A Xunta quebrantou a normativa europea ao prorrogar 10 anos as concesións de autobuses

Estación de autobuses de Santiago © Monbús

Pau xudicial a outra medida estrela do actual Goberno da Xunta apenas un mes despois do sufrido no eido eólico. Unha tarde de finais de 2009 Raúl López, propietario de Monbús, abandonaba satisfeito o Parlamento de Galicia. Malia á abstención socialista tras unha crítica intervención que contrariou ao empresario, a maioría absoluta que o PP recuperara poucos meses antes viña de darlle luz verde á "lei de medidas urxentes para a modernización do transporte público". A norma, aprobada pola vía rápida -lectura única-, sentaba as bases para prorrogar durante unha década as vetustas concesións de transporte de viaxeiros por estrada. Ese alargamento concretouse meses despois cunha resolución que o Tribunal Supremo vén de tombar. A Xunta, di a Xustiza, pasou por riba da normativa europea con aquela decisión.

Como practicamente todas as primeiras medidas do daquela novo Goberno de Alberto Núñez Feijóo, a prórroga foi presentada como unha medida de "austeridade", e de aí a súa urxencia. O texto, admitiu daquela o presidente, fora "pactado" coas empresas, que a cambio de gozaren das concesións durante dez anos máis rebaixaban un 7% o custo do transporte escolar e, adicionalmente, se comprometían a introducir diversas melloras nos seus vehículos, algunhas inmediatas -como un novo sistema de información sobre as rutas- e outras, de maior profundidade, cun prazo de aplicación laxo, ata o final do novo período concesional. 

Competencia advertiu á Xunta de que estaba a quebrantar a legalidade europea

Apenas dous meses despois da entrada en vigor da resolución que concretaba as prórrogas, en abril de 2010, a Comisión Nacional da Competencia (CNC) advertía de que estudaba demandar á Xunta por incumprir un Regulamento comunitario do ano 2007 que entrou en vigor tres días despois da aplicación da lei urxente da Xunta, o 3 de decembro de 2009, e que limitaba este tipo de contratos públicos a 10 anos de duración. A lei galega era, polo tanto, anterior á restrición da UE, pero a resolución da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, na altura encabezada por Agustín Hernández, era posterior. 

O Goberno galego prorrogou por 10 anos todas as liñas de autobuses de Galicia a través dunha lei urxente

Con este argumento a CNC formulou un requerimento formal ante a Consellería, que o rexeitou por "falta de lexitimación". Acto seguido recorreu a resolución da Xunta ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que lle deu a razón ao Goberno galego en maio de 2012. No entanto, Competencia seguiu camiño pola vía da casación ante o Tribunal Supremo, que nunha sentenza ditada esta semana tomba a prórroga. O alto tribunal apóiase en precedentes contra prórrogas semellantes doutras autonomías -nomeadamente, da Comunitat Valenciana- para argumentar que, efectivamente, a Xunta tomou unha decisión contraria á normativa europea.

Para os maxistrados do Supremo resulta "incontestable" que, con independencia de que a lei se aprobase antes da entrada en vigor do Regulamento da UE, a prórroga non tiña "aplicación ningunha" ata a posta en marcha da resolución, que foi ditada cando a prohibición da UE xa era efectiva. "Cando se aproba a prórroga das concesións, están xa en vigor as limitacións contidas (...) no Regulamento", resume a sentenza. Ademais, mentres que a Unión "só prevé a prórroga das concesións en termos moi delimitados e como máximo pola metade do período orixinal", a Xunta ampliou as concesións ás empresas de autobuses de xeito "incondicional e por dez anos máis a todas as concesións en vigor, con independencia do seu período inicial, do período xa transcorrido e de calquera outra circunstancia".

As consecuencias

As empresas levan gozado de 6 anos de extensión das concesións sen teren que afrontar algunhas das melloras máis custosas

Neste escenario, o Supremo conclúe que a Xunta actuou dun xeito "contrario a dereito" e, polo tanto, anula as prórrogas das concesións, que chegarían na súa maioría a finais do ano 2020. Ante o pronunciamento xudicial o Goberno galego di estudar a presentación dun recurso, se ben a opción máis probable é que teña que sacar a concurso público as 129 liñas prorrogadas no seu momento e agora anuladas.

Aínda que a Xunta se vexa abocada a licitar de novo as liñas, o certo é que a sentenza chega cando restaban algo máis de catro anos para que finalizase a prórroga dunha década. Deste xeito, levan gozado xa de 6 anos de extensión sen teren que afrontar, cando menos por completo, algunhas das melloras máis custosas, caso da modernización total das frotas, xa que a norma agora anulada non as obrigaba a facelo ata, practicamente, a fin do período concesional. O que non cabe agardar, cando menos co actual Executivo, é que este novo proceso se empregue como oportunidade para reestruturar en profundidade o obsoleto mapa de liñas de autobús galegas.

Un autobús interurbano en Redondela © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.