Transporte escolar sen cintos de seguridade homologados: nova sanción a Monbus

Imaxe de arquivo dunha mobilización no IES Cacheiras, en Teo, polas deficiencias do transporte escolar nun contrato no que agora o TSXG avala penalizacións CC-BY-SA ANPA IES Cacheiras

O TSXG ratifica novas penalizacións á empresa, entre elas por "incumprimento das condicións de seguridade", que non impediron que a Xunta lle prorrogase os contratos

Nos últimos meses o TSXG vén facendo públicas sucesivas sentenzas que ratifican numerosas sancións da Xunta a Monbus por incumprimentos de todo tipo nos contratos de transporte escolar que ten adxudicados por toda Galicia. Agora o tribunal vén de emitir outra sentenza na que un dos incumprimentos detectados foi o emprego dun vehículo sen cintos de seguridade homologados

Malia a sucesión de incumprimentos por parte da empresa ao longo de 2022 e 2023, hai un ano a Consellería de Educación decidiu prorrogar todos os contratos de transporte escolar por outros dous anos máis en lugar de convocar un novo concurso público. Fíxoo co argumento de que o servizo estaba a funcionar "dun xeito adecuado pese a incidencias puntuais".

Un autobús de Monbus nunha imaxe de arquivo © Monbus

A maioría dos incumprimentos no transporte escolar detectados pola Xunta cuxas sancións vén avalando o TSXG débense ao emprego de vehículos distintos dos comprometidos, máis antigos ou contaminantes do previsto. Tamén hai incumprimentos por non realizar ou demorar servizos. E iso é o detectado tamén no caso que agora culmina coa sentenza do TSXG, pero co engadido de que un dos vehículos empregados non tiña cintos de seguridade homologados para o transporte escolar.

O TSXG afea a "grave irresponsabilidade" de deixar servizos sen prestar, o que "chega a comprometer o exercicio do dereito fundamental á educación"

Neste caso, que afecta ao lote de transporte escolar número 6, que presta servizo a diversos centros educativos de Santiago de Compostela e concellos veciños, a Xunta detectou diversos incumprimentos polos que en xuño de 2023 impuxo penalidades por 17.500 euros á adxudicataria do contrato, unha unión temporal de empresas (UTE) controlada polo grupo Monbus que recorreu ante a xustiza as sancións e agora vén de perder.

Entre eses incumprimentos figuran atrasos nos servizos de máis de 10 minutos e mesmo a non realización de servizos, o que para o TSXG "supón unha grave irresponsabilidade pola contratista deixar os menores nesta situación, que chega a comprometer o exercicio en condicións de normalidade do seu acceso ao dereito fundamental á educación, a obriga a un sacrificio ás persoas responsables deles que teñen que á súa vez deixar de facer outras cousas para suplir a absoluta falta de cumprimento da empresa da súa función".

Vehículos de Monbus, nunha imaxe corporativa da compañía © Monbus

Pero nun caso tamén se detectou o emprego dun vehículo "sen cintos de seguridade homologados". A empresa tentou argumentar unha excepción normativa que exime deses cintos a vehículos fabricados antes de 2006, pero tanto a Xunta como o tribunal coinciden en que iso supón admitir ao tempo que empregou un vehículo máis antigo do permitido no contrato de transporte escolar, no que a empresa se comprometera a empregar buses de menos de 10 anos. Era, segundo a Xunta, "unha obriga regulamentaria que afecta á seguridade do alumnado". 

Nun proceso xudicial a Xunta chegou a atribuír os incumprimentos de Monbus "a unha decisión consciente do adxudicatario de incumprir o contrato"

Malia estes e outros moitos incumprimentos en diversos contratos por toda Galicia, e malia que tamén se produciran protestas da comunidade escolar por diversas eivas e outros expedientes sancionadores, Educación decidiu a finais de 2023 prorrogar todos os contratos de transporte escolar por outros dous anos en lugar de convocar un novo concurso público. Fíxoo argumentando que o servizo estaba a funcionar "dun xeito adecuado pese a incidencias puntuais" e malia que nun dos casos chegara a atribuír os incumprimentos de Monbus "a unha decisión consciente do adxudicatario de incumprir o contrato"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.