As probas de Endesa queimando lodos nas Pontes buscan atrasar uns anos a fin da térmica

Central térmica das Pontes, co lago ao fondo CC-BY-SA Manolo Feal

As Pontes e o persoal da súa térmica agárranse ás probas que nas últimas semanas está facendo Endesa na busca de combustibles alternativos que permitan un futuro na central tras o anuncio acelerado do seu peche. A noticia imprevista e adiantada da empresa fixo xurdir propostas que semellan transitorias ata a inevitable e definitiva fin do carbón imposta polas políticas da UE e a loita contra o cambio climático.

Endesa, coa supervisión do IDAE, proba a substitución do 40% do carbón por unha mestura de lodos de depuradora e restos da extracción de aceite das olivas 

As probas da semana pasada baseáronse na substitución do 40% do carbón por lodos de depuradora (25%) e o resto sólido que se obtén tras a extracción do aceite de bagazo de olivas (15%), aínda que tamén se traballa cunha pequena proporción de estelas verdes. Esta queima nas caldeiras da central térmica foi supervisada por técnicos do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), organismo dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica, que esta semana deberían emitir o informe que detalle a rendibilidade e eficiencia desta mestura. 

Ademais, empresa e persoal terán que agardar algo máis por outro informe sobre as analíticas medioambientais, que determinará os efectos contaminantes destes novos combustibles e se o seu impacto é moito menor ou non que o da queima masiva de lignito. 

Central térmica das Pontes, nunha imaxe aérea © Endesa-ENEL

Desde o comité de empresa asisten “con ilusión” a estas probas, “esperando resultados” e que estes “dean viabilidade á opción dos biocombustibles” na central térmica das Pontes. Con todo, o persoal é consciente de que a xeración de enerxía eléctrica con estas alternativas “non daría para manter os catro grupos” da planta, pero agardan que “si polo menos para a metade”. 

O comité de empresa espera "con ilusión" os informes técnicos e medioambientais sobre unhas probas que semellan viables tecnicamente

A falta dos resultados definitivos e oficiais, as primeiras informacións advirten da viabilidade técnica da mestura de carbón (aínda nunha proporción dun 60%) e estes biocombustibles, pero faltaría asegurar a viabilidade económica e medioambiental, que depende moito da loxística, do aprovisionamento da materia prima e dos efectos contaminantes que provoque a combustión. 

“Queremos aproveitar a tecnoloxía vangardista que temos na central, así como todo o investimento (máis de 200 millóns) feito nos últimos tempos para adecuarse ás normativas comunitarias”, advirten desde o comité, en referencia ás medidas que en filtros e redución de polución diminúen o impacto de gases contaminantes, aínda que non dos de efecto invernadoiro, inherentes á combustión. 

As probas non son algo novo. A EDAR de Bens, empresa pública supramunicipal de depuración de augas residuais de varios concellos da área da Coruña, leva desde abril colaborando coa central de Endesa para avaliar a posibilidade de empregar estes lodos derivados da purificación como combustible. Cinco meses antes de anunciarse a posibilidade dun peche. 

“Sería unha boa iniciativa de economía circular e con residuos cos que non se sabe moi ben que facer”, insiste o comité de empresa. Desde a USC, fontes expertas en enerxías renovables e cambio climático advirten das dificultades na queima de lodos e no seu baixo poder calorífico en comparación co carbón, unha sexta parte. En definitiva, “é impensable que o seu uso compense a produción enerxética da central”. Aínda que si podería compensar en parte un complexo industrial que parece condenado á diversificación ou, como advirten varios investigadores, a apostar por “unha transición sustentable con políticas proactivas que rachen coa dependencia enfermiza das enerxéticas”

Expertos advirten dunhas alternativas nas que non ven unha solución a longo prazo, senón para manter a actividade da central durante uns anos

No fondo, responsables das administracións implicadas recoñecen en privado que as alternativas nas que se traballa non parecen solución a longo prazo, senón unha opción para manter en activo a central algúns anos, na busca desa transición sustentable e ese plan de futuro que non dá chegado, malia que a propia UE sinala Galicia como zona prioritaria nese novo ciclo económico

A queima de residuos como os lodos de depuradora, que supoñen un problema medioambiental, permítelles quedar fóra do mercado de dereitos de emisión, o grande atranco ao que alude Endesa polo seu incremento de prezo, aínda que produzan igualmente CO2. Ademais, o feito de que sexan considerados biocombustibles permitiríalle á empresa acceder a subvencións das que agora carece. “A firma estará disposta a seguir queimando se isto lle permite acceder a axudas e paliar as súas perdas, pero dentro duns anos teremos o mesmo problema”, advirten fontes expertas que traballan desde hai tempo coas administracións na busca de alternativas. "Non sigamos dando patadas cara adiante sen ter un rumbo definido", insisten. 

Mobilización polo emprego nas auxiliares da central térmica das Pontes CC-BY-NC-SA CIG

O exemplo da maior central de carbón do Reino Unido

As mesmas fontes piden tamén ollar ao ocorrido en Inglaterra coa que era a maior central de carbón do Reino Unido, a de Drax, cunha transformación levada a cabo gradualmente desde 2012. Agora é unha das maiores centrais de biomasa do mundo, como lembra Ballena Blanca nesta reportaxe, alimentándose de pellets de madeira para producir ata o 6% da electricidade do Estado británico. Pero ten os días contados. 

Pero os inxentes subsidios para a queima de biomasa, unha media de 2,5 millóns de euros ao día, acábanse ante a negativa do goberno británico de seguir financiando este proxecto. Ante este panorama, a central xa decidiu converter as súas últimas plantas para adaptalas ao uso de gas, que será o novo combustible.  

A meirande central de carbón do Reino Unido cobrou millonarias subvencións para virar en central de biomasa para acabar adaptándose ao uso do gas

A central de biomasa de Drax precisa, a tal hora, 7 millóns de tonelada de madeira ao ano para funcionar, unha cantidade superior á que se extrae en toda Gran Bretaña, polo que importa doutros países, tamén de bosques virxes cortados para este fin e cun grave impacto medioambiental. Aínda que é unha opción descartada xa tanto por Endesa como pola propia Xunta, e tendo en conta que a potencia da central térmica das Pontes é de case 1.500 megavatios, o consumo requirido elevaríase a case unhas 15 millóns de toneladas de madeira por ano. Unha cifra inviable, aínda que non se descarte algún proxecto deste tipo como parte da transición económica nas Pontes. 

“E con todo, esa central inglesa cobrou millonarias subvencións durante algúns anos para agora pasarse ao gas”, advirten as mesmas fontes expertas. “A planta de Drax non podería sustentarse sen os grandes subsidios que recibe”, explica unha das fundadoras da organización activista Biofuelwatch, Almuth Ernsting, que asegura que “de investirse eses cartos en enerxía solar ou eólica, ou en infraestruturas doutro tipo, poderíanse crear moitos máis empregos”. Outra nova lección para As Pontes, din os investigadores.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.