O atraso na transición enerxética fixo que o consumo galego de gas fósil aumentase o 41,5% entre 2016 e 2022, atinxindo o máximo histórico
Nos últimos anos vén incrementándose a importación de gas fósil en Galicia. As centrais térmicas xa non queiman carbón para a produción de enerxía eléctrica, pero unha parte desta produción non foi substituída por fontes renovables coma o vento, a auga ou o sol, senón polo consumo doutro material fósil e contaminante, como é o gas. Así, a queima de gas converteuse na segunda fonte de xeración eléctrica en Galicia, por riba da hidroeléctrica e só por detrás da eólica.
No ano 2022 os ciclos combinados de gas -en Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa)- xeraron o 24,6% da enerxía eléctrica producida en Galicia (fronte ao 15,2% da hidráulica e o 42,5% da eólica). A queima de gas serve para completar a electricidade xerada por fontes renovables, especialmente naqueles períodos nos que descende a produción eólica (por falta de vento) ou a hidroeléctrica (en tempos de seca). Porén, o ecoloxismo leva anos subliñando que o seu uso debe ser considerado simplemente un recurso temporal e que se debe camiñar o máis rapidamente posible cara á súa completa supresión, como se fixo co carbón e como se debe facer co petróleo.
"Aínda que se di que o gas é unha enerxía limpa, non o é. É menos sucia que o carbón ou o petróleo, pero segue sendo sucia", lembra Xosé Veiras
"Aínda que se di que o gas é unha enerxía limpa, non o é. É menos sucia que o carbón ou o petróleo, pero segue sendo sucia. Habería que facer unha transición relativamente rápida para xa para reducir o consumo de gas fósil tanto na produción eléctrica coma nas calefaccións", lembraba nesta entrevista Xosé Veiras, do Observatorio Galego de Acción Climática. Recentemente Greenpeace e OGACLI alertaron do "estancamento" da transición enerxética e reclamaron á Xunta "ambición na política climática".
As dúas organizacións reclaman abandonar o uso de gas fósil para a xeración eléctrica antes de 2030 e no resto dos sectores en 2035. Porén, a tendencia actual é moi distinta: o atraso na transición enerxética fixo que o consumo galego de gas fósil aumentase o 41,5% entre 2016 e 2022, atinxindo o máximo histórico.
Dende que comezou guerra en Ucraína, Galicia incrementou as súas importacións de gas procedente de Rusia
O gas que se consome en Galicia chega a través de grandes metaneiros que o descargan na polémica planta de Reganosa, en Mugardos, en forma de Gan Natual Licuado (GNL). O que chega a través de gasoduto (con orixe en Alxeria é moi escaso). O GNL é máis intensivo en emisións de gases causantes de cambio climático que o de gasoduto, en parte porque debe ser transportado nestes buques moi contaminantes. Máis nocivo para o medio ambiente é aínda o extraído mediante fracking, como é a maioría do procedente dos Estados Unidos, xa que esta técnica favorece as fugas de metano.
De onde procede o gas que consumimos? Segundo os datos oficiais de Enagas no seu informe anual, no ano 2023 chegaron a Reganosa 29 gaseiros, dous máis que os 27 de 2022. A maior parte, 20 metaneiros, procedían de Rusia, nunhas importacións que non só non se reduciron dende o inicio da guerra en Ucraína, senón que mesmo se incrementaron. No período 2018-22 o 45,8% do gas importado por Galicia tiña a súa orixe en Rusia e o pasado ano foi o 69%.
"O GNL ruso, extraído en Siberia, contribuíu coa súa venda a financiar a maquinaria de guerra rusa. Pola súa parte, o estadounidense extraeuse sobre todo mediante a moi nociva técnica do fracking", denuncia Galiza sen Gas
O outro país do que Galicia importa gas fósil son os Estados Unidos, con 7 metaneiros no ano 2023, que representan o 24,1% do total, tamén cun incremento en relación aos datos do período 2018-22 (19,6%). Os restantes países dos que Galicia importa gas (Nixeira, Alxeria...) teñen porcentaxes moi inferiores (apenas chegou un barco de cada un deles) e o seu peso descendeu en relacións a anos anteriores.
A plataforma Galiza sen Gas denuncia a este respecto que a importación de gas fósil a través de Reganosa "amais de agravar o cambio climático, procede na súa meirande parte dunha zona en conflito bélico e de técnicas de extracción extremadamente perigosas co medio ambiente". "O GNL ruso, extraído en Siberia, contribuíu coa súa venda a financiar a maquinaria de guerra rusa. Pola súa parte, o estadounidense extraeuse sobre todo mediante a moi nociva técnica do fracking, prohibida en España polo seu elevado impacto social e ambiental", engade a entidade.
“Resulta máis que reprobábel e eticamente indecente que sigamos a importar gas fósil que axuda a financiar guerras ou atenta moi gravemente contra o medio ambiente. E máis aínda que o propio goberno galego teña participación económica neste sucio negocio", di a entidade
“Resulta máis que reprobábel e eticamente indecente que sigamos a importar gas fósil que axuda a financiar guerras ou atenta moi gravemente contra o medio ambiente. E máis aínda que o propio goberno galego teña participación económica neste sucio negocio, sen que nin sequera teña prevista unha folla de ruta para o seu abandono, que é imperativo para a loita contra o cambio climático”, afirman dende Galiza sen Gas, que lembra ademais que neste caso a Xunta de Galicia ten unha responsabilidade maior, pois participa directamente na propiedade da planta de Reganosa.