O departamento de Patrimonio da Xunta informa en contra da demolición da cheminea, pero o Ministerio para a Transición Ecolóxica constata que non está protexida por ningunha administración
O Ministerio para a Transición Ecolóxica publicou este luns no Boletín Oficial del Estado (BOE) a Declaración de Impacto Ambiental do desmantelamento da central térmica das Pontes, solicitado por Endesa. O documento establece unha serie de precaucións, condicionantes e medidas preventivas a ter en conta durante as obras, cuxa duración está estimada nuns 60 meses e que comezarán cando Endesa obteña o resto de autorizacións sectoriais necesarias.
Durante a tramitación da Declaración de Impacto Ambiental o ministerio só obtivo unha alegación desfavorable dalgunha das administracións implicadas, a da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, que discrepa da demolición prevista da cheminea do complexo. Porén, o ministerio constata que non está protexida por ningunha administración.
Endesa solicitou a finais de 2019 o peche da súa central térmica de carbón das Pontes pola súa “falta de rendibilidade”. Malia reactivacións puntuais da produción, o longo e complexo proceso administrativo de peche segue adiante e agora vén de obter a autorización ambiental xeral que comezou a tramitar o pasado ano. Daquela a empresa estimou en 48,5 millóns de euros o custo dos traballos e propuxo a demolición con explosivos tanto das catro torres de refrixeración como da cheminea de 356 metros de altura.
Endesa cifrou en máis de dúas mil as toneladas de residuos perigosos que producirá o desmantelamento, 1.500 deles con amianto, e outras 280.000 toneladas de entullos de formigón que prevé reutilizar en recheos na propia parcela
Agora o ministerio establece as condicións que deberán cumprir os traballos en materia de contaminación do aire, ruído, residuos, fauna e flota, augas ou paisaxe. Por exemplo, haberá controis das augas e do aire, a planta de machacado para a reciclaxe do formigón deberá estar protexida con pantallas acústicas para amortecer o seu ruído, e as voaduras e traballos máis ruidosos deberán ser programados con tempo coordinados co concello para reducir os efectos sobre a poboación.
No seu momento, ao iniciar esta tramitación, a propia empresa estimou os resultados do desmantelamento en 280.000 toneladas de residuos inertes pétreos, 80.460 toneladas de residuos metálicos e outro tipo de residuos de menor contía dos que destacan 1.540 toneladas de residuos con amianto e outras 636 toneladas doutros tipos de resiudos perigosos. Para os entullos procedentes das estruturas de formigón prevese a súa reutilización como “recheo e regularización de zonas dentro da parcela”.
Cando se iniciou a tramitación ambiental do desmantelamento da central a Xunta reclamou que se analizase o valor como patrimonio industrial “cando menos” da cheminea e das catro torres de refrixeración do complexo. Xa daquela o estudo de impacto do desmantelamento elaborado pola empresa salientaba que ningún elemento da central estaba protexido nin a nivel estatal nin a nivel galego. E agora a Declaración de Impacto Ambiental formulada polo ministerio reflicte como durante a súa tramitación a Xunta, a través do seu departamento de Patrimonio, foi a única administración que emitiu un informe desfavorable, sobre a demolición da cheminea, indicando que non se levara a cabo unha análise ou estudo do posible valor cultural desa instalación.
A resposta que dá o ministerio é que ningunha instalación do complexo está protexida nin no planeamento urbanístico municipal, nin no autonómico actualizado en 2020, nin no inventario estatal de patrimonio industrial actualizado en 2016. “A data desta resolución, non consta que se iniciara ningunha tramitación ao respecto”, di a Declaración de Impacto Ambiental.
Para os efectos sociais e económicos do desmantelamento, a empresa propuxo varios investimentos na contorna das Pontes, onde tamén outras empresas están a impulsar diversos proxectos
Canto aos efectos sociais e económicos da actuación, o documento limítase a reiterar a proposta formulada pola empresa ao iniciar a tramitación, que a través dun anexo formulou un plan compensatorio no que resumiu diversos proxectos que a propia Ence foi avanzando nos últimos meses. Consistirían no propio desmantelamento da central –“máis do 85% do investimento no desmantelamento recaerá na contorna das Pontes”-, a instalación de parques eólicos con 1.494 MW cun investimento de 1.679 millóns de euros dos que 938 MW estarían na contorna da vila, a creación dunha instalación de produción de hidróxeno, un centro loxístico e de mantemento de pezas de parques eólicos e “os proxectos que resulten do concurso Futur-E para futuro uso do emprazamento da central”.
Ademais dos plans da propia Endesa, outras varias empresas están a formular todo tipo de iniciativas para a zona. [Rodas, celulosa, eólicos, encoros ou hidróxeno: os futuros das Pontes tras o plan máis inmediato de Endesa para demoler a térmica].
Agora, antes de comezar os traballos a empresa deberá obter diversos permisos sectoriais, nomeadamente un específico para a demolición con explosivos.