Mínimo histórico de electricidade contaminante en Galicia cun 83% de renovables en 2024

Central hidroeléctrica de Velle CC-BY-SA Nicole

Nunca antes a xeración con fontes non renovables (carbón, gas...) representara unha porcentaxe tan cativa do total, menos do 17%. En consecuencia, as emisións de CO2 da produción eléctrica galega caeron o pasado ano a un mínimo histórico

O 2024 marcou un fito na produción eléctrica en Galicia. Nunca antes a xeración con fontes non renovables (carbón, gas...) representara unha porcentaxe tan cativa do total, menos do 17%. En consecuencia, como destaca o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) as emisións de CO2 da produción eléctrica galega caeron o pasado ano a un mínimo histórico, cunhas emisións aproximadas de 1,4 millóns de toneladas de gases causantes de cambio climático, un 50% menos que o ano anterior.

Isto significa que en Galicia. para un mesmo consumo eléctrico efectuado en fogares, industrias ou vehículos, as emisións asociadas de gases causantes de cambio climático foron en 2024 unhas seis veces menores que en 2018.

O 83,2% da produción eléctrica galega foi obtida, pois, a través de fontes renovables. Unha porcentaxe moi importante que supera amplamente a media española (56%). Neste caso non foi o vento a máis importante, como sucedera nos cinco anos anteriores, senón a enerxía hidráulica, que rexistrou o seu mellor ano das últimas dúas décadas e supeando os 10.000 GWh, o que non sucedía dende o 2010.

A clave foi o incremento da xeración das centrais hidroeléctricas, no seu mellor rexistro dende o 2010 e compensou o estancamento da eólica, que descendeu por segundo ano consecutivo. 2024 foi ademais o primeiro ano sen produción eléctrica con carbón

A xeración eólica descendeu por segundo ano consecutivo, marcando unha produción total de 8.855 GWh e lonxe do máximo acadado no ano 2020. Hai anos que o sector eólico está estancado en Galicia e non aumenta a súa potencia instalada.

2024 foi ademais o primeiro ano sen produción eléctrica con carbón, que ata o ano 2018 supuña unha parte importante da xeración eléctrica no país. Ademais, o bo ano hidráulico non fixo necesario recorrer nesta ocasión a achegas importantes de electricidade xerada nos ciclos combinados que empregan gas fósil, outra fonte contaminante (algo menos que o carbón) e non renovable, que acadara cifras moi importantes entre os anos 2021 e 2023, motivando o incremento das importacións de gas.

Os bos indicadores da produción eléctrica renovable no ano 2024 non deben ocultar as eivas do sistema enerxético galego. Galicia leva anos coa súa potencia eléctrica renovable practicamente estancada e as cifras do 2024 débense a unha fonte moi variable, como é a hidráulica

Os bos indicadores da produción eléctrica renovable no ano 2024 non deben ocultar as eivas do sistema enerxético galego. En primeiro lugar porque as positivas cifras se deben unicamente a unha circunstancia conxuntural: a produción hidroeléctrica é moi variable e depende principalmente do réxime de chuvias (nos anos húmidos os rexistros son bos e nos anos de seca a produción descende de forma considerable, como sucedeu en 2017 e 2022).

Ademais, resulta preocupante que Galicia leve anos coa súa potencia eléctrica renovable practicamente estancada, pois tan só medrou en 578 MW desde 2018 (+8,1%), segundo Rede Eléctrica (non inclúe autoconsumo solar), o que limita as opcións de substituír as fontes non renovables, en proceso de abandono. De feito, a xeración eléctrica con renovables en 2024 (19.278 GWh) sitúase por debaixo dos datos de 2013 e próxima aos de 2013.

O OGACLI alerta de que nos últimos anos a electrificación da economía galega "non só non medrou, senón que baixou", de xeito que a electricidade pasou de representar o 26% do consumo enerxético galego en 2018 ao 22,7% en 2022

Ademais, o OGACLI alerta de que nos últimos anos a electrificación da economía galega "non só non medrou, senón que baixou", de xeito que a electricidade pasou de representar o 26% do consumo enerxético galego en 2018 ao 22,7% en 2022, ano máis recente con datos. 

Cómpre lembrar, neste senso, que a electicidade é só unha pequena parte da enerxía que consumimos (o 23%) e que a maior parte da enerxía que consume Galicia é importada (un 66%) e procedente de fontes fósiles, contaminantes e non renovables (petróleo e gas).

Para que Galicia cumpra do Acordo de París debe "descarbonizar totalmente a produción eléctrica e duplicar a electrificación da economía antes de 2030", lembra o OGACLI

A entidade conclúe que "o bo dato sobre as emisións do sector eléctrico en 2024 non pode ocultar o lastre para a mitigación da crise climática desde Galicia que representa a falta de avances na electrificación e na instalación de potencia eléctrica renovábel". 

Así mesmo, lembra que as emisións totais brutas de gases de invernadoiro en Galicia son na actualidade (nos últimos datos coñecidos, de 2022) un 33% inferiores ás de 1990, debido principalmente ao declive do carbón. Porén, en 2030 deberían ser xa un 65% menores, para estarmos en liña co Acordo de París. Segundo o OGACLI, para acadar este obxectivo "é fundamental descarbonizar totalmente a produción eléctrica e duplicar a electrificación da economía antes de 2030".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.