A Xunta rescinde 5 concesións de bus do sur de Pontevedra e xa son 8 as frustradas en toda Galicia

Autobús de Lugove este xoves na liña Baiona-Vigo e concesións afectadas no Val Miñor e Baixo Miño, Ponteareas, Tui, Mondariz e Covelo CC-BY-SA Praza Pública

Tras presentar a gran reforma de liñas de 2020 como un "éxito", o Goberno galego vai reestruturar agora o servizo no Val Miñor, Baixo Miño e O Condado tras lanzar reformas similares no Barbanza e nas liñas A Coruña-Lugo e Lugo-Ferrol

A finais de 2020 a Xunta culminou unha gran reestruturación do transporte público por estrada en autobús obrigada por unha condena do Tribunal Supremo que censurara que esa renovación non se acometera en 2010, cando o Goberno de Feijóo prorrogara o anterior e obsoleto esquema de concesións. Cinco anos despois desa reorganización, que debía durar dez anos e que a Xunta presentou como un "caso de éxito", oito das súas concesións, entre elas algunhas das principais, xa se demostraron insuficientes. 

Tras rescindir de mutuo acordo con Arriva as concesións A Coruña-Lugo-A Mariña e Lugo-Ferrol-Ortigueira e con Monbus a concesión que articula o Barbanza e o comunica con Santiago, agora a Xunta fai o mesmo con cinco concesións do sur da provincia de Pontevedra adxudicadas no seu momento a unións temporais de empresas coa denominación Lugove. En todos os casos, as empresas seguen a prestar o servizo ata que o Goberno galego adxudique por concurso as novas concesións reestruturadas.

Ámbitos territoriais das tres anteriores concesións de autobuses rescindidas pola Xunta CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

As cinco novas rescisións de concesións que vén de asinar a Xunta prodúcense por "mutuo acordo" coa adxudicataria logo de que esta o solicitase "coa finalidade de que se reestruture o servizo de transporte público en autobús na zona sur da provincia de Pontevedra, o cal redundaría no interese público". 

En concreto as cinco concesións son as denominadas XG667 Mondariz e oeste de Covelo, XG668 Mondariz, XG669 Ponteareas, XG859 Tui e XG883 Comarca do Baixo Miño e sur da comarca de Vigo, incluído o Val Miñor. As tres primeiras foron formalizadas a finais de 2019 e as outras dúas a finais de 2020 e todas debían ter unha duración de dez anos, polo que agora quedan interrompidas á metade do prazo previsto. 

En todos os casos os acordos de resolución sinalan que os servizos seguirán sendo prestados pola mesma adxudicataria ata "a implantación do novo contrato, logo do procedemento de licitación correspondente". Uns novos concursos públicos que aínda poderían demorarse, como xa se comprobou nas tres concesións que se rescindiran ata o momento.

Autobuses de Arriva na Coruña © Arriva

A Coruña-Lugo, de "inviable" a buses en 70 minutos

Nas liñas A Coruña-Lugo-A Mariña e Lugo-Ferrol-Ortigueira a Xunta aproveitou a rescisión para convocar novos contratos con servizos directos entre as principais cidades

A primeira concesión rescindida ata agora, en outubro de 2023, foi a denominada XG635 A Coruña-Lugo-A Mariña con anexos, que fora adxudicada a Autos Carballo, do grupo Arriva. A Xunta admitiu que estaba a resultar "inviable" porque ela mesma calculara mal as previsións económicas do servizo. Así que rescindiu o contrato de mutuo acordo coa empresa en convocou un novo concurso con máis cartos públicos que non se resolveu ata un ano máis tarde e que volveu gañar Arriva, por diante doutras ofertas de Monbus e Alsa. Nese concurso a Xunta aproveitou para mellorar os servizos e creou buses directos A Coruña-Lugo cada dúas horas durante todo o día e cun tempo de viaxe de 70 minutos.

Lugo-Ferrol en 90 minutos

A segunda concesión rescindida, en maio deste ano, foi a XG843 A Coruña-Ferrol-Ortigueira-Viveiro-Vilalba-Lugo con anexos, tamén ata agora en mans de Autos Carballo-Arriva. Rescindida igualmente de mutuo acordo, o Goberno galego sacou información pública o novo contrato co anuncio de que haberá catro novos servizos diarios directos entre Lugo e Ferrol, dous por sentido e día, cunha única parada nas Pontes, que tardarán 90 minutos. 

A nova concesión, cuxo concurso aínda non foi convocado, durará 5 anos, ata o momento no que deberan rematar o resto de concesións renovadas en 2019-20, pero pode ser prorrogada. Como no caso da concesión A Coruña-Lugo, a empresa que viña prestando o servizo seguirá a facelo ata que se adxudique o novo contrato, sen que nada impida que este vaia parar novamente a Autos Carballo-Arriva.

Un autobús de Monbus CC-BY-SA Praza Pública

O Barbanza espera desde hai máis dun ano

No Barbanza, con múltiples incidencias, a Xunta anunciou hai máis dun ano que rescindiría o contrato a Monbus, o que non fixo ata maio, pero aínda non convocou o novo concurso polo que os servizos seguen a ser prestados pola mesma empresa

A terceira concesión rescindida, tamén en maio deste ano, foi a XG847, que articula a comarca do Barbanza e esta con Santiago. Fora adxudicada a unha unión temporal de empresas controlada polo grupo Monbus e desde o comezo do seu funcionamento foron constantes a protestas da cidadanía por incumprimentos nos servizos. 

Hai máis dun ano a Xunta comunicou aos alcaldes da comarca a súa intención de rescindir o contrato. Pero este paso non o deu ata maio e o novo concurso aínda non foi convocado, polo que Monbus segue a prestar o servizo. Nada impediría que o novo contrato, cando se resolva, vaia parar á mesma empresa, ao igual que pode suceder cos cinco contratos agora rescindidos no sur de Pontevedra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.