Tras varias denuncias da CIG contra unha ducia de empresas, o departamento de Mobilidade só requiriu explicacións a Monbus e Alsa por concorrer xuntas en catro lotes e non competir noutros dez
Obrigada pola xustiza e con meses de atraso, a Xunta aínda está agora a culminar o proceso de reestruturación das liñas de bus interurbano de toda Galicia a través de novas concesións tras anular o Tribunal Supremo en 2016 as que o primeiro Goberno de Feijóo prorrogou ilegalmente en 2009. Unha reformulación do transporte público -contestada cunha folga en 2017- que inclúe o bus escolar compartido como base do sistema no rural ou o transporte a demanda e que se artellou en varios concursos públicos divididos á súa vez en lotes por zonas xeográficas.
No maior deses concursos, con 29 lotes e valorado no seu conxunto en 237 millóns de euros a dez anos, a CIG denunciou ante a mesa de contratación que unha ducia de empresas evitaron loitar entre elas pervertendo así o principio de libre competencia. O sindicato reclamou á Xunta en varios escritos entre o 7 e o 12 de agosto que puxese os feitos en coñecemento do órgano regulador de Competencia, pero o Goberno galego vén de desbotalo tras só pedir explicacións a dúas empresas e dalas por válidas.
As denuncias da CIG ante a mesa de contratación dos 29 lotes de liñas de bus interurbano acusaban a unha ducia de empresas, as principais do sector en Galicia, de chegar a “acordos colusorios” entre elas para presentar ofertas conxuntas cando poderían facelo por separado, evitando así unha competencia que permitiría unha rebaixa do custo dos servizos para a administración.
A mesa de contratación da Xunta considera que non hai "indicio fundado" de que as empresas chegasen a acordos entre si para non competir e rexeita informar do sucedido ao Consello Galego da Competencia
O sindicato reclamaba que a Xunta paralizase as adxudicacións e puxese os feitos en coñecemento do Consello Galego da Competencia para que este os investigase, pero a mesa de contratación rexeitouno por considerar que non hai “indicio fundado” de prácticas ilegais. Só nun caso a mesa de contratación decidiu pedir explicacións ás empresas antes de rexeitar enviar o caso a Competencia. Foi aos grupos Monbus e Alsa, os maiores do sector en Galicia, que non competiron entre eles en ningún dos 29 lotes do concurso: en nove deles empresas do grupo Monbus se presentaron en solitario ou en sociedade con outras empresas pero non o fixo ningunha empresa do grupo Alsa; noutro lote si se presentaron empresas de Alsa pero non de Monbus; e finalmente en catro lotes Alsa e Monbus se presentaron en sociedade.
Actualmente dos 29 lotes do concurso xa están adxudicados, pendentes da formalización do contrato, 20, a 10 dos cales só se presentou unha única oferta
É sobre ese último caso, o dos catro lotes aos que se presentaron unidas, sobre o que a mesa de contratación pediu explicacións ás dúas empresas tras recibir as denuncias da CIG. Tras recibir esas explicacións, o 3 de setembro a mesa deunas por válidas e desbotou tamén nese caso levalo a Competencia. Segundo os argumentos das empresas, recollidos na acta da mesa de contratación, Alsa e Monbus decidiron concorrer xuntas a eses catro lotes por razóns fundamentalmente de flexibilidade a aproveitamento de sinerxías.
Actualmente, á espera de que se concreten as adxudicacións deses lotes paralizadas tras as denuncias da CIG, dos 29 lotes do concurso xa están adxudicados, pendentes da formalización do contrato, 20. A 10 deles só se presentou unha única oferta, conformada na maioría dos casos por varias empresas distintas asociadas entre si. Fontes do sector sinalan que a propia configuración dos lotes por parte da Xunta, cun número elevado de servizos en cada lote, foi o que obrigou a que boa parte das empresas galegas, moitas de tipo familiar e reducido tamaño, tivesen que concorrer asociadas entre si ou con grandes grupos para poder manter as liñas que xa viñan operando nos últimos anos.