Ence non poderá instalarse nas Pontes ata que Endesa garanta que a parcela non está contaminada

A nova planta de reciclaxe de Ence nas Pontes instalarase no antigo parque de carbóns de Endesa, ao outro lado do lago artificial, en terreos nos que a enerxética debe garantir a descontaminación CC-BY-SA Imaxe: Endesa | Montaxe: Praza Pública

Ence vén de recibir autorización ambiental da Xunta para construír unha planta de reciclaxe de papel e cartón nas Pontes, no lugar que ocupaba o antigo depósito de carbóns da central térmica de Endesa agora en desmantelamento. Pero esa actuación, ao oeste da antiga central térmica e do lago artificial, entre este e a autovía AG-64, non poderá comezar, segundo reflicte a autorización ambiental integrada (AAI) agora emitida pola Xunta, ata que Endesa non garanta que a parcela está descontaminada.

Autorización ambiental integrada da Xunta para a planta de reciclaxe de Ence nas Pontes CC-BY-SA Praza Pública

O permiso ambiental que vén de obter a empresa reflicte que a parcela, na que estaba o depósito de carbóns da antiga central, "está sendo actualmente obxecto dunha avaliación do estado do solo e das augas subterráneas" tras o peche da térmica

O uso previo dese emprazamento como depósito de carbóns fai que a autorización ambiental agora outorgada pola Xunta comece advertindo, no apartado de condicións específicas que se fixan para o novo proxecto, que o emprazamento "está sendo actualmente obxecto dunha avaliación do estado do solo e das augas subterráneas tras o cesamento definitivo da actividade da central", de acordo coa normativa estatal de prevención e control da contaminación.

"A execución da planta de fibra reciclada poderá iniciarse unha vez finalizada a referida avaliación e adoptadas as medidas necesarias por parte de Endesa Generación SA, como titular actual", engade a Xunta. 

"A obriga de descontaminar un solo recae nos suxeitos causantes", di a Xunta, que engade que neste caso "corresponde á actual propietaria do solo, Endesa"

No proceso para outorgar esta autorización ambiental integral a Xunta recibiu alegacións amosando o temor de que co permiso a Ence "non se aborde a descontaminación do parque de carbón da central térmica" no que se instalará a nova fábrica. 

A esa cuestión a Xunta responde expresamente que "a obriga de descontaminar un solo afectado recae, de acordo coa normativa sectorial, nos suxeitos causantes da contaminación, e subsidiariamente, por esta orde, nas persoas propietarias dos solos contaminados e nas posuidoras destes". "Polo tanto", engade a resolución, "corresponde á actual propietaria do solo, Endesa Genración SA, asumir este proxecto, independentemente de quen sexa o posterior propietario ou posuidor". 

Emprazamento da planta de Ence nas Pontes nun plano tirado da declaración de impacto ambiental CC-BY-SA Xunta de Galicia

O permiso ambiental previo a este, a declaración de impacto ambiental, formulada pola Xunta en maio, xa sinalaba que Ence asumía que "corresponde a Endesa, actual propietaria do terreo, a descontaminación dos solos da parcela, a cal xa conta cun plan de desmantelamento e descontaminación aprobado". E fixábase a condición de que a demarcación hidrográfica de Galicia-Costa recibise "con carácter previo ao inicio das obras" o "certificado oficial de descontaminación de solos expedido por Endesa".

Máis prazo para a certificación e calidade ambiental

A propia Ence alegou no proceso de autorización ambiental da Xunta pedindo máis prazo e flexibilidade na implantación do sistema de xestión ambiental, e Medio Ambiente aceptou o primeiro pero non o segundo

Por outra banda, ademais das alegacións de terceiros interesados, como a relativa á descontaminación do solo, no proceso de autorización ambiental a propia Ence, a través de Biofibras de Galicia, presentou alegacións pedindo ampliar o prazo para a implantación e certificación do sistema de xestión ambiental da planta de 12 a 18 meses. Tamén solicitou que ese sistema de xestión ambiental tome unha norma de certificación e calidade (UNE-EN-ISO 14001) "como unha preferencia, pero non como unha esixencia". 

A resposta da Xunta foi admitir a primeira petición e ampliar o prazo para implantar o sistema de xestión ambiental pero denegou a segunda solicitude: "Mantense a esixencia de que este sexa conforme coa norma UNE-EN-ISO 14001, ao fin de que se adapte a estándares internacionais de aceptación xeral que sexan verificados por un terceiro que aporte obxectividade".

Rolda de prensa de autoridades e Ence sobre o proxecto da planta de reciclaxe de fibras téxtiles nas Pontes, en 2023 © Ence

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.