Van 7 condenas á Xunta por decisións que beneficiaron a Monbus e o TSXG insiste: quixo "adulterar a licitación no seu proveito"

Autobuses de Monbús na antiga estación de autobuses de Santiago, nunha imaxe tomada en maio de 2017 CC-BY-NC-SA Praza.gal

A Xunta xa recibiu catro condenas por adxudicar ao grupo de Raúl López máis buses escolares dos que debía, dúas por non revisar se cumpría requisitos e unha por non multar un pacto ilegal con Alsa, e agora ve denegado outro intento de corrixir unha delas

O pasado marzo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condenou á Comisión Galega da Competencia, nomeada polo Goberno galego e defendida polos letrados da Xunta, por nin sequera investigar un pacto ilegal entre Monbus e Alsa para repartirse o mercado dos buses en Galicia. Aquela sentenza foi avalada hai un mes polo Tribunal Supremo e desde ela nos últimos oito meses a Xunta recibiu outras seis condenas do TSXG por decisións que beneficiaron a Monbus, dúas delas por non revisar se cumpría os requisitos esixidos antes de adxudicarlle contratos e catro por adxudicarlle máis contratos de buses escolares dos que debía

A Consellería de Educación tentou que o TSXG corrixise unha destas últimas condenas pedindo unha rectificación de supostos erros e un complemento da sentenza. Porén, nun auto asinado este xoves o TSXG desbótao e insiste: "está probado", di, que Monbus quería "adulterar o procedemento de licitación no seu proveito".

Pasaxeiros dun autobús de Monbús © Monbús

A sentenza que agora o TSXG rexeita rectificar ou complementar, como lle pedía a Xunta, é unha das catro similares que emitiu con datas do 16 e 26 de xuño e 20 de outubro sobre as adxudicacións do transporte escolar por parte da Consellería de Educación. Aquel concurso de 2021 foi dividido en 57 lotes e para favorecer a competencia estableceuse que unha mesma empresa non podía obter máis de 8 contratos. Porén, empresas do grupo Monbus asociadas entre si ou con outras acabaron dominando as unións temporais de empresas adxudicatarias dun número superior de lotes. 

Empresas prexudicadas recorreron e o TSXG emitiu as anteditas catro sentenzas anulando as adxudicacións de catro lotes que acabaron dominados por empresas do grupo Monbus. Segundo o TSXG, tanto a mesa de contratación, como o órgano de contratación da Consellería de Educación, como o Tribunal Administrativo de Contratación de Galicia (Tacgal) dependente da Xunta tiñan que apreciar que Monbus "dominaba" de forma "clara e incontestable" as adxudicacións por riba do límite de oito lotes fixado pola propia administración. Nos catro casos denunciados o TSXG condenou á Xunta a volver atrás no procedemento de adxudicación e entregar os contratos ás empresas que quedaran en segundo lugar.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galici © TSXG

"Está probado", di o TSXG, que Monbus, "concorreu aos diferentes lotes coa finalidade de adulterar o procedemento de licitación no seu proveito"

A última destas catro sentenzas similares foi emitida o 20 de outubro referente a un contrato no que a participación do grupo Monbus era do 97%. Días despois, o 26 e o 31 de outubro, o letrado da Xunta pediu ao TSXG tanto unha rectificación de supostos erros como un complemento da sentenza para aclarar mellor o seu contido. O TSXG respondeu a esas peticións cun auto asinado este xoves no que nega que a súa sentenza omitise nada. O tribunal di que o que pretende realmente a Xunta é "que a sala emende a súa decisión", cuestión que só está en mans do Tribunal Supremo se as partes recorren ante el. 

O TSXG insiste en que a súa sentenza "non peca de incongruencia omisiva" senón que considerando a limitación a un máximo de 8 contratos que establecían os pregos do concurso "está probado que tal grupo", en referencia a Monbus, "concorreu aos diferentes lotes coa finalidade de adulterar o procedemento de licitación no seu proveito", expresión que xa empregara o tribunal nas sentenzas previas.

A conselleira de Mobilidade e o conselleiro de Educación nun acto sobre o transporte escolar CC-BY-SA A conselleira de Mobilidade e o conselleiro de Educación nun acto sobre o transporte escolar

Ademais destas catro sentenzas por adxudicar a Monbus máis contratos de transporte escolar dos que debera, a Consellería de Educación tamén foi condenada en dúas sentenzas do 23 de xuño por non revisar que adxudicatarias do grupo Monbus cumprían cos requisitos esixidos relativos a dispoñer dunha base de operacións na zona dos contratos. Nestes casos o TSXG esixiu á Xunta dar marcha atrás ás concesións ata o punto no que debía comprobar eses requisitos. 

E xunto con estas seis sentenzas sobre o transporte escolar, a Xunta tamén foi condenada en marzo porque a súa Comisión Galega da Competencia nin sequera investigou un pacto ilegal entre Monbus e Alsa para repartirse en 2020 contratos de liñas de transporte regular. Esa sentenza foi avalada hai un mes polo Tribunal Supremo e días despois Competencia iniciou, como se lle ditaba, o expediente sancionador contra Monbus e Alsa. 

Monbus e Alsa piden ao TSXG que anule a sentenza na que considerou probado que se repartiran o mercado © Imaxe: Monbus - Montaxe: Praza Pública

Nese proceso este venres Praza.gal revelou que Monbus e Alsa veñen de pedir ao TSXG a nulidade da súa sentenza por vulnerar a súa presunción de inocencia, paso previo a levar o caso ao Tribunal Constitucional. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.