Novo revés xudicial para a Xunta e Monbus polo "dominio" do xigante lucense do transporte en unións temporais de empresas que resultaron adxudicatarias de contratos de rutas escolares da Consellería de Educación. Apenas unha semana despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulase as adxudicacións de dous destes contratos, unha sentenza do propio TSXG ditada este 26 de xuño e feita pública este día 28 fai o mesmo cun terceiro.
O TSXG anula a adxudicación dunha ruta escolar por 2,3 millóns a unha unión de empresas "dominada ao 97% por Monbus porque, no conxunto do concurso, foron "superados os límites de adxudicación permitidos" a unha mesma compañía
Neste caso, o recurso contencioso-administrativo que triunfa é o interposto por nove empresas (Arosa Bus, Transportes Álvarez Vázquez de Mondariz, Viajes Melytour, Autna, Novas Rías, Ruiz Bus, Royal Turismo, Condado Tour e Empresa Estévez Avión) contra a adxudicación do lote 57 do megacontrato de transporte escolar da Xunta, concretada o pasado 2021 por 2,3 millóns de euros. A beneficiaria foi a denominada UTE Escolar Lote 57, unha unión temporal de empresas que, di a sentenza, está "dominada polo grupo Monbus ao 97%".
Esa presenza tan maioritaria do grupo dirixido por Raul López prodúcese nun contexto no que ata nunha decena de unións temporais de empresas que tamén gañaron lotes deste mesmo concurso de transporte escolar sucede o mesmo en porcentaxes diversas, varias delas con máis dun 90% de Monbus. Isto provoca que "se superasen os límites de adxudicación permitidos" nos propios pregos do concurso. Esas normas, lembra o Tribunal, "establecían un máximo de adxudicación" de oito lotes a unha mesma empresa.
Sempre segundo esta e as anteriores sentenzas do TSXG, a mesa de contratación debeu "apreciar" que estas unións temporais estaban "dominadas de forma clara por empresas do grupo Monbus" e actuar en consecuencia para respectar as normas do propio proceso. Por este motivo, o Tribunal anula tamén a adxudicación do contrato "á licitadora dominada por Monbus" e ordena que entregue o contrato á outra candidata, a UTE Canbus, formada polas empresas que interpuxeron a demanda.
Nin esta sentenza nin as dúas anteriores son firmes, toda vez que cabe interpoñer recurso de Casación ante o Tribunal Supremo. Monbus xa avanzou, a respecto das dúas primeiras, que se dispuña a recorrer.
Estas sentenzas chegan despois de que o propio TSXG ordenase a Competencia da Xunta sancionar a Monbus e Alsa por "repartirse o mercado" de adxudicacións e un xulgado abrise dilixencias por prevaricación ao director de Mobilidade do Goberno galego
Nun contexto no que o alto tribunal galego, nas anteriores sentenzas, apreciou "prácticas concertadas cun obxectivo contrario á competencia, así como a existencia de agrupacións de empresas controladas por unha ou varias", este novo ditame chega pouco despois de que o mesmo TSXG ordenase á Comisión Galega da Competencia, dependente da Xunta, sancionar a Monbus xunto a outra empresa, Alsa, precisamente por "repartirse o mercado" de adxudicacións da Xunta.
Tras aqueloutra sentenza, un xulgado abriu dilixencias por prevaricación contra o director de Mobilidade da Xunta pola súa xestión dos autobuses. Na súa denuncia, Galibus, unha asociación de empresas do sector que se sente prexudicada por Monbus, reclamaba á Xunta os contratos cos que en 2019 e 2020 reorganizou as liñas de transporte público de Galicia.