40 anos. Ese é a idade aproximada que cumprirá a central térmica de Meirama antes de que, no verán de 2020 como data límite, bote o fecho na parroquia do mesmo nome, en Cerceda, a uns 30 quilómetros do centro da Coruña. Case catro décadas despois de que arrancase oficialmente, naquel outubro de 1980, Naturgy anunciou o peche dunha instalación icónica por moitos motivos.
A central térmica abandonará unha paisaxe que pouco ten que ver coa que existía cando o grupo empresarial propietario (daquela Fenosa, logo Unión Fenosa, máis tarde Gas Natural Fenosa e agora Naturgy) decidiu explotar un xacemento de lignito pardo no subsolo do val das Encrobas, parroquia de 1.500 habitantes pegada a Meirama, en 1975. Alí onde agora hai un gran lago artificial de máis de dous quilómetros de longo e outro de ancho había daquela varias aldeas, centos de casas e 400 familias co seu modo de vida. No medio houbo unha mina a ceo aberto da que se extraeu lignito ata que acabou de vez hai algo máis dunha década.
Fenosa decidiu en 1975 explotar nas Encrobas un xacemento de lignito que alimentaría a central térmica durante décadas e logo dunha icónica mobilización dos veciños contra a expropiación
Foi o ditador Franco, no último Consello de Ministros antes da súa morte, quen aprobou un expediente de expropiación forzosa polo que Fenosa, de non chegar a acordos de compravenda cos afectados, podía facerse cos terreos polo procedemento de urxencia.
Logo de varias expropiacións, mentres a central empezaba a construírse, a mobilización veciñal medrou e foi sumando o apoio dunha sociedade, en plena Transición, que asistía abraiado a unha loita desigual. Ao berro de "a terra é nosa e non de Fenosa", as manifestacións acaban coa intervención das forzas de seguridade. Nun dos últimos intentos da compañía por acceder ás terras, con 80 gardas civís despregados, 200 veciños, moitos deles anciáns e mulleres, defendéronse co que tiñan -sachos, paus, galletas ou paraugas- e as fotografías tiradas por Xosé Castro, fotógrafo de La Voz de Galicia, fixeron o resto. O impacto mediático dunha imaxe icónica, a de labregas á fronte contra axentes con tricornio e capa, fixo recapacitar á eléctrica.
Fenosa desiste do procedemento expropiatorio aberto e inicia as negociacións coas persoas afectadas para adquirirlles os seus terreos. A pelexa céntrase en conseguir as mellores condicións e evitar os continuos abusos e afectacións medioambientais. E continuou durante anos, mentres a mina ía medrando e a última casa das Encrobas desaparecía en 2004.
Cun notable impacto positivo no laboral, a contaminación provocada pola central estivo sempre no punto de mira. Ao irse esgotando o xacemento de lignito que tiña ao pé, na mina que asolou As Encrobas, as instalacións reformáronse para utilizar como combustible hulla, que desde hai dez anos é toda de importación. Chega ao peirao da Coruña desde os Estados Unidos e desde o porto trasládase en tren a Meirama.
Tras o proceso de produción enerxética, e cunha potencia instalada de 563 megavatios, a evacuación de gases prodúcese a través dunha chimenea enorme, visible desde boa parte da provincia, de 200 metros de altura e un diámetro de 18 metros na base e 11 na boca.
O impacto positivo no laboral e no económico en Cerceda, que loce unha imaxe da central no seu escudo, contrasta coa súa elevada emisión de gases causantes de cambio climático
Eses gases son, tantas veces, o mellor xeolocalizador para un municipio, Cerceda, que deberá ir pensando se muda ou non o seu escudo, onde xunto a un carballo e un torques loce a central térmica, a que achega 800.000 euros tan só polo IBI cada ano. Pero tamén emisións contaminantes e pequenos restos da queima de carbón que adoitan manchar terreos e casas nunha vila que, a través de Sogama, xa recibe o lixo de media Galicia.
Nos últimos cinco anos para os que hai datos oficiais (entre 2012 e 2016), tal e como detallaba Xosé Veiras, a suma das emisións das centrais de carbón de Meirama e As Pontes representou, de media anual, o 34% das emisións totais galegas de gases causantes de cambio climático.
Por mor desta alta produción eléctrica con carbón, as emisións por habitante de gases de invernadoiro de Galicia, 10,3 toneladas, superan mesmo a media da UE, que é de 8,4 toneladas.
Agora que a térmica de carbón de Meirama parece que porá fin á súa vida, Galicia deixará de emitir entre dous e tres millóns de toneladas anuais de CO2 causante de cambio climático. En 2017 saíron pola súa cheminea 2.380.000 toneladas de CO2, unha cantidade equivalente ao 42% das emisións de gases de invernadoiro de todo o sector do transporte en Galicia ao longo de 2015 (último ano con datos accesíbeis).
O peche de Meirama suporá que Galicia deixe de emitir unha cantidade de CO2 equivalente ao 42% das emisións de gases de invernadoiro de todo o sector do transporte
O país perderá, tamén, un polo industrial importante, lastrado pola falta de alternativas sostibles e menos contaminantes para o emprego e a comarca afectada. Ademais, o peche suporá unha diminución do 28% na capacidade galega de produción eléctrica con carbón nunhas instalacións con case 80 empregos directos e máis indirectos ou dependentes.
A plataforma Galiza, un futuro sen carbón celebrou o anuncio de Naturgy de solicitar o peche antes do 30 de xuño de 2020 por ser "un importante avance na transición cara a un sistema enerxético 100% renovable, cada vez máis urxente perante a situación de emerxencia climática global". Con todo, di que "cómpre acompañar o peche de medidas xustas para as persoas traballadoras afectadas pola clausura dunha das industrias máis contaminantes da nosa terra".
Segundo esta plataforma, a adaptación á nova normativa ambiental "non tería reducido en absoluto as emisións de CO2 causantes de cambio climático da central de Meirama", aínda que si tería eliminado "unha parte das súas cuantiosas emisións de gases e partículas tóxicas responsables de 55 mortes anuais prematuras". Os custos sanitarios provocados pola contaminación tóxica da central de Meirama estímanse en até 165 millóns de euros.