0 Gardados para despois

A Xunta avanza co seu contestado plan de transporte, no que pode elixir as empresas sen concurso

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O Consello da Xunta aprobou este xoves a incorporación ao seu novo modelo de autobuses para o rural da cláusula de subrogación dos condutores por parte das novas empresas adxudicatarias coa que pretende desactivar a vertente laboral do conflito que ten aberto con sindicatos e patronal. A intención do Goberno galego é, unha vez incorporada esa cláusula, publicar a próxima semana no Diario Oficial de Galicia a licitación das novas concesións, apurando os prazos para que poidan entrar en servizo en agosto malia que aínda estea lonxe de acadar un acordo co sector. En caso de non logralo a tempo, a Xunta ten na súa man a posibilidade, plasmada nunha lei o pasado febreiro, de adxudicar a dedo as novas concesións e mesmo de xestionar directamente o transporte. Malia que o propio Goberno galego foi o que explicitou no texto legal esas posibilidades, o presidente Feijóo di que é algo que non está entre os seus plans. Porén, a decisión da Xunta de seguir adiante co plan de transporte fixo que na tarde deste xoves a patronal dese por roto o diálogo co Goberno galego.

Agarrada ao principio de acordo cos condutores, unha lei aprobada en febreiro permítelle contratar os autobuses a dedo ou mesmo a “xestión directa dos servizos”, pero Feijóo di que non prevé facelo

O novo modelo de autobuses para o rural da Xunta contempla a integración do transporte escolar e o regular, o que para sindicatos e patronal supón unha redución de servizos e, con eles, de postos laborais e empresas. A unidade das dúas partes, amosada ao longo da folga que se vén desenvolvendo de xeito masivo desde o pasado 20 de xuño, é un dos principais obstáculos que tenta derrubar o Goberno galego. Agarrándose ao principio de acordo ao que chegou cos sindicatos para subrogar os empregos actuais por parte dos futuros adxudicatarios, o principal problema que segue a ter o Goberno galego sobre a mesa é o rexeitamento frontal da patronal ao novo plan, no que non ve garantidos os seus ingresos. Porén, a Xunta ten na súa man varios instrumentos para, se é quen de romper a unidade entre sindicatos e patronal, algo que aínda non logrou, dividir tamén ás empresas entre si.

En febreiro, coa denominada lei de acompañamento dos orzamentos deste ano, o PP aprobou varios artigos que dan á Xunta unha ampla marxe de manobra para obviar o rexeitamento en bloque da patronal. De feito, dotouse dun amplo abano de posibilidades para contrarrestar a ameaza das empresas de non concorrer ao novo modelo de transporte e deixar de prestar os servizos cando na primeira semana de agosto rematen as súas concesións actuais. 

A Xunta mesmo “poderá optar pola xestión directa dos servizos de transporte público [...] especialmente nos casos de ausencia de licitadores interesados na prestación dos servizos, de interrupción ou de risco inminente de tal situación”.

Por unha banda, o Goberno galego pode invitar a concorrer a cada un dos 41 novos contratos zonais a unha terna de empresas coas que abrir unha negociación individual máis concreta que a actual que se está a realizar de xeito global. Pero tamén ten na súa man a posibilidade de “dispoñer a adxudicación directa do servizo á empresa que para tal fin seleccione, coa cal formalizará directamente un contrato de xestión do servizo público de transporte”. A Xunta poderá recorrer a ese sistema se queda deserto o procedemento negociado por invitación ou mesmo cando “aprecie discrecionalmente que concorren circunstancias que non aconsellan promover a concorrencia prevista sen un grave risco de interrupción do servizo”, como podería ser a actual folga ou a ameaza das empresas de non seguir prestándoo en agosto. A Xunta mesmo “poderá optar pola xestión directa dos servizos de transporte público [...] especialmente nos casos de ausencia de licitadores interesados na prestación dos servizos, de interrupción ou de risco inminente de tal situación”.

Preguntado por estas posibilidades, e polo seu uso como baza negociadora para tentar dividir á patronal, Feijóo dixo este xoves que non está entre os seus plans. “Non temos interese en xestionar directamente” o sistema de transportes nin en “substituír á patronal”, dixo, e salientou que o que fará a Xunta é convocar unha licitación aberta, sen recorrer á posibilidade que lle dá a lei de adxudicar os contratos directamente. Porén, a Xunta si limitará o número de concesións, do total de 41 que finalmente licitará (no plan inicial eran 42), que se poderá levar unha mesma empresa. Unha medida que o Goberno galego di que introduce, como xa salientara previamente sobre a fragmentación dos contratos, para garantir a pervivencia das pequenas empresas e evitar que as máis grandes queden con todos os contratos.

“Quedan flecos importantes” -“falta o acordo da patronal”, dixo noutro momento Feijóo- a solventar “nos próximos días”

Segundo Feijóo, o acordo adoptado este xoves no Consello da Xunta supón “garantir” o emprego dos condutores, pero “quedan flecos importantes” -“falta o acordo da patronal”, dixo noutro momento- a solventar “nos próximos días” antes de que a Xunta publique a licitación no DOG “a próxima semana”.

Por outra banda, fontes da Xunta sospeitan que a unidade entre sindicatos e patronal é tal porque algunhas empresas seguen a pagarlle os soldos a algúns traballadores en folga que doutra forma non poderían resistir un paro como o que agora vén de ser ampliado de xeito indefinido a todos os días da semana a partir do próximo martes. Porén, esa situación cambiaría notablemente en agosto, cando as empresas deixen de prestar os servizos e, polo tanto, vexan reducidos os seus ingresos. Os traballadores, pola contra, serían subrogados polas novas concesionarias, que a Xunta ten na súa man elixir discrecionalmente en caso de que o conflito siga sen solución. Outra baza, a temporal, xunto coa posibilidade de adxudicar os contratos discrecionalmente, que o Goberno galego ten da súa parte para tentar debilitar a patronal.

Os empresarios dan por roto o diálogo coa Xunta

Tras unha nova reunión a tres bandas entre o Goberno galego, os sindicatos e a patronal, e mentres as dúas primeiras partes acordaban volver reunirse para avanzar nos seus acordos, os empresarios deron por roto o diálogo coa Xunta

O resultado máis inmediato da estratexia da Xunta produciuse na tarde deste mesmo xoves. Tras unha nova reunión a tres bandas entre o Goberno galego, os sindicatos e a patronal, e mentres as dúas primeiras partes acordaban volver reunirse para seguir avanzando na concreción dos seus acordos, os empresarios deron por roto o diálogo coa Xunta. A patronal fai responsables a Feijóo e á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, do peche de pequenas e medianas empresas e da perda de postos de traballo que auguran que se producirá co plan autonómico.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.