Dende principios de mes están en vigor as medidas para o transporte público incluídas no plan do Goberno de España contra a crise de prezos. Entre elas destaca a gratuidade de abonos en trens da Renfe e os descontos para uso recorrente do autobús. No caso dos buses interurbanos competencia da Xunta, este desconto é do 50% (30% Estado, 20% Xunta) a través da Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG)
Esas subvencións públicas aos buses interurbanos son compatibles coas promocións que as empresas concesionarias queiran realizar. Ao día seguinte de entrar en vigor a medida, o 2 de setembro, a principal compañía do sector no país, Monbus -que aglutina boa parte das principais concesións-, anunciou que pola súa banda agregaría un 45% de desconto adicional en varias das súas rutas no Eixo Atlántico para "responder aos descontos ferroviarios", que pasaron a estar bonificadas ao 95%.
A concesionaria explicou daquela que a súa "agresiva iniciativa" tiña como obxectivo "protexer os seus viaxeiros máis fieis" fronte aos descontos na Renfe, que ve "discriminatorios" fronte á "máis acertada e proporcionada resposta" dos descontos xerais do 50% nos autobuses. Nas liñas seleccionadas en cidades e vilas, os traxectos pagos coa TMG pasaron a custar un importe súper reducido inferior a un euro.
Tras Lugo, a seguinte cidade galega con menos conexións por bus a prezo inferior a un euro é Ourense. Só dispón dela con Santiago, única ruta na que compite co tren
Ficou así trazado un novo e inédito mapa que, no caso da Galicia urbana, deixa a Lugo como única cidade sen ningunha conexión coas demais urbes galegas a ese prezo súper reducido en autobuses con concesión da Xunta. Como amosa o cadro sobre estas liñas, alén doutro tipo de abonos ou bonificacións previos ao plan contra a crise de prezos, o desconto xeral do 50% coa tarxeta de transporte deixa as conexións de Lugo coa Coruña (Arriva) e Ourense (Monbus en unión temporal -UTE- con outras empresas) como as menos custosas, a 3,87 euros por traxecto; seguidas das de Santiago (Monbus e Alsa en UTE) a 4,10 e Ferrol (Arriva) a 4,32. Viaxar da cidade da Muralla a Pontevedra (Monbus) elévase xa a 6,59 malia ao desconto e chega a 7,49 no caso de Vigo. Todo, segundo información tirada do portal do transporte público da Xunta.
Tras Lugo, a seguinte cidade galega con menos conexións por autobús con outras urbes a prezo súper reducido é a outra capital do interior, Ourense. Só a liña con Santiago (Monbús), que compite directamente co tren, baixa do euro por traxecto por mor da combinación da subvención pública co desconto privado adicional. Vigo dende Ourense custa 3,65 (desconto do 50% incluído), Lugo e Pontevedra soben a 3,87 e A Coruña supera os 7 euros. A conexión directa con Ferrol non existe -a Xunta ofrece como alternativas transbordos na Coruña, Betanzos, Vigo ou Lugo).
Na banda contraria da situación de Lugo e Ourense atópase Santiago, conectada por menos dun euro con cinco das restantes seis cidades galegas, todas agás a capital lucense. Dáse a circunstancia de que Compostela é, precisamente, a que conta actualmente con máis opcións de conexión ferroviaria co resto do país, agás precisamente con Lugo.
Ferrol ten conexións por menos dun euro con Vigo, Santiago e Pontevedra pero non coa Coruña, a súa cidade máis próxima e coa que ten conexións ferroviarias moi deficientes
Alén dos dous principais centros urbanos do interior, a outra cidade onde nos últimos días agroman as queixas polo servizo de autobuses é Ferrol. A cidade departamental ten conexións por menos dun euro con Vigo, Santiago e Pontevedra pero non coa Coruña (2,05), a cidade que ten máis próxima e coa que ten unha dinámica de relación diaria, pero tamén conexións ferroviarias moi deficientes.
A propia empresa concesionaria (UTE Hércules Norte, xestionada por Monbús) foi requirida pola Xunta nos últimos días para introducir axustes e reforzos na conexión de Ferrol coa Coruña. Todo nun contexto de "incremento de demanda superior ao previsto, ao coincidiren o inicio do curso escolar coa aplicación do desconto adicional do 50% e a recuperación progresiva dos usuarios que mudaron os seus hábitos coa pandemia", segundo indicaron dende a Consellería de Infraestruturas a Praza.gal.
As saturacións non se producen unicamente na conexión da Coruña a Ferrol. Danse especialmente en días e horas punta, como venres e domingos, cando á demanda habitual de transporte público por estrada se engaden desprazamentos coma os do estudantado que regresa aos seus fogares pola fin de semana, tanto entre cidades entre cidades e vilas.
Monbús, principal empresa do sector, lanzou os descontos adicionais para "responder aos abonos ferroviarios gratuítos" e advirte de "avalanchas" de usuarios
Ese incremento da demanda foi cualificado pola propia Monbús como "avalancha" o pasado venres 9 de setembro referido aos servizos dende Santiago. Nese día, afirmou a empresa, tivo que "afrontar un número completamente extraordinario de reforzos" dende Compostela para "atender as liñas que conectan con Ferrol, Vigo, Ourense ou Lalín", ao seu xuízo con maior demanda pola saturación dos trens con abono de balde.
Nesa mesma comunicación, a empresa lucense lembraba que aplicou o desconto adicional do 45% para "responder á iniciativa de distribuír abonos ferroviarios gratuítos". Ve a medida, reitera, "discriminatoria" e "altamente prexudicial para as empresas" do sector de transporte de pasaxeiros por estrada.