O novo vicepresidente ‘verde’ da UE cita Galicia como exemplo de territorio ao que axudar na transición ecolóxica

Frans Timmermans durante a súa comparecencia no Parlamento Europeo CC-BY-SA Praza Pública

“Temos que afrontar o reto e axudar estas rexións a orientarse cara a unha nova economía”, di Frans Timmermans durante o seu exame para o cargo por parte do Parlamento Europeo

“É verdade que non é unha transición sinxela, pensemos en Galicia, en Silesia, ou en Grecia, Alemaña, onde se depende aínda do carbón, por exemplo”. Así se pronunciou este martes no Parlamento Europeo, na sesión de exame á súa candidatura, o novo vicepresidente executivo da Comisión Europea para o denominado acordo verde europeo, Frans Timmermans. O inminente vicepresidente verde da UE amosou a continuación a súa disposición e a do novo executivo comunitario que encabezará a alemá Ursula Von der Leyen a financiar con fondos comunitarios esa transición.

O socialista holandés, que xa era vicepresidente da Comisión e responsable ata agora de Dereitos e Relancións Interinstitucionais, substituirá agora con maior rango ao ata agora comisario español de Acción polo Clima e Enerxía, o popular Miguel Arias Cañete. No seu exame para o novo cargo Timmermans lembrou que el mesmo procede dunha rexión dependente do carbón e que os seus pais e avós “eran mineiros”. 

(As declaracións de Timmermans sobre Galicia poden escoitarse no seguinte vídeo, no minuto 18:54:08)

"Moitos están facendo a vista gorda" ante o problema , di Timmermans

Por iso, por coñecer de primeira man o que supuxo para a súa cidade a reconversión, dixo a continuación de mencionar a Galicia que sabe “que é moi difícil unha transición, e neste caso unha transición ecolóxica, e moitos están facendo a vista gorda ante iso; non podemos, temos que afrontar o reto e axudar estas rexións a orientarse cara a unha nova economía. Esa economía seguro que está á volta da esquina e tamén ten que poder aplicarse a esas rexións”. Nese sentido, dixo, España será un dos socios comunitarios “que máis terán que esforzarse nesa transición”, que no país afecta agora a Cerceda e As Pontes, onde Naturgy e Endesa respectivamente anunciaron o peche das súas centrais térmicas

"Haberá que manter ás persoas nesas rexións e crear unha economía circular", salienta o novo vicepresidente da Comisión Europea

“Haberá que manter ás persoas nesas rexións e crear unha economía circular”, insistiu Timmermans, apostando pola saída sustentable e afastada da combustión a grande escala que esmorece e salientando a importancia de que o crecemento económico “beneficie a maioría, non a uns poucos” e lembrando que “50 millóns de europeos teñen dificultade para pagar a factura da luz”. 

Timmermans asegurou que “nos primeiros cen días no cargo” proporá unha “lei climática” que desenvolva o denominado acordo verde europeo para un novo modelo económico da UE. E avanzou que traballará para facer máis sostible a industria da automoción, dicindo que é consciente da importancia do automóbil para as familias europeas e asegurando que non quere deixalas sen el senón facer que estes non contaminen. Igualmente, o novo vicepresidente apostou por políticas de reforestación a gran escala. 

As declaracións de Timmermans ao máis alto nivel do martes foron seguidas por posicionamentos similares de actores políticos galegos

Desde Galicia, son varios os expertos que advirten da oportunidade que supón a UE para que o país lidere ese cambio de modelo e unha transición "sustentable" no económico, no social e no enerxético. José Antonio Rodríguez Añón, coordinador do Máster en Enerxías Renovables, Cambio Climático e Desenvolvemento Sustentable da USC, advirte da necesidade desa mudanza sostible e de evitar a "reconversión encuberta e irracional que propón Endesa"

Ademais, as declaracións de Timmermans ao máis alto nivel comunitario do martes foron seguidas por posicionamentos similares de actores políticos galegos. Este mércores o conselleiro de Economía, Francisco Conde, reuniuse en Bruxelas con responsables comunitarios de terceiro nivel (a directora de Mercados Europeos e Internacionais do Carbono, a española Beatriz Yordi, que forma parte da Dirección Xeral de Acción polo Clima, e co director xeral adxunto de Axudas de Estado da Dirección Xeral da Competencia, Carlos Esteva) e ratificou que a UE disporá fondos para unha transición enerxética “xusta”, pero advertiu de que non estarán dispoñibles ata 2021, cando entre en en vigor o seguinte orzamento comunitario plurianual. Conde, en todo caso, insistiu na "reactivación" da planta.

Desde o PSdeG, o seu eurodeputado Nicolás González Casares agradecía a Timmermans o apoio expreso da Comisión Europea a Galicia. O propio González Casares reuniuse en setembro coa candidata a comisaria de Enerxía, a liberal estona Kadri Simson, e trasladoulle os problemas do sector en Galicia. A pasada semana, no seu propio exame ante o Parlamento Europeo antes de asumir o cargo, Simson repetiu unha expresión similar á de Timmermans para lembrar a necesidade de axudar á transición de territorios "desde Galicia a Silesia".

O conselleiro de Industria, Francisco Conde, e o eurodeputado do PP Millán Mon, cunha directora comunitaria, e o eurodeputado do PSdeG Nicolás González coa nova comisaria de Enerxía CC-BY-SA Xunta de Galicia e @nicogoncas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.