O Goberno galego atribúe a un erro propio a anulación a metade do prazo de execución do anterior contrato con Autos Carballo, do grupo Arriva, e lanza un novo concurso público no que mellora substancialmente o servizo
A finais de 2019, no marco da gran reordenación do transporte interurbano a que foi obrigada polo Supremo, a Xunta adxudicou a Autos Carballo, do grupo Arriva, a concesión de buses interurbanos A Coruña-Lugo-A Mariña, que presta servizo a medio cento de concellos do norte das provincias da Coruña e Lugo. Ese contrato tiña que durar dez anos, pero a metade da súa execución o Goberno galego vén de resolvelo de mutuo acordo coa empresa admitindo que estaba a ser "inviable" porque ela mesma calculara mal as previsións económicas do servizo.
A empresa seguirá a prestar o servizo de xeito provisional e compensada pola Xunta mentres esta non adxudique un novo contrato cuxo concurso público xa está en marcha e no que o Goberno galego, ademais de aumentar a contía de cartos públicos, aproveita para mellorar as frecuencias e implanta un novo servizo directo entre A Coruña e Lugo, que denomina en inglés Intercity Express. Ese novo servizo tardará só unha hora e dez minutos e, xunto cos xa existentes, permitirá ofrecer viaxes cada hora e mesmo cada media hora entre as seis e media da mañá e as nove da noite.
Segundo sinala a propia Xunta na resolución pola que rescindiu a anterior concesión de mutuo acordo con Autos Carballo, a empresa pedira un reequilibrio concesional ante as perdas que dicía estar a sufrir. A Asesoría Xurídica da Xunta considerou que iso non era posible pero si unha resolución do contrato por mutuo acordo ao considerar que "os datos reais de demanda da concesión se afastan de xeito importante dos previstos no estudo económico-financeiro" que o propio Goberno galego elaborara ao sacar a concurso a concesión en 2019. Iso estaba a facer "inviable a concesión desde o punto de vista económico".
A Xunta admite que os datos reais de demanda da anterior concesión "se afastaban de xeito importante dos previsto no estudo económico-financeiro" feito por ela mesma, o que facía "inviable" o contrato
Tras chegar a un acordo temporal coa empresa para que o servizo público non quedase sen prestarse a cambio de darlle un máximo ao mes de 12.500 euros, o Consello da Xunta autorizou hai unhas semanas a convocatoria dun novo concurso con mellores condicións para quen resulte adxudicatario. Se o concurso de 2019 contemplaba unha concesión de 10 anos cun beneficio industrial total nese tempo para a empresa dun millón de euros e sen que a Xunta tivese que poñer cartos para compensar posibles perdas so servizo público, o novo concurso agora en marcha é por seis anos -prorrogables- nos que se prevé un beneficio para a empresa de algo máis de 900.000 euros pero no que agora a Xunta porá 4,7 millóns de euros como compensación polo servizo público a prestar.
Pero a Xunta aproveita o novo concurso para introducir tamén melloras nos servizos esixindo a quen resulte gañador que dispoña de máis autobuses e reforce as frecuencias. O Goberno galego publicitou que nas xornadas laborables de luns a venres haberá, ademais dos que ya funcionan actualmente, "oito novos servizos de ida e outros tantos de volta, asegurando así un servizo cada hora por sentido entre as 6.30 e as 21.15 horas". Ademais, "os sábados súmanse dous servizos de ida e dous de volta, e os domingos e festivos prepárase un servizo máis en cada sentido".
O novo contrato contempla buses cada hora ou media hora entre as dúas cidades desde as 6.30 da mañá ata as 9 da noite
O lanzamento do novo concurso permite coñecer agora os detalles das novas frecuencias. Os servizos Intercity Express entre A Coruña e Lugo tardarán 70 minutos, un cuarto de hora menos que os actuais servizos máis rápidos, que empregan unha hora e 25 minutos en conectar os dous extremos da liña porque fan varias paradas nas dúas cidades, especialmente nos seus centros hospitalarios. Ademais hai outros servizos con paradas a demanda nas vilas intermedias, denominados "por Guitiriz", que tardan máis de dúas horas.
O novo concurso aínda está pendente de adxudicarse pero xa se sabe que ao mesmo presentouse novamente Autos Carballo así como dúas unións temporais de empresas, unha delas con varias firmas do grupo Monbus. Ademais da rescisión e convocatoria dun novo concurso para esta concesión A Coruña-Lugo-A Mariña, a Xunta tamén ten pendente renovar a concesión do transporte interurbano no Barbanza, adxudicada no seu momento a Monbus e que nestes anos rexistrou todo tipo de incumprimentos.