Os incumprimentos non só se produciron no inicio dos contratos en 2022 senón tamén en 2023, pero a finais dese ano Educación prorrogounos todos argumentando que funcionaban "dun xeito adecuado pese a incidencias puntuais"
Hai agora un ano, a finais de 2023, a Consellería de Educación prorrogou por outros dous anos os 57 contratos de transporte escolar cos que renovara ese servizo en toda Galicia a comezos de 2022 para ese ano e o seguinte. Renunciou así a convocar un novo concurso público malia que ela mesma detectara incumprimentos en cando menos 7 dos contratos adxudicados a empresas ou grupos de empresas controlados polo grupo Monbus.
Eses inncumprimentos non só se rexistraron ao comezo dos contratos, no inicio de 2022. Tamén un ano máis tarde, como agora revela unha nova sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
O TSXG vén emitindo sucesivas sentenzas ratificando incumprimentos detectados pola Xunta en contratos de transporte escolar controlados polo grupo Monbus e asinados polo seu propio presidente, Raúl López. Ata agora eses incumprimentos, por empregar buses distintos dos comprometidos, máis antigos ou contaminantes, ou por non realizar ou demorar servizos concretos en varias xornadas, quedaran reflectidos en sentenzas do TSXG que se referían a feitos ocorridos no comezo dos contratos, a principios de 2022.
Nun proceso xudicial a Xunta chegou a atribuír os incumprimentos de Monbus "a unha decisión consciente do adxudicatario de incumprir o contrato"
Foron incumprimentos detectados cando menos nos lotes 9 (Fene e Mugardos), 25 (Santiago), 37 (Ourense), 46 (Redondela), 50 e 51 (estes dous últimos en Pontevedra e Poio) que supuxeron penalidades por parte da Xunta que sumaron uns 50.000 euros. Todas esas sancións foron ratificadas polo TSXG, que nunha das súas sentenzas revelou que a Xunta chegou a atribuír os incumprimentos en dous lotes "a unha decisión consciente do adxudicatario de incumprir o contrato": dos 27 buses que a empresa comprometera en dous lotes distintos, os incumprimentos afectaban a 22 e 20 buses.
Pero agora unha nova sentenza do TSXG con data do 20 de setembro avala outra penalización da Xunta a Monbus por feitos ocorridos en xaneiro de 2023, un ano despois da entrada en vigor dos contratos, polo que xa non se poden esgrimir posibles disfuncións iniciais, en todo caso non xustificadas pola xustiza.
A nova sentenza ratifica outros 4.500 euros de penalización por incumprimentos nos días 12 e 18 de xaneiro de 2023 no lote 44, correspondente aos concellos de Cangas e Moaña, por usar a empresa adxudicataria vehículos distintos dos comunicados á Xunta, con máis antigüidade e máis contaminantes do comprometido.
Malia estes incumprimentos ratificados pola Xustiza en cando menos 7 dos 57 contratos, e malia que tamén se produciran protestas da comunidade escolar por diversas eivas e outros expedientes sancionadores, Educación decidiu a finais de 2023 prorrogar todos os contratos de transporte escolar por outros dous anos en lugar de convocar un novo concurso público. Fíxoo argumentando que o servizo estaba a funcionar "dun xeito adecuado pese a incidencias puntuais".