A Xunta tarda dous anos en sacar a concurso os buses do Barbanza, que seguen con Monbus

Ámbito da concesión de buses do Barbanza que aínda sairá agora a concurso mentres segue sendo prestada por Monbus CC-BY-SA Praza Pública

A concesión de transporte do Barbanza é a terceira que comeza a súa reestruturación das oito que xa fracasaron en toda Galicia tras a reorganización de 2020

Tras anos de queixas da cidadanía polo mal funcionamento do servizo, hai case dous anos, en xullo de 2024, o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, con competencias en mobilidade, anunciaba aos alcaldes e alcaldesas do Barbanza que a concesión de transporte público que comunica a comarca e esta con Santiago ía ser rescindida "de mutuo acordo" coa empresa, Monbus. 

Dous anos despois Monbus segue a prestar o servizo mentres non se contrate de novo e é aínda agora, logo da autorización este luns polo Consello da Xunta, cando o Goberno galego vai sacar a concurso esa concesión, que tardará meses en ser adxudicada. Será a terceira en ser reformulada das oito que xa fracasaron en toda Galicia tras a reorganización de todo o transporte público por estrada da Xunta en 2020.

Concellos atinxidos pola concesión orixinal de autobuses da Xunta no Barbanza outorgada a Monbus que agora o Goberno galego vai reformular CC-BY-NC-SA Xunta

Das 127 concesións en que quedou reformulado en 2020 o transporte público interurbano por estrada competencia da Xunta e que debían durar ata 2030, oito xa foron rescindidas por insuficientes ou mal planificadas, pero só unha foi xa reestruturada e adxudicada de novo con mellores servizos á mesma empresa que xa a operaba. En todas elas, tras as rescisións, e para que o servizo público non quede sen prestar, as anteriores concesionarias seguen operando as mesmas liñas ata que se concreten os novos contratos. Despois, nada impide que as mesmas empresas poidan gañar os novos concursos.

A Coruña-Lugo, única renovada

A primeira das concesións de 2020 rescindidas por constatarse a súa insuficiencia foi a XG635 A Coruña-Lugo-A Mariña con anexos, que estaba en mans de Autos Carballo, do Grupo Arriva. Tras considerar o contrato "inviable", a Xunta sacouno de novo a concurso con máis subvención pública e novos servizos directos entre A Coruña e Lugo, e volveu ser adxudicado a Arriva en outubro de 2024, un ano despois da rescisión do anterior.

As tres primeiras concesións rescindidas pola Xunta, das que só renovou a A Coruña-Lugo, ten aínda en concurso a Ferrol-Lugo e vai sacar agora a licitación a do Barbanza CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Ferrol-Lugo, novo concurso paralizado tras rescindirse hai máis dun ano

Mentres o Goberno galego non é quen de volvelas contratar, as concesións vellas rescindidas seguen sendo prestadas polos seus anteriores adxudicatarios

A segunda concesión rescindida por insuficiente foi a XG843A Coruña-Ferrol-Ortigueira-Viveiro-Vilalba-Lugo con anexos, tamén ata agora en mans de Autos Carballo-Arriva. Rescindida en febreiro do pasado ano, foi o pasado abril, máis dun ano despois, que o Consello da Xunta autorizou sacar a concurso novamente o contrato.

Aquí tamén van implantarse máis servizos directos entre Ferrol e Lugo, con ata tres ao día por sentido cunha única parada intermedia nas Pontes e un cuarto servizo durante o curso universitario os venres pola tarde de Lugo a Ferrol e os domingos pola tarde de Ferrol a Lugo. Pero para iso aínda deberá ser resolto dentro de varios meses o novo concurso que actualmente está paralizado por un recurso dunha empresa interesada.

Barbanza, á espera da renovación desde xullo de 2024

A terceira concesión rescindida foi a XG847 que articula a comarca do Barbanza e esta con Santiago. En mans dunha unión de empresas controlada por Monbus, ao asumir Diego Calvo as competencias de Mobilidade comunicou en xullo de 2024 aos alcaldes da comarca que rescindiría o contrato e convocaría un novo concurso. Porén, a rescisión non se fixo oficial ata febreiro de 2025, sete meses despois do anuncio. E foi aínda este luns cando o Consello da Xunta autorizou o novo concurso, cuxa resolución pode demorarse meses. Cando se adxudique, e como nos casos anteriores, tamén nesta zona haberá buses directos Ribeira-Santiago.

Cinco concesións rescindidas en setembro no sur da provincia de Pontevedra e para as que aínda non se convocou un novo concurso CC-BY-SA Praza Pública

Cinco concesións do sur de Pontevedra rescindidas en setembro

O pasado setembro aínda serían rescindidas outras cinco concesións máis, as cinco en mans de unións temporais de empresas coa denominación Lugove. Son as denominadas XG667 Mondariz e oeste de Covelo, XG668 Mondariz, XG669 Ponteareas, XG859 Tui e XG883 Comarca do Baixo Miño e sur da comarca de Vigo, incluído o Val Miñor. Nestes casos non hai aínda concurso público convocado para a súa renovación e, como en todos os casos anteriores, mentres non haxa un novo contrato asinado seguirá sendo a anterior concesionaria a que preste o servizo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.