estatísticas completas por comunidades autónomas para poder valorar por completo os indicadores galegos, pero os datos publicados ata agora, de xaneiro a setembro, apuntan a conclusións semellantes no noso país, cun importante descenso da electricidade producida por fontes renovables -sobre todo pola caída da xeración hidráulica- e un incremento da producida por fontes non renovables, especialmente os ciclos combinados de gas, pero tamén o carbón, que aumenta despois do mínimo acadado no ano 2021.
Nos anos 2020 e 2021 Galicia acadara un importante fito, xa que a enerxía eléctrica renovable xerada superou a demanda total. A marxe positiva era moi cativa, pero grazas aos bos datos da produción eólica e hidroeléctrica, os datos indicaban un camiño axeitado na dirección de poder deixar de depender dos combustibles fósiles na xeración eléctrica.
En termos porcentuais, a produción eléctrica con renovables en Galicia foi do 61,2% entre xaneiro e setembro, moi por debaixo dos datos de 2020 (75,6%) e 2021 (74,2%) e mesmo dos de 2019 (65,2%)
Neste ano 2022 -cando menos ata o mes de setembro- a produción eléctrica renovable en Galicia (9.083.638 MWh) estivo moi por debaixo da demanda eléctrica (10.430.688 MWh) e só a achega das fontes non renovables (5.761.831 MWh) fixo que Galicia non tivese que importar electricidade. A produción renovable diminuíu un 35% nos nove primeiros meses deste ano en relación ao mesmo período de 2021. Pola contra, a fósil medrou un 25%.
En termos porcentuais, a produción eléctrica con renovables en Galicia foi do 61,2% entre xaneiro e setembro, moi por debaixo dos datos de 2020 (75,6%) e 2021 (74,2%) e mesmo dos de 2019 (65,2%). Dende hai anos Galicia é un dos territorios do Estado no que a xeración eléctrica con renovables é máis importante, grazas á potencia eólica instalada e á capacidade de produción hidroeléctrica. De feito, dende o 2012 a produción eléctrica renovable sempre foi maioritaria, coa única excepción do ano 2017, tamén un ano de seca con baixa produción hidráulica.
Veiras lembra que "autosuficiencia eléctrica non equivale a autosuficiencia enerxética", xa que o consumo final de enerxía nos diferentes sectores non só inclúe a electricidade, senón tamén os combustíbeis e a calor
Cómpre lembrar, en todo caso, que aínda que Galicia adoita presentar un importante superávit eléctrico, ata agora unha parte importante dese saldo positivo se debía á importación de materias primas coma o carbón e o gas, polo que en termos globais o país continuaba a ser deficitario e dependente do exterior para o seu autoconsumo de electricidade.
Neste senso Xosé Veiras sinala que "existe o mito de que Galicia é excedentaria en electricidade renovable. Pero non chega con ser excedentario no cómputo anual, algo que só sucedeu un par de anos. Para ser autosuficiente, habería que ser excedentario a todas horas e todos os días". Ademais, Veiras adoita lembrar que "autosuficiencia eléctrica non equivale a autosuficiencia enerxética", xa que o consumo final de enerxía nos diferentes sectores non só inclúe a electricidade, senón tamén os combustíbeis e a calor.
Veiras puxo en marcha hai uns meses o Observatorio Galego de Acción Climática, unha web que busca divulgar información sobre a transición enerxética e a emisión de contaminantes en Galicia. O Observatorio conclúe que o 2022 "está a ser un ano de retroceso na transición cara a un sistema eléctrico 100% renovábel en Galicia".
Cómpre lembrar que, independentemente da electricidade consumida, a maior parte da enerxía que consume Galicia é importada
Cómpre lembrar que, independentemente da electricidade consumida, a maior parte da enerxía que consume Galicia é importada, tendo en conta a demanda de gas ou petróleo e gasolinas. A achega das enerxías renovables pode equivaler á práctica totalidade do consumo eléctrico total, pero a pouco máis dun terzo de todo o consumo de enerxía final, como lembraba Xosé Veiras nestoutro artigo, no que advertía de que "case o 80% das materias primas enerxéticas das que depende o funcionamento da nosa economía son de orixe fósil".
"Necesítase que descenda o consumo de enerxía e aumentar o grao de electrificación", explica Veiras, que lembra que na actualidade apenas unha cuarta parte da enerxía final que demanda Galicia é consumida como electricidade, e habería que cando menos duplicar esta cantidade. Isto vai obrigar a un importante incremento na produción eléctrica con renovables, "que debería substituír por completo á produción eléctrica sucia nesta década se queremos cumprir coa parte que nos toca no proceso de descarbonización", apunta Veiras.
A queima de gas converteuse na segunda fonte de xeración eléctrica en Galicia, superando a enerxía hidroeléctrica (15,2%), que debido á seca dos últimos meses presentou a súa segunda menor achega ao mix eléctrico da última década
Nos datos de xeración eléctrica de 2022 coñecidos ata agora para Galicia o máis destacable é o incremento da produción dos ciclos combinados de queima de gas, que en dous anos pasaron de representar o 9% da produción eléctrica en Galicia no 2020, ao 15,3% en 2021 ata acadar o 24,6% neste 2022. Nos últimos anos os ciclos combinados de gas axudaran a compensar o descenso na produción eléctrica das centrais térmicas de carbón e tamén o carácter irregular da produción das centrais hidroeléctricas, dependentes do réxime de chuvias. Porén, nunca acadaran un valor tan elevado coma o actual.
De feito, nos meses de verán o gas queimado nos ciclos combinados das Pontes e Sabón (Arteixo) achegou entre o 35 e o 40% da electricidade producida no noso país. O Observatorio explica que "a repunta na produción de electricidade fósil vai provocar un incremento significativo das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) asociadas á xeración eléctrica galega durante o presente ano".
Xosé Veiras alerta de que "aínda que se di que o gas é unha enerxía limpa, non o é. É menos sucia que o carbón ou o petróleo, pero segue sendo sucia". "Habería que facer unha transición relativamente rápida para xa para reducir o consumo de gas fósil tanto na produción eléctrica coma nas calefaccións", di.
Os ciclos combinados de queima de gas pasaron de representar o 9% da produción eléctrica en Galicia no 2020, ao 15,3% en 2021 ata acadar o 24,6% neste 2022
A queima de gas converteuse na segunda fonte de xeración eléctrica en Galicia, superando a enerxía hidroeléctrica (15,2%), que debido á seca dos últimos meses presentou a súa segunda menor achega ao mix eléctrico da última década, superando unicamente os datos de 2017.
A necesidade de botar man do gas para producir a electricidade que Galicia demanda "non tería acontecido se non se producira unha acusada desaceleración do crecemento da potencia eléctrica renovábel durante a pasada década", apunta o Observatorio, que apunta que "sen un forte crecemento das renovábeis eléctricas, nomeadamente da eólica e da solar, a xeración galega de electricidade renovábel continuará a minguar moito nos anos secos, que poderían ser cada vez máis frecuentes por causa da crise climática". Porén, sinala o Observatorio, "até setembro a potencia renovábel instalada en Galicia só creceu o 0,8% en comparación con 2021", unha cifra moi baixa, que mesmo supón a metade do lento crecemento medio anual da década 2011-2020.
No que levamos de 2022 aumentou tamén a proporción de electricidade producida a través da queima de carbón, que no 2021 ficara reducida ao mínimo (1,9% do total) e que no 2022 duplicou a súa parte (4,1%)
No que levamos de 2022 aumentou tamén a proporción de electricidade producida a través da queima de carbón, que no 2021 ficara reducida ao mínimo (1,9% do total) e que no 2022 duplicou a súa parte (4,1%). Está lonxe, en calquera caso, dos niveis nos que se movía ata o 2018.
A principal fonte de produción eléctrica en Galicia segue a ser a enerxía eólica, que mesmo incrementa a súa proporción sobre o total, acadando un 42,5% que supón o seu máximo histórico en termos relativos. Porén, este incremento débese unicamente ao descenso global na electricidade xerada, pois a realidade é que entre xaneiro e setembro, a enerxía eólica producida foi inferior á dos dous últimos anos.
No 2022 a produción de enerxía eólica decendeu un chisco en Galicia, aínda que en termos relativos mesmo incrementa a súa proporción sobre o total, acadando un 42,5%, debido ao descenso global na elecricidade xerada
Neste último gráfico pode observarse con máis claridade a evolución da electricidade producida a través de cada fonte neste ano 2022, comparando os datos dos que dispoñemos -de xaneiro a setembro- co mesmo período dos anos anteriores. Vemos como a enerxía eólica descende lixeiramente dende os máximos acadados en 2020 e 2021 e que a enerxía hidroeléctrica fixa nun terzo dos valores rexistrados o pasado ano.
En cambio, dispárase a electricidade derivada do gas, que duplica os datos de hai dous anos. Os datos para o conxunto do Estado revelan que neste ano 2022, aínda que a demanda de gas convencional por parte dos fogares e da industria descendeu un 20% debido ao aumento de prezos, a crise e as medidas de aforro enerxético introducidas, o gas destinado á produción de electricidade incrementouse un 61%, segundo as estatísticas ofrecidas por Enagás.