Bus directo Ferrol-Lugo tras meses de trámites: a lenta mellora de Diego Calvo tras os fracasos de Ethel Vázquez

Estación de autobuses de Lugo CC-BY-NC-SA Praza.gal

O Goberno galego xa rescindiu por insuficientes oito das concesións outorgadas en 2020 que debían durar ata 2030, pero só foi quen de volver adxudicar a primeira e saca agora a concurso a segunda

En 2020 a Xunta renovou o sistema de transporte público por estrada de Galicia obrigada por unha condena do Tribunal Supremo, que censurara que esa renovación non se acometera en 2010, cando o Goberno de Feijóo prorrogara sen un novo concurso público o anterior e obsoleto sistema de concesións. Seis anos despois desa reorganización acometida sendo conselleira con competencias en Mobilidade Ethel Vázquez, xa son oito as concesións que a Xunta rescindiu de acordo coas empresas tras constatar que o seu deseño fora insuficiente.

Pero o novo conselleiro da área desde hai xusto agora dous anos, Diego Calvo, só foi quen ata agora de renovar mellorándoa unha desas oito concesións rescindidas, a A Coruña-Lugo. Máis dun ano despois da rescisión da segunda, a Ferrol-Lugo, a Xunta aínda vai convocar agora o concurso para a súa renovación, que aumentará os buses directos entre as cidades. Mentres o Goberno galego non é quen de volvelas adxudicar melloradas, as concesións vellas rescindidas seguen sendo prestadas polos seus anteriores adxudicatarios.

As tres primeiras concesións rescindidas pola Xunta, das que só renovou a A Coruña-Lugo e saca aínda agora a concurso a Ferrol-Lugo, tendo aínda pendente a do Barbanza CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

A Coruña-Lugo, única renovada

A primeira das concesións de 2020 rescindidas por constatarse a súa insuficiencia foi a XG635 A Coruña-Lugo-A Mariña con anexos, que estaba en mans de Autos Carballo, do Grupo Arriva. Tras considerar o contrato "inviable", a Xunta sacouno de novo a concurso con máis subvención pública e novos servizos directos entre A Coruña e Lugo, e volveu ser adxudicado a Arriva en outubro de 2024, un ano despois da rescisión do anterior.

Mentres o Goberno galego non é quen de volvelas contratar, as concesións vellas rescindidas seguen sendo prestadas polos seus anteriores adxudicatarios

Ferrol-Lugo, agora a concurso tras rescindirse hai máis dun ano

A segunda concesión rescindida por insuficiente foi a XG843 A Coruña-Ferrol-Ortigueira-Viveiro-Vilalba-Lugo con anexos, tamén ata agora en mans de Autos Carballo-Arriva. Rescindida en febreiro do pasado ano, foi este luns, máis dun ano despois, que o Consello da Xunta autorizou sacar a concurso novamente o contrato. 

Aquí tamén van implantarse máis servizos directos entre Ferrol e Lugo, con ata tres ao día por sentido cunha única parada intermedia nas Pontes e un cuarto servizo durante o curso universitario os venres pola tarde de Lugo a Ferrol e os domingos pola tarde de Ferrol a Lugo. Pero para iso aínda deberá ser resolto o novo concurso dentro de varios meses.

Cinco concesións rescindidas en setembro no sur da provincia de Pontevedra e para as que aínda non se convocou un novo concurso CC-BY-SA Praza Pública

Barbanza, á espera da renovación desde xullo de 2024

A terceira concesión rescindida foi a XG847 que articula a comarca do Barbanza e esta con Santiago. En mans dunha unión de empresas controlada por Monbus, ao asumir Diego Calvo as competencias de Mobilidade comunicou en xullo de 2024 aos alcaldes da comarca que rescindiría o contrato e convocaría un novo concurso. Porén, a rescisión non se fixo oficial ata febreiro de 2025, sete meses despois do anuncio. E máis dun ano despois aínda non se convocou o novo concurso.

Cinco concesións do sur de Pontevedra rescindidas en setembro

O pasado setembro aínda serían rescindidas outras cinco concesións máis, as cinco en mans de unións temporais de empresas coa denominación Lugove. Son as denominadas XG667 Mondariz e oeste de Covelo, XG668 Mondariz, XG669 Ponteareas, XG859 Tui e XG883 Comarca do Baixo Miño e sur da comarca de Vigo, incluído o Val Miñor. Tampouco nestes casos hai aínda concurso público convocado para a súa renovación e, como en todos os casos anteriores, mentres non haxa un novo contrato asinado seguirá sendo a anterior concesionaria a que preste o servizo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.