As inspeccións da Garda Civil, que hai un ano detectaron un condutor positivo por drogas, súmanse aos incumprimentos do servizo público sancionados pola Xunta
A Garda Civil e policías locais que se unan á iniciativa desenvolverán entre este luns e o vindeiro venres unha campaña especial de control de autobuses escolares. Segundo salienta a Dirección Xeral de Tráfico, "durante os cinco días que durou a mesma campaña en novembro do pasado ano, 400 vehículos foron controlados polos axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e, deles, o 59,5% (238 vehículos) foi
sancionado cun total de 488 denuncias formuladas".
Segundo Tráfico, "o groso das denuncias, correspondeu, como vén sendo habitual nas últimas campañas, a irregularidades administrativas, entre elas, 136 por non dispoñer (ou non portar a bordo do autobús) da autorización especial para realizar transporte escolar e 87 por non ter subscrito un seguro de responsabilidade ilimitada, tal e como esixe a lei ou por non ter a documentación a bordo do mesmo". En 26 casos houbo sancións por carecer de sinal de transporte escolar. Porén, tamén houbo o caso dun condutor que deu positivo por drogas.
Nesa campaña de hai un ano a mesma Dirección Xeral de Tráfico xa informara do resultado da anterior campaña, do mes de xaneiro previo, cando foran controlados 297 vehículos dos que resultaron sancionados 139 con 216 denuncias.
Ademais dos controis de Tráfico, a Xunta tamén vén detectando incumprimentos contractuais, pero hai dous anos prorrogou todas as súas concesións de transporte escolar
A estes incumprimentos hai que engadir os que detectan os inspectores da Xunta, responsable do transporte escolar aos centros públicos. Nos últimos anos veñen facéndose públicas sentenzas que ratifican sancións do Goberno galego por buses escolares sen cintos de seguridade homologados, con alumnado de pé, ou mollado e "de tres en tres". Malia estes incumprimentos, hai dous anos a Xunta prorrogou todos os seus contratos de transporte escolar e aínda agora está a desenvolver un novo concurso público para renovalos.