A maxistrada, tras unha denuncia de Galibus, asociación de empresas do sector que se sente prexudicada por Monbus, reclama á Xunta os contratos cos que en 2019 e 2020 reorganizou as liñas de transporte público de Galicia
O xulgado de Instrución número 1 de Santiago, á cuxa fronte está a maxistrada Ana López-Suevos, emitiu con data 27 de marzo un auto no que acorda “incoar dilixencias previas por un delito de prevaricación administrativa contra Ignacio Maestro Saavedra”, director xeral de Mobilidade da Xunta desde 2017. A investigación que agora iniciará a xuíza é froito dunha denuncia formulada pola Asociación Empresarial de Transportes de Viaxeiros de Galicia (Galibus), que se sente prexudicada polo dominio de Monbus na maioría das concesións de transporte público en autobús que a Xunta outorgou en 2019 e 2020 para a próxima década.
A reorganización do transporte público interurbano por estrada da súa competencia que a Xunta realizou en 2019 e 2020 obrigada por unha sentenza previa do Tribunal Supremo supuxo que empresas do grupo Monbus se fixesen, en solitario ou en unión con outras empresas, coa maioría dos lotes en que se dividiu todo o territorio galego. Sobre aquel proceso vén de pronunciarse o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que nunha sentenza feita pública hai dúas semanas deu por feito que Monbus e Alsa se repartiran os concursos públicos e condenou ao departamento de Competencia da Xunta a sancionalas. Unha orde xudicial que chega despois de que tanto ese órgano nomeado polo Goberno galego como a propia Consellería de Infraestruturas e Mobilidade non atendesen diversas denuncias recibidas de empresas e sindicatos.
Galibus considera que o director de Mobilidade é consciente de que Monbus está a incumprir as concesións pero non está a facer nada
Ante o xeito en que acabaron resoltos os concursos públicos, e despois por como a Xunta está a xestionar a marcha deses contratos e as incidencias que veñen rexistrando, a asociación de pequenas e medianas empresas Galibus vén presentando diversas denuncias ante a consellería e facendo públicos diversos comunicados que ao seu ver non supuxeron ningunha mudanza por parte do Goberno galego. Por iso decidiron presentar varias denuncias xudiciais, e a que focalizaron no xeito en que a Xunta está a xestionar os supostos incumprimentos das concesións controladas por Monbus é a que agora vén de avanzar no xulgado de Santiago.
Como xa denunciaran no Parlamento BNG e PSdeG, Galibus considera que o director xeral de Mobilidade é consciente de que as empresas do grupo Monbus están a incumprir as concesións, o que prexudica ao resto de empresas. E agora a xuíza considera que os feitos denunciados “presentan características que fan presumir a posible existencia de delito de prevaricación administrativa”.
A xuíza considera que os feitos denunciados “presentan características que fan presumir a posible existencia de delito de prevaricación administrativa”
A fase da investigación xudicial é aínda moi preliminar, xa que o propio auto sinala que “non estando determinadas a natureza e circunstancias de tales feitos nin as persoas que neles interviñeron” o que toca agora é practicar as dilixencias “esenciais” para determinar esas cuestións “e, no seu caso, o órgano competente” para xulgalo. Por iso a maxistrada acorda “incoar dilixencias previas por un delito de prevaricación administrativa contra Ignacio Maestro Saavedra”, a quen tamén decidiu informar da existencia do procedemento.
O auto tamén acordou, como reclamaba Galibus na súa denuncia, solicitar á Xunta os expedientes dos concursos públicos de 2019 e 2020 nos que se renovaron todas as liñas de bus galegas. Será tras ter esa documentación cando a xuíza decidirá sobre o resto de dilixencia solicitadas na denuncia, entre elas a declaración como investigado do propio Maestro.