Monbus, principal beneficiaria das novas liñas de bus da Xunta, obtén un de cada catro contratos

Publicidade do propio grupo Monbus das múltiples empresas do grupo Dominio Público Grupo Monbus

Cando a Xunta anunciou o seu novo e contestado plan de transporte para o rural, co que a partir do 8 de agosto integrará os autobuses escolares cos regulares, asegurou que protexería ás pequenas e medianas empresas fronte ás grandes firmas do sector. Para iso, malia que deseñou contratos zonais cuns requisitos tan elevados que impedían a moitas desas pequenas empresas acceder a eles, o Goberno galego dixo que facilitaría as unións temporais de empresas (UTE). Porén, o resultado final das adxudicacións revela que boa parte desas unións de empresas adxudicatarias non foron de firmas pequenas senón de diversas sociedades dun mesmo gran grupo, Monbus, propiedade de Raúl López, que acadou así un de cada catro contratos en liza, o límite establecido pola Xunta para un mesmo conglomerado de sociedades.

Diversas empresas do grupo de Raúl López fanse coas concesións en sociedade consigo mesmas malia que a Xunta presentou a posibilidade de agrupar firmas como unha medida para a subsistencia de pequenas e medianas empresas

Nesta primeira reestruturación do transporte en Galicia, previa á que en 2019 afectará a toda a comunidade, a Xunta sacou a concesión 41 contratos zonais fundamentalmente en Ourense e Lugo. Deles, o pasado mércores a Consellería de Infraestruturas adxudicou unha primeira quenda de 27 contratos. Un día despois, o xoves, a consellería fixo públicas outras 11 adxudicacións das que explicou que se atrasaran un día á espera de que as empresas lle xustificasen mellor as rebaixas que plantexaban no que aspiraban a cobrar da Xunta. Deses 11 contratos dos que a consellería amosou inicialmente dúbidas sobre as ofertas económicas presentadas, 8 foron parar a unións de empresas con presenza de firmas do grupo Monbus, aos que hai que engadir outros dous obtidos o día anterior. Para concorrer e obter estas concesións, o grupo Monbus presentou unións de varias das súas diversas empresas de autobuses como Castromil, Auto Industrial, Monforte ou La Unión.

Algunhas das liñas que obtiveron as empresas de Monbus son as máis atractivas economicamente do paquete agora a repartir e xa viñan sendo operadas por empresas do mesmo grupo. Monbus mantén así a súa posición en Galicia malia os problemas xudiciais aos que se enfronta o seu propietario, que adoitaba obsequiar con regalos de elevado importe a numerosos políticos e funcionarios que os tribunais non consideraron reprochables penalmente.

Tras Monbus, a outra gran multinacional presente xa en Galicia, Arriva, obtivo tres concesións, situadas no norte da Coruña e Lugo, a zona na que xa viña operando. A que entra con forza na comunidade, con cinco concesións en sociedade con outras empresas locais que xa operaban nesas zonas, é Kautras SL, empresa con sede en Barcelona.

A Xunta aínda ten pendentes de outorgar tres contratos máis que adxudicará a dedo de xeito directo “ante a falta de ofertas válidas para concorrer a esas concesións”

A Xunta aínda ten pendentes de outorgar tres contratos máis que adxudicará a dedo de xeito directo “ante a falta de ofertas válidas para concorrer a esas concesións”, segundo di. Son os correspondentes ás zonas de Ourense, Baixa Limia e Terra de Celanova, precisamente as que hai un ano eran postas como exemplo por parte das súas anteriores empresas adxudicatarias das perdas que estaban a ter por operar nas mesmas, o que as levou a renunciar ás anteriores concesións.

Concesións outorgadas pola Xunta o xoves despois de amosar dúbidas sobre as súas ofertas e nas que as empresas do grupo Monbus son maioritarias Dominio Público Xunta de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.