O traslado dos milleiros de toneladas de carbón que Endesa acumula no porto exterior de Ferrol cara ás Pontes comezou xa este martes en previsión do reinicio da actividade da central térmica en poucos días. Medio cento de transportistas comezaron os traballos -que podería durar mes e medio- logo de que o pasado domingo atracase o segundo buque co material destinado á queima no momento no que así o requira Red Eléctrica Española.
O traslado do carbón procedente de Indonesia e Casaquistán desde o porto de Ferrol á central das Pontes empezou xa esta semana
As 80.000 toneladas de carbón que descargou o pasado domingo o buque Bahri Trader en Ferrol únense ás 20.000 que o Lady Deniz deixou a finais de outubro e ás 40.000 que Endesa ten acumuladas desde hai meses no seu complexo das Pontes. 140.000 en total ás que haberá que sumar as que achegue outro barco que ten previsto atracar na terminal que a enerxética ten en Ferrol a principios de decembro.
Endesa aprovisiónase así de carbón que percorre medio mundo en barco logo de ser extraído de diferentes países. As primeiras 20.000 toneladas descargadas viaxaban desde EUA logo de que o peche dunha central térmica permitise á empresa a compra de carbón orixinario de Indonesia, de onde proverá tamén o envío previsto para dentro de tres semanas. O cargamento recibido o pasado domingo procede, pola súa banda, de Casaquistán.
Endesa ten previsto reactivar a central sobre o 22 de novembro e queimar carbón ata final de ano
A chegada aínda o domingo do carbón casaco explica que non se comezase ata esta semana co transporte, segundo explican fontes do persoal da central térmica. O material de Casaquistán ten case o dobre de poder calorífico que o indonesio e Endesa mestura os dous tipos de mineral para logo proceder á queima, razón pola cal esperaba a chegada deste último encargo para ir levando a cabo a combinación.
Segundo estas mesmas fontes, os traballos van destinados a que Endesa se reactive e volva funcionar arredor do 22 de novembro, na vindeira semana, coa idea de queimar carbón ata final de ano. Esas son as previsións que manexa a compañía tendo en conta as intencións do Goberno central, que activou esta alternativa ante a suba imparable dos prezos maioristas da electricidade, as posibles restricións nun mercado do gas disparado, (de fondo tamén o conflito entre Marrocos e Alxeria, que xa ordenou pechar un dos gasodutos cara a España) e as previsibles paradas de centrais térmicas.
Xa que logo, a crise enerxética que sofre toda Europa e a chegada do frío obrigarán finalmente a tirar dunha das fontes máis caras e contaminantes en pleno proceso de transición enerxética e de clausura das centrais deste tipo en España. E farase, entre outras medidas, para deter a escalada de prezos da enerxía. Co importe do gas disparado e marcando o ritmo no pool eléctrico onde se compra a enerxía e a xeración de renovables aínda insuficiente, a central das Pontes volverá queimar durante mes e pico.
A compañía preme nas administracións para obter a autorización para o peche antes de que remate o ano e clausurar a actividade nas Pontes o 31 de decembro
Esa é a intención da compañía: poñer fin definitivo á súa actividade o próximo 31 de decembro, logo de que o pasado mes de xaneiro ratificase a súa decisión de pechar de vez a central pontesa ante a nula viabilidade medioambiental e económica da queima de lodos e biomasa que a empresa probara como alternativa nos meses anteriores. Prevista a clausura para antes de 2022, a multinacional contaba con ter a autorización para finais de xuño, pero o complexo proceso de desmantelamento e a abondosa documentación e permisos necesarios adiaron esa intención. Agora, a empresa propiedade da italiana Enel presiona ás administracións para adquirir o permiso axiña e que este tempo engadido ata fin de ano acabe sen prórroga nin penaltis.
De feito, e segundo fontes do persoal da central, non é seguro que todo o carbón que chegue ao porto de Ferrol sexa trasladado finalmente ás Pontes. De ser abondo para os requirimentos de Red Eléctrica, o sobrante intentaríase revender logo de queimar todo o que quede no complexo enerxético.
A volta de 30 traballadores que foran recolocados fóra
Para ese traballo, desde a pasada semana Endesa conta con arredor de 30 antigos traballadores que foran recolocados en xullo noutros complexos da compañía en diferentes puntos do Estado ante o iniminente peche da central e que agora volven aos seus antigos postos temporalmente. "O que fai isto é aguantar un pouco máis da xente", explica Marcos Prieto, membro do comité de empresa e secretario de Política Industrial de UGT na compañía, que recoñece que a reactivación "cadra moi ben humanamente". "Marcharon traballar sen as familias ás Canarias, o Pirineo ou Ceuta e agora volven un tempo á casa e no Nadal", explica.
En total, son arredor de 50 os traballadores que preparan desde hai días a reactivación da central, pensada para que os dous grupos operativos que ainda ten a central das Pontes -os outros dous xa non están dispoñibles- poidan volver queimar carbón. Tamén nas empresas auxiliares veñen de reforzarse os cadros de persoal de cara ao reinicio da actividade, que supón tamén un respiro para os transportistas.
"Non é unha volta ao carbón, como xa escoitei por aí, senón unha solución temporal, pero o que tampouco é normal é que aquí se peche de vez mentres en Australia seguen abrindo térmicas e minas ou países como os EUA, China ou Rusia están batendo récords co carbón", explica Prieto. "Se os grandes Estados consumidores seguen a escape libre, de nada serve as limitacións que se impoñán aquí agás para facer que as empresas españolas non sexan competitivas porque a escalada de prezos da enerxía repercute tamén nos produtos", reflexiona.
Non hai marcha atrás na decisión de peche da empresa, que vai acompasada co plan do Goberno central de substituír o carbón, por ser combustible fósil altamente contaminante polas emisións de CO2, por outras fontes limpas. 2030 era o horizonte para a fin da queima deste mineral, pero a escasa rendibilidade fixo apurar as enerxéticas sobre unha decisión que era tan sabida como agochada.
"Non é unha volta ao carbón, como xa escoitei por aí, senón unha solución temporal, pero o que tampouco é normal é que aquí se peche de vez mentres en Australia seguen abrindo térmicas e minas ou países como os EUA, China ou Rusia están batendo récords co carbón"
Nos últimos meses, Endesa non fixo máis que ratificar un camiño emprendido hai tempo e sen volta atrás, pero tamén a falta dun plan alternativo por parte empresarial e das administracións para a pregoada transición sustentable e xusta cos empregos.
A multinacional víñao advertindo e confirmouno cando puxo data á fin da central das Pontes: antes de 2022. No nadal de 2019, xa solicitara formalmente o peche, aínda que sempre advertindo dunha posible marcha atrás, de seren viables as probas con biocombustibles, algo que era case unha quimera. Sabíano ou intuíano todos. Da primeira vez, Endesa negou a rendibilidade económica, pero as administracións presionaron para gañar, outra vez, tempo e manter a esperanza dunha alternativa. Ata que o reloxo non deu máis e a multinacional cumpriu coas datas que xa sinalara.
Agora, a central prepárase para queimar carbón de xeito inminente. Sería a última fumareda nunha central cuxo desmantelamento está cifrado en 48,5 millóns de euros e inclúe mesmo a voadura das chemineas, símbolos industriais dunha época que remata.