Cinco anos despois da condena que anulou a prórroga do sistema de buses preexistente, o Goberno galego pon en servizo os últimos contratos e dá por culminada a reestruturación do sector
O 23 de decembro de 2020 é a data na que o Goberno galego dá por culminada a reestruturación do transporte público interurbano de toda Galicia a que se viu obrigada tras anular o Tribunal Supremo hai cinco anos a prórroga que ela mesma decidira hai dez anos do anterior sistema de transportes, deseñado en diferentes momentos do século XX.
Agora, tras diversas demoras, catro remudas no departamento de Mobilidade da Xunta e conflitos con empresas e traballadores, a Xunta remata o proceso coa posta en servizo dos últimos contratos que lle quedaban pendentes de adxudicar, en diversas zonas das provincias da Coruña, Pontevedra e en menor medida no norte de Lugo, despois de que en meses anteriores fixese o mesmo noutras moitas comarcas. Con eles, a nova rede de buses interurbanos queda configurada por máis de 3.100 liñas que atenden máis de 49.000 paradas.
A Xunta habilitou unha web, bus.gal, na que é posible planificar as viaxes indicando lugares de orixe e destino e data do desprazamento, contemplando incluso a opción de transbordos. Porén, o propio buscador sinala que “non dispón de información de todos os servizos existentes actualmente, polo que pode haber máis servizos dos visualizados como resultado da busca”. Como alternativa, ademais de facilitar o teléfono 988 68 78 00, a Xunta tamén ofrece a posibilidade de descargar fichas en formato PDF cos servizos de transporte dispoñibles en cada concello que recollen “a última explotación aprobada incorporando na ficha a data a partir da cal estarán vixentes”. No seguinte mapa pódese acceder á ficha oficial da Xunta para cada concello:
Bus escolar compartido, servizos baixo demanda e tarifas homoxéneas con descontos xeográficos ou por idade son algunhas das novidades máis alá dos novos percorridos e horarios
O novo sistema de transporte interurbano, xa activo en diversas comarcas desde hai meses, incorpora diversas novidades, ademais de cambios de horarios e liñas: recuperación de servizos de Noitebús do que o PP renegara; integración en numerosos casos, principalmente no rural, do servizo regular co transporte escolar; tarifas homoxéneas para toda Galicia con descontos en determinadas zonas e grupos de idade; e a implantación de novos servizos que só operan baixo demanda, cando reciben a chamada dun usuario.
En plena pandemia e con restricións de mobilidade e capacidade, as empresas de buses aférranse aos colexios para capear unha nova crise tras anos de continuas reestruturacións
A reestruturación do transporte interurbano chega en plena pandemia de coronavirus, con restricións de mobilidade e capacidade que fan que as empresas de autobuses se aferren ao transporte escolar como principal fonte de ingresos dun sector que conta en Galicia, grazas á súa dispersión, con 4.000 vehículos, o 9% dos existentes en toda o Estado malia que a poboación, superficie ou Produto Interior Bruto supoña só o 5%.