A empresa tentou rebaixar sancións da Xunta alegando que a antigüidade dos vehículos non afecta á seguridade senón que é só unha "molestia, incluso inapreciable para os usuarios", pero o tribunal di que en todo caso é un incumprimento
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu cando menos dúas sentenzas asinadas a finais de novembro que avalan diversas sancións impostas pola Consellería de Educación a empresas do grupo Monbus por varios incumprimentos en cando menos dúas das numerosas concesións de transporte escolar que ten en Galicia. As resolucións xudiciais constatan que a concesionaria empregou autobuses máis antigos e contaminantes do que se comprometera, non prestou servizos e rexistrou demoras reiteradas en varios centros educativos.
O tribunal salienta nas sentenzas que a propia empresa non negou os feitos e rexeita tamén o seu intento de rebaixar as multas, que sumaron arredor de 22.000 euros. Para pedir esas rebaixas a concesionaria alegou, entre outras cuestións, que a antigüidade dos vehículos non afectaba á seguridade senón que "non deixa de ser unha molestia, incluso inapreciable para os usuarios".
Segundo as sentenzas agora coñecidas, a finais do curso 2021-22 a Xefatura Territorial de Educación da Coruña detectou unha serie de incidencias no transporte escolar de varios centros que se presta a través de dous contratos adxudicados a dúas unións temporais de empresas (UTE) controladas por varias firmas do grupo Monbus. En outubro do pasado ano a consellería decidiu a "imposición de penalidades por incumprimento contractual" nas duas concesións, pero a concesionaria recorreu primeiro en vía administrativa con recursos interpostos polo propio Raúl López, propietario do grupo Monbus, e despois en vía xudicial, que é a que agora se resolve.
As sentenzas consideran probados seis incumprimentos graves e catro leves en dúas concesións distintas e salientan que a propia empresa "non os nega"
Fronte ás alegacións da empresa, que consideraba que a Xunta non documentara axeitadamente os feitos denunciados, as sentenzas consideran probados diversos incumprimentos dos pregos de condicións que rexían os contratos.
No caso dunha das concesións houbo catro incumprimentos graves (por empregar vehículos máis antigos do ofertado e que non cumprían coa categoría ambiental comprometida e por non realizar varios servizos concretos en varias xornadas) e tres leves (por demoras reiteradas nos servizos de dous centros educativos e por empregar vehículos distintos dos que a propia empresa identificara como destinados a ese contrato).
E no caso da outra concesión detállanse dous incumprimentos graves (por adscribir ao servizo vehículos sen os requisitos ambientais comprometidos e nun caso con antigüidade excesiva) e un leve (por empregar vehículos distintos dos comunicados previamente á Administración).
A concesionaria alegou que os procedementos sancionadores non se tramitaran correctamente e non probaran os feitos denunciados, pero o tribunal considera que si. "O acordo de incoación xa contén os feitos sucintamente expostos que motivan a incoación do procedemento e as penalidades que puideran corresponder", din as sentenzas, que engaden que, tras dar audiencia á empresa, "a proposta de resolución fixa de forma motivada os feitos e a súa exacta cualificación xurídica e determina as infraccións que aqueles constitúen".
Pero o tribunal vai máis alá e salienta que "a demandante non os nega [os feitos] no seu escrito de demanda" e "tampouco os negou nos escritos de alegacións e recursos que formulou na vía administrativa" senón que "antes ben, no seu escrito de demanda, os recoñece" ao falar da "utilización circunstancial dun vehículo que, cumprindo todos os requisitos normativos e de seguridade, excede da antigüidade máxima comprometida". A concesionaria mesmo cualifica de "incumprimento esporádico" o correspondente á categoría ambiental dos vehículos comprometidos.
A empresa non só pedía que se anulasen as sancións senón que, no caso de que o tribunal decidise mantelas, cando menos rebaixase a súa gravidade e con ela o importe das multas. Pero o TSXG tamén denega esa petición.
A concesionaria argumentara que a antigüidade dos autobuses non afecta á seguridade senón que "non deixa de ser unha molestia, incluso inapreciable para os usuarios". Pero o tribunal contéstalle que esas alegacións "non se sosteñen" xa que en todo caso "trátase do incumprimento, indiscutido, das condicións ofertadas, que o prego sanciona coas penalidades impostas pola Administración de forma motivada". O tribunal tamén valora que o incumprimento da calidade ambiental afectaba nun dos contratos a sete vehículos e por iso se impuxo a sanción por ese feito no seu grao máximo mentres que o incumprimento da antigüidade afectaba a menos vehículos e por iso a contía da multa foi menor.
O TSXG vén emitindo diversas sentenzas que constatan intentos de Monbus de facerse cun maior control do mercado en Galicia de xeito irregular
No transporte escolar o TSXG tamén emitiu nos últimos meses catro sentenzas que anularon adxudicacións doutros tantos contratos a empresas do grupo Monbus por sobrepasar o límite de concesións a unha mesma empresa fixado pola propia Xunta. Segundo o tribunal, "está probado" que Monbus quería "adulterar o procedemento de licitación no seu proveito".