Outra xornada de malestar e tensión no transporte en bus en Galicia. E novo problema cunha liña xestionada por Monbus. Como xa acontecera outras veces, as persoas usuarias da ruta Santiago-A Coruña que collen o bus das 6:45 horas —que leva persoal do CHUAC, de administracións públicas, dos xulgados e de empresas privadas á cidade herculina— amosan a súa indignación e reclaman solucións á Xunta.
Media ducia de persoas quedaron en terra ao intentar coller o bus das 6:45 que une Santiago coa Coruña, un microbús de Monbus de só 19 prazas
A Plataforma 645 —constituída ante os continuos problemas na liña— denuncia que este luns media ducia de persoas usuarias volveron quedar en terra, polo que exixen á Xunta "inspeccións e solucións inmediatas" sobre a o servizo ofrecido por Monbus, que o presta cun microbús de só 19 prazas malia as reclamacións dos e das viaxeiras e a falta de reforzos que si se implementaron noutras ocasións.
As persoas afectadas anuncian protestas se non hai unha solución axiña. Case as houbo esta mañá xa, ao pensar varios das persoas afectadas en impedir a saída do bus, unha medida que finalmente rexeitaron. Segundo conta a plataforma, no bus que fai o traxecto apenas quedaban prazas dispoñibles cando aínda faltaban 25 minutos para a saída "ante a sorpresa das persoas usuarias habituais". Esta situación, cada vez máis repetida, obriga a que os viaxeiros opten por chegar con maior antelación e se apresuren a facer cola "sen ningunha garantía de que poderán subir ao autobús".
Desta vez foron seis persoas as que quedaron fóra, ás que hai que engadir as e os usuarios habituais que optaron polo tren ante "as dificultades cotiás" ou xente que desistiu hai tempo e escolle o vehículo privado.
A plataforma de afectados polos continuos problemas nesta liña pide "inspeccións e solucións inmediatas" á Xunta nun servizo "con capacidade insuficiente para a demanda real"
"A expedición de Monbus entre Santiago de Compostela e A Coruña das 6:45 continúa prestándose cunha capacidade claramente insuficiente para atender a demanda real", di a plataforma, que advirte da "enorme incerteza" que o mal funcionamento do servizo provoca entre traballadores "que dependen del para achegar puntualmente aos eus postos de traballo na Coruña. Unhas protestas repetidas noutras comarcas de Galicia sobre un transporte que ergue acotío o malestar.
O colectivo de afectados lembra que "para moitas destas persoas "o tren non constitúe unha alternativa real, especialmente cando deben desprazarse ata os hospitais ou outros centros de traballo afastados das estacións ferroviarias". "A falta de prazas no autobús pode provocar atrasos laborais, perda de quendas e dificultades para garantir a continuidade de servizos esenciais", denuncian.
A tensión este luns foi a máis, con viaxeiros considerando a posibilidade de impedir a saída do autobús pola "indignación" e a "reiteración" de problemas. Unha opción —desbotada— que, no entanto, "reflicte o grao de desesperación de quen madruga, chega con suficiente antelación e, aínda así, non sabe se poderá acudir ao traballo".
As persoas usuarias advirten do "posible incumprimento" das condicións da concesión por parte de Monbus e piden a apertura dun expediente sancionador
A Plataforma 645 lembra que a deste luns "non é unha incidencia illada" e "exixe" á Dirección Xeral de Mobilidade "que ordene inspeccións inmediatas e comprobe as condicións reais nas que se está a prestar esta expedición". Reclama que se investigue a adecuación da capacidade do vehículo á demanda habitual, a eliminación ou insuficiencia dos servizos de reforzo, o número de viaxeiros que quedan en terra e a imposibilidade de reservar praza, tamén para persoas usuarias con bonos pagados e bonificados.
As persoas afectadas advirten do "posible incumprimento das condicións da concesión e das obrigas de continuidade, suficiencia e calidade do servizo" e "reclaman a apertura do correspondente expediente sancionador e a adopción inmediata de medidas correctoras".
"Non podemos vivir nunha carreira diaria para chegar antes a unha fila e confiar en ter sorte. Falamos de traballadores que necesitan chegar a hospitais, administracións e empresas. Esiximos prazas suficientes e garantías de que o servizo público se presta correctamente", rematan desde unha plataforma que advirte xa que "apoiará e difundirá" iniciativas semellantes de queixa ou protesta noutras rutas afectadas.
Protestas continuas por toda Galicia
Porque as protestas e os problemas son continuas. Na área coruñesa producíronse de novo a semana pasada en relación ás liñas que conectan os distintos municipios da comarca. Ademais, en Ferrol unhas 300 persoas concentráronse ante a sede da Xunta reclamando un "transporte público digno" para a cidade e a súa contorna. O venres pasado, na estación da Coruña, xente usuaria quedou fóra do bus que tiña como destino Carballo. En todos os casos denúnciase saturación, falta de frecuencias e imprevisión por parte das empresas concesionarias.
Nesta ocasión as protestas céntranse en Monbus, que leva anos sendo sinalada por mala xestión e planificación das súas rutas. No Barbanza, con múltiples problemas nos últimos anos, a empresa volveu levar a concesión que a Xunta anunciou hai dous anos que melloraría logo de atopar numerosas deficiencias e sufrir queixas constantes dos e das viaxeiras.
En 2020, no marco da gran reordenación do transporte interurbano a que foi obrigada polo Tribunal Supremo, a Xunta estableceu un total de 127 concesións que deberían durar como mínimo dez anos. Desde 2024 xa rescindiu oito deses contratos por consideralos inviables, isto é, admitindo que calculara mal as súas características. Pero ata o momento só foi quen de renovar as concesións A Coruña-Lugo, que volveu a mans da mesma empresa que antes con condicións melloradas, e a do Barbanza, de novo en mans de Monbus, que foi a única candidata tras diversos incumprimentos do anterior contrato, mesmo certificados pola xustiza.