Feijóo nomea o seu cuarto director de Mobilidade en plena reestruturación das liñas de bus

Concesións de transporte regular e ingresos declarados CC-BY-SA Praza Pública

“Non vai haber ningún cambio na política de transportes”, asegura o presidente

Xusto un ano despois de que o Tribunal Supremo anulase a prórroga xeral das concesións de autobuses de liña regular que o Goberno de Feijóo impulsara en 2009, este xoves o presidente galego anunciou o nomeamento dun novo director xeral de Mobilidade, o cuarto nos últimos tres anos e medio. Ignacio Maestro Saavedra, enxeñeiro con experiencia en materia de augas, será o responsable de organizar o novo concurso anunciado pola Xunta no que se aproveitará para reestruturar as liñas de transporte interurbano e facer máis racionais as preto de 150 concesións existentes en Galicia.

Bugarín, experto en ferrocarrís, foi substituído en setembro de 2013 por Camino Triguero, que fora xerente do Xacobeo, e esta á súa vez un ano máis tarde por Helena de Lucas, enxeñeira aeronáutica

O primeiro director xeral de Mobilidade dos gobernos de Feijóo foi Miguel Rodríguez Bugarín, enxeñeiro experto en ferrocarrís. Permaneceu no cargo máis de catro anos, ata setembro de 2013, pero nesa data decidiu volver ao seu posto de docente na Universidade da Coruña. Desde aquel momento, hai tres anos e medio, pola dirección xeral pasaron xa outras tres persoas. A Bugarín substituíno en setembro de 2013 Camino Triguero, licenciada en Económicas e xerente do Xacobeo antes do seu nomeamento como responsable de Mobilidade. Durou un ano, e en setembro de 2014 foi reemplazada por Helena de Lucas, enxeñeira aeronáutica.

O nomeamento de Maestro Saavedra foi presentado por Feijóo este xoves como a “promoción dun subdirector” que, segundo o presidente, “coñece perfectamente a dirección xeral”. O novo alto cargo, efectivamente, era ata o de agora subdirector xeral de Planificación Técnica no departamento de Transportes, pero chegou alí hai tan só sete meses logo de desenvolver boa parte da súa carreira profesional en diversos postos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Segundo Feijóo, o seu nomeamento prodúcese, ademais, obrigado pola “renuncia” por “motivos persoais” da súa antecesora. Pero matizando a continuación que “se algún conselleiro quere cambiar algún director xeral, está no seu dereito”.

[A navegación polo gráfico pode realizarse pinchando nas liñas ou abrindo un listado na parte superior esquerda. Nas vermellas a Xunta facilita os seus ingresos e están ordenadas segundo ese importe. Concentran o groso da reforma concesional. As negras son o resto de concesións existentes desde 2005]

O novo director xeral de Mobilidade deberá afrontar nos próximos meses un dos maiores cambios no transporte público por estrada das últimas décadas. En 2009 o PP, coa abstención do PSOE, aprobou unha lei urxente pola que renovou dez anos as preto de 150 concesións de transporte público por estrada de Galicia, moitas das cales estaban a piques de caducar, a cambio de que as empresas introduciran progresivamente diversas melloras nos seus servizos e rebaixasen un 7% o custo do transporte escolar. Porén, en marzo do ano pasado o Tribunal Supremo anulou 129 desas prórrogas por contravir a normativa europea que impide medidas xerais dese tipo. A Xunta está obrigada agora a volver adxudicar a maioría das concesións, un proceso que o Goberno galego vén demorando ao tempo que quere aproveitar para reestruturar boa parte das liñas, deseñadas en diferentes momentos do século XX, para adaptalas ás realidades demográficas actuais. Segundo Feijóo, a remuda á fronte da dirección xeral “non vai supor ningunha demora” nese proceso e “non vai haber ningún cambio na política de transportes, ao contrario, hai que cumprir as sentenzas”.

Este xoves, boa parte do sector do transporte de viaxeiros por estrada estaba congregado nun hotel de Santiago nunhas xornadas técnicas ás que tamén asistiu a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que nada informou aos profesionais na súa intervención sobre a remuda á fronte da dirección xeral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.