A Xunta iniciou este luns a exposición pública do documento base para a reformulación ao longo do próximo ano e medio de todas as liñas de autobús interurbanas de Galicia. Un inicio da tramitación que se produce cando o plan xa tiña que estar aprobado, segundo os prazos establecidos por lei hai case dous anos. Ademais, esta reformulación vén obrigada pola anulación por parte do Tribunal Supremo da prórroga de todas as xa daquela obsoletas concesións que decretara o Goberno galego en 2009. Un proceso que o pasado ano provocou unha folga pero que a Xunta presenta no documento agora divulgado como un “caso de éxito”.
O Goberno galego deita parte da responsabilidade de reformar o transporte interurbano nos concellos e deputacións a un ano das eleccións municipais
No documento xenérico agora a información pública para recoller suxestións, a Xunta refírese a esa “primeira fase” de reforma das liñas impulsada o pasado ano e di agora de xeito ambiguo que “na situación creada” o servizo público de transporte “poderíase considerar en risco”, sen indicar que a orixe desa situación foi a súa propia decisión de adiar hai case unha década a reforma do sistema de transporte en Galicia. Tras a sentenza do Supremo que anulou aquela prórroga, a Xunta viuse obrigada a acelerar o que antes adiara, pero o Goberno galego presenta agora como un “caso de éxito” a reforma parcial á vista dos “exiguos prazos dos que se dispoñía” tras o seu revés xudicial.
Tras esa reestruturación parcial dalgunhas rutas á que se viu obrigada a Xunta o pasado verán, agora o Goberno galego estenderá a reforma a todo o país. E malia que a responsabilidade do transporte interurbano dentro da comunidade é súa, o Goberno galego apela, a un ano das eleccións municipais, a que se impliquen no proceso tamén os concellos e as deputacións, que o pasado ano se amosaron críticos co xeito en que se implantou aquela reforma parcial de liñas, sen información suficiente para os usuarios.
Unha das novidades que se queren introducir é a implantación de liñas non radiais nas áreas metropolitanas, isto é, que non só haxa autobuses entre as cidades e os seus concellos veciños senón tamén entre estes sen ter que pasar polas cidades
Este luns, tanto nunha rolda de prensa acompañada do seu equipo como nunha nota divulgada posteriormente, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, aproveitou para instar ás cidades de Ferrol e Pontevedra a que, aproveitando a reorganización de liñas que agora comeza, asuman a súa “obriga legal” de prestar servizos de transporte urbano, dos que carecen na actualidade. De igual xeito, apelou ás deputacións a que colaboren no deseño do novo mapa de transporte e a que presten apoio financeiro aos concellos na posta en marcha de novos servizos, salientando que só a Deputación de Ourense, a única que controla o PP, respondeu de momento ao chamamento da Xunta de iniciar conversas ao respecto.
Nesa liña, se a reforma parcial iniciada o pasado ano se centrou fundamentalmente nas zonas máis rurais, cuxa reducida demanda permitiu introducir modalidades como o transporte compartido entre escolares e usuarios xerais e o transporte a demanda, a fase que agora se inicia chegará ás zonas máis poboadas. No documento xenérico para a recollida de suxestións iniciais que agora se somete a información pública sinálase como unha das novidades que se queren introducir a implantación de liñas non radiais nas áreas metropolitanas. Isto é, que non só haxa autobuses entre as cidades e os seus concellos veciños senón tamén entre estes sen ter que pasar polas cidades. A Xunta tamén comezará a probar un novo sistema para identificar e controlar a rapazada nos servizos escolares.
Esquema das novas liñas non radiais que quere implantar a Xunta na contorna das cidades
Segundo a Xunta, toda a reestruturación afectará a unhas 1.400 liñas, 3.000 autobuses e 5.000 postos de traballo
Vázquez tamén fixo balance este luns da reestruturación parcial de liñas iniciada o pasado ano. Segundo dixo, o transporte a demanda, unha das principais novidades introducidas para que algúns autobuses deixasen de circular cun horario regular e só o fixesen se algún usuario demanda os seus servizos, foi reclamado neste tempo por unhas 750 persoas.
Tras as suxestións que se reciban no proceso agora aberto, a Xunta di traballar coa idea de aprobar o plan e licitar as súas novas rutas redeseñadas ao longo do próximo ano para que todas poidan estar en servizo antes de que remate 2019, como esixe a lexislación europea. Segundo o Goberno galego, toda a reestruturación afectará a unhas 1.400 liñas, 3.000 autobuses e 5.000 postos de traballo, que prevé que sexan subrogados polas novas concesionarias.