O Goberno galego vén axudando ás empresas do sector de xeito reiterado desde a pandemia e a guerra de Ucraína ao tempo que sanciona algúns dos seus incumprimentos e admite que calculou mal varios contratos
O pasado luns, 13 de outubro, o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, con competencias en Mobilidade, asinou unha Orde pola que vai repartir ata 17,5 millóns de euros en axudas ás 127 concesionarias de liñas de bus competencia da Xunta. Faino pola "situación de excepcionalidade económica" que segundo o Goberno galego segue afectando a ese sector, que vén recibindo millonarias axudas autonómicas desde a pandemia e a guerra de Ucraína ao tempo que a Xunta sanciona algúns dos seus incumprimentos e admite que calculou mal varias desas concesións.

A orde de axudas ás concesionarias de bus da Xunta asinouna Calvo sen facela pública. Coñécese agora a medida que o Goberno galego lles está a comunicar a súa decisión ás empresas.
En 2023 a Xunta cifrou en 60 millóns o que as empresas xa recibiran en axudas por riba do que contemplan as concesións, deficitarias na súa maioría e que son compensadas cuns cen millóns de euros ano ano
O texto da orde lembra que tras a pandemia e a Guerra de Ucraína a Xunta habilitou distintas axudas que permitiron "reducir de xeito notable as perdas de ingresos" das empresas. Así o reclamaron estas en varias ocasións, mesmo nunha reunión en 2023 co propio presidente Rueda, revelada por Praza.gal.
Tras aquel encontro, en abril de 2023 a Xunta chegou a cifrar nuns 60 millóns de euros o que as empresas recibiran en axudas por riba do que xa contemplaban os contratos asinados en 2020. Porque como servizo público que son, deficitario na gran maioría dos casos, as liñas de bus xa reciben uns cen millóns de euros ao ano dos orzamentos da Xunta.
Agora, as nova orde de axudas salienta que segue a haber efectos no sector derivados da guerra de Ucraína, cun maior custos dos carburantes e materiais. Así, destina 4,20 millóns de euros "polos efectos do agravamento da situación ata 2025", outros 5,16 millóns como "compensación pola excepcional situación económica no ano 2025". E outros 8,20 millóns como "compensación máxima pola excepcional situación económica no ano 2026".
Tamén recibirán axudas as cinco concesións que a Xunta calculou con beneficios, entre elas a principal que conecta as cidades do eixo atlántico, de Monbus, que terá 1,5 millóns
A Xunta dá por feita esta situación futura. Pero contempla esa última cifra como máxima e modulable en función do incremento real de custos.
As axudas agora aprobadas pola Xunta non só van dirixidas ás concesionarias da gran maioría das liñas deficitarias que xa viñan sendo compensadas como servizo público senón tamén as cinco liñas que o propio Goberno galego calculou que terían beneficios. Así, a principal concesión de Galicia, a que conecta as cidades do Eixo Atlántico -en mans de Monbus, presente en 49 das 127 concesións- recibirá a maior axuda, uns 1,5 millóns de euros.
Á marxe destas axudas reiteradas que veñen recibindo as concesionarias nos últimos cinco anos, desde que a Xunta outorgou os 127 contratos na gran reorganización dos seus buses culminada a finais de 2020 xa rescindiu un total de 8 concesións -para volvelas a sacar a concurso- por considerar que as súas propias previsións quedaron moi lonxe da realidade dos servizos finalmente prestados.