Adeus ao carbón nas Pontes: Galicia apaga un símbolo industrial e a central de maior impacto climático

Solpor na central térmica de Endesa, nas Pontes CC-BY-SA Javier Teixidor López

A central das Pontes deixa de queimar carbón ao esgotar as últimas existencias que quedaban nas instalacións de Endesa. Galicia ve así como se apaga de vez a súa última térmica, logo do peche e posterior desmantelamento da que Naturgy tiña en Meirama

A central térmica das Pontes deixa de queimar carbón tras case medio século

É a fin dunha era. Arredor de medio século despois de que se iniciase a súa construción, a central das Pontes deixa de producir electricidade mediante carbón, á espera só do desmantelamento do que aínda é un símbolo industrial de Galicia, clave no auxe económico da vila, da comarca e de todo o norte e tamén o máis grande emisor de gases de efecto invernadoiro do país. A térmica pontesa foi durante anos a fábrica galega con maior impacto climático, a máis contaminante do Estado e unha das que máis contribuíu ao quecemento global en Europa. 

Foi no último venres de 2019 cando Endesa solicitou oficialmente o peche da central térmica das Pontes, confirmando unha decisión que adiantara aquel setembro, hai xa catro anos. A cada vez menor rendibilidade económica da queima de carbón, o abaratamento do prezo do gas, a maior produción de enerxías renovables, unha menor demanda e o elevado prezo dos dereitos de emisión de dióxido de carbono explicaban a decisión, impulsada tamén polas esixencias europeas de descarbonización, pero que se foi adiando. 

Central térmica das Pontes, co lago ao fondo CC-BY-SA Manolo Feal

Na pasada noite de martes a mércores, e coa autorización de peche xa na man, consumíronse as últimas toneladas de carbón para a continuación apagar a caldeira e, posteriormente, desacoplar a central da rede eléctrica. En declaracións a SER (Radio Ferrol), Ricardo Casas, presidente do comité de empresa, aclaraba que a partir de agora será tempo de poñer as instalacións en "posición segura", retirando combustibles líquidos ou restos de mineral. 

A partir do 1 de novembro marchará aquel persoal que se ía prexubilar pero se mantivo estes últimos meses por circunstancias de produción, mentres que outro grupo será recolocado noutras recintos de Endesa no Estado. Os operarios da industria auxiliar quedarán ata finais de novembro e unhas 25 persoas permanecerán na fábrica ata que conclúan os traballos previos ao desmantelamento, que durará catro anos e no que se prevé que traballen unhas 130 persoas e ata 200 nos picos de actividade. 

Durante os catro anos desde que Endesa anunciou a fin do carbón nas Pontes, a empresa estudou sen éxito outras alternativas de combustibles para as instalacións. E comezaron a buscarse proxectos industriais alternativos para a comarca. Cando xa se iniciara o proceso administrativo de peche e se estaba a queimar o último mineral a guerra de Ucraína e os problemas enerxéticos globais levaron a prorrogar cautelarmente o funcionamento de parte da central.

Endesa adiou o peche logo de que a guerra de Ucraína e a crise enerxética levasen a prorrogar o funcionamento de parte da central

Os trámites continuaron e en marzo de 2022 a empresa obtivo o permiso ambiental para desmantelar a central, condicionado despois pola Xunta cando esta decidiu protexer a última hora a cheminea do complexo, de máis de 350 metros, unha das máis grandes do mundo e a máis alta de Europa cando se construíu. 

Foi no pasado mes de agosto cando chegou a autorización de peche por parte da Dirección Xeral de Política Enerxética do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que fixaba uns prazos: o desmantelamento deberá chegar, como moi tarde, en agosto de 2027, mentres que o peche dos catro grupos de xeración deben fechar en menos dun ano. Foi moito antes. 

Protesta da plataforma Galiza Un Futuro Sen Carbón, na central das Pontes CC-BY-SA UFSC

A central chegou a supor un cuarto do total de emisións de gases de efecto invernadoiro en Galicia e aínda foi en 2022 a terceira factoría máis contaminante

O esgotamento da última remesa de carbón mercada por Endesa, de 540.000 toneladas, apagará unha planta de 1.400 megavatios, a máis grande do Estado e que podía cubrir o 5% da demanda de electricidade en España. Unha central na que a tal hora traballan unhas 120 persoas, a metade de compañías auxiliares, e onde chegaron a empregarse centos e centos.

O persoal agarda agora polos traballos de desmantelamento pero tamén polos proxectos eólicos de Endesa na zona, que suman 1.600 MW de renovables. Porque o cesamento de actividade da central porá fin tamén ao que foi historicamente o maior foco galego de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) e un dos principais de Europa. Antes da forte caída da produción en 2019 —tanto pola nula competitividade dun modelo enerxético moi caro como polo prezo do carbón como polo da tonelada de CO₂ no mercado europeo de emisións— a instalación pontesa supoñía un cuarto do total destas emisións en Galicia. 

A pesar da caída na súa actividade, a térmica aínda foi o ano pasado a terceira industria galega con maiores emisións de GEI, só por detrás da veciña central de gas fósil das Pontes, tamén propiedade de Endesa, e da refinaría de Repsol na Coruña. Emitiu algo máis de 930.000 toneladas deste tipo de gases causantes da mudanza climática. En 2018, só catro anos antes, foran case 8 millóns —unhas sete veces máis— converténdose na planta máis contaminante do Estado e a 17ª factoría que máis CO2 equivalente (medida en toneladas da emisión de todos os GEI) botou á atmosfera na UE.

Malia que seguiu funcionando, o peso enerxético da central das Pontes foi cada vez a menos. No primeiro semestre de 2023 só achegou o 2,3% da electricidade xerada en Galicia tras descender a súa produción o 83% con respecto á media para o mesmo período en 2018-2022, cando supuxera máis do 12% da electricidade, tal e como se tira dos datos de Red Eléctrica (REE). E pasou de achegar uns 9.500-11.000 GWh/ano e un 30-40% da produción galega de media no período 2015-2018 a menos de 900 GWh e un 4% en 2022,

Todo despois de que nese 2022, malia todo, medrase un 87% a produción eléctrica con carbón en Galicia, onde se xerou o 11% da electricidade producida deste xeito en todo o Estado. Foi nos tempos nos que mentres a Xunta cargaba contra a decisión do peche, presumía á vez do descenso a emisión de gases de efecto invernadoiro, unha baixada debida, fundamentalmente, ao declive no uso do carbón, primeiro en Meirama e logo nas Pontes. 

A fin da queima de carbón na central pontesa pon fin a unha era, desde que entrar en funcionamento en 1976 e fora deseñada, orixinalmente, para consumir o lignito extraído na mina a ceo aberto que agora ocupa un lago artificial de case 900 hectáreas de superficie. 

Desde o peche da mina, e logo de que durante algúns anos consumise unha mestura do carbón alí extraído con outro de importación, tan só consumía carbón foráneo, do que Endesa se aprovisionaba con cargamentos que percorrían medio mundo en barco tras ser extraídos en diferentes países. Ata hoxe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.