Galicia depende totalmente da enerxía fósil importada desde mediados de marzo ata final de ano ou, o que é o mesmo, o país ficaría desabastecido durante máis de nove meses se non importase esa enerxía procedente de combustibles fósiles.
Ogacli sinala o 14 de marzo como o 'Día da Depredación Enerxética', xornada na que a demanda de recursos enerxéticos n Galicia iguala a produción de recursos autóctonos
É unha das principais conclusións das que advirte o Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli) no seu informe Día da Depredación Enerxética (2010-2020), un concepto co que, di, pretende "visualizar a enorme dependencia da sociedade galega de enerxía fósil, importada sobre todo do Sur global" e sobre o seu uso, que é "a maior fonte de emisións de gases causantes de crise climática".
En pleno debate sobre a necesidade dunha maior aceleración do impulso ás renovables, máis aínda logo da invasión de Ucraína e da aposta da UE por unha menor dependencia de Rusia, o Ogacli pon o foco nesa excesiva dependencia da enerxía fósil sinalando ese Día da Depredación Enerxética: a xornada do ano na que a demanda de recursos enerxéticos en Galicia iguala a produción de recursos enerxéticos autóctonos, case todos de orixe renovábel (auga, vento e biomasa principalmente).
En resumo, o Ogacli pretende responder á pregunta de cantos días dun ano determinado podería atenderse a demanda galega de enerxía primaria se só se dispuxese dos recursos propios obxecto de aproveitamento. Para calcular ese Día da Depredación Enerxética, a Ogacli supón que o uso total de enerxía primaria e a dispoñibilidade da autóctona se distribúe uniformemente entre todas as xornadas, o que non é real. Obtense o valor medio diario da enerxía primaria demandada e calcúlase cantos días dese ano podería ser cuberta esa demanda recorrendo só aos recursos autóctonos dispoñíbeis nese exercicio.
"A partir dese día, a vida social e económica do país paralizaríase totalmente de non ser pola importación masiva de enerxía fósil (petróleo, carbón e gas), procedente maioritariamente do Sur global", di a Ogacli que, no seu informe, calcula en que día aconteceu para cada ano do período 2010-2020. E tira da información oficial do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) sobre o uso de enerxía primaria, dos recursos enerxéticos a partir dos cales se obtén a enerxía dispoñible para o consumo (combustibles, calor e electricidade).
Así, e segundo os datos, os recursos enerxéticos renovábeis galegos obxecto de aproveitamento acabáronse nalgún día de marzo na maioría dos anos comprendidos entre 2010 e 2020 e en dous deles xa a finais de febreiro. En 2019, o ano máis recente con datos excluído o 2020 polo impacto da COVID, o Día da Depredación Enerxética foi o 14 de marzo.
"Nos máis de nove meses que aínda faltan para completar o ano o funcionamento da sociedade galega dependería totalmente de enerxía fósil importada"
"Podemos supor que en 2022 acontece no mesmo día ou noutro moi próximo. Nos máis de nove meses que aínda faltan para completar o ano o funcionamento da sociedade galega dependería totalmente de enerxía fósil importada", insisten, ademais de advertir de que "non se observou unha tendencia ao atraso" desta xornada na década pasada. "É o reflexo, por unha banda, da estabilización no uso total de enerxía e, pola outra, do estancamento no aproveitamento de recursos enerxéticos renovábeis propios", engade.
A Ogacli insiste en lembrar, ademais, que a enerxía galega renovable só achegou un 19% de toda a usada en Galicia entre 2010 e 2019 e que, xa que logo, o 81% dos recursos enerxéticos empregados procederon do exterior. "É un indicador moito máis relevante sobre a transición enerxética e a acción climática que a porcentaxe de orixe renovábel da produción eléctrica, referido a un aspecto parcial da realidade enerxética", advirte. Este é un aspecto que adoita destacar Xosé Veiras, biólogo, ecoloxista e promotor do Ogacli: "A autosuficiencia eléctrica non equivale a autosuficiencia enerxética, xa que o consumo final de enerxía nos diferentes sectores non só inclúe a electricidade, senón tamén os combustíbeis e a calor".
A enerxía galega renovable só achegou un 19% de toda a usada en Galicia entre 2010 e 2019
En resumo, Galicia importou 114 millóns de toneladas de combustíbeis fósiles no período 2010-2020, segundo datos do Ministerio de Industria, "maioritariamente extraídos no Sur global á custa de elevados danos socioambientais". Indonesia subministrou un 85% do carbón importado para as centrais de Meirama e As Pontes, mentres que México, Libia e Alxeria forneceron un 60% do petróleo e os seus derivados. Nixeria, Trindade e Tobago e Perú achegaron conxuntamente un 70% de todo o gas fósil.
Ademais, entre 2010 e 2020, Rusia foi o cuarto subministrador de petróleo e derivados e de gas fósil de Galicia e o segundo de carbón. "Polo tanto, tamén Galicia tivo nos últimos anos unha significativa dependencia enerxética de Rusia, finalmente cuestionada por causa da invasión de Ucraína", di o Ogacli. Estes combustibles rusos supuxeron o 7,4% do petróleo importado por Galicia, o 7,6% do carbón, o 8,5% do gas fósil nesa década.
Entre 2010 e 2020, Rusia foi o segundo subministrador de carbón de Galicia e o cuarto de petróleo e gas fósil
Cal é o destino de toda esta enerxía primaria importada, a práctica totalidade de orixe fósil? Principalmente a refinaría de petróleo da Coruña (Repsol), a regasificadora de Mugardos (Reganosa) e as centrais de ciclo combinado a gas fósil das Pontes (Endesa) e Sabón (Naturgy). A partir destes recursos importados, a industria enerxética obtén a enerxía final destinada ao consumo galego e á exportación -que supón un 42% da total-, principalmente en forma de produtos petrolíferos, electricidade e gas fósil.
En balance, a enerxía primaria galega tan só representou entre o 15 e o 23% da total usada en Galicia entre 2010 e 2019, subindo ao 25% en 2020 polo forte descenso do uso de petróleo, polas consecuencias da COVID e por un maior aproveitamento do vento, xa que en 2019 se instalaron uns 400 MW eólicos, máis do dobre do aumento de potencia acumulado en 2010-2018.
"Practicamente toda a enerxía primaria galega é de orixe renovábel, pero máis dun terzo non está libre de emisións". destaca o Ogacli, en referencia á combustión de biomasa, biocarburantes e residuos orgánicos. "O uso do vento, o sol e a aerotermia deberían medrar moito nos próximos anos e décadas non só para desprazar a enerxía fósil senón tamén parte da enerxía renovábel contaminante", di.
"Atrasarmos rápida e progresivamente o Día da Depredación Enerxética implica diminuírmos á vez a dependencia enerxética, as emisións de gases causantes da crise climática e a exportación ao Sur global dos impactos socioambientais asociados á nosa demanda de recursos enerxéticos", di o Ogacli, que cre "necesario" actuar de forma simultánea e decidida en tres grandes frontes: "o fin rápido e planificado do sector enerxético fósil, o decrecemento do consumo enerxético galego e o desenvolvemento responsábel das enerxías renovábeis a todas as escalas".